Centro de Documentación da AELG
Os moradores da nada - Mário Ferreira do Couto
Lama, Xavier
v2xavierlamaosmoradoresdanada003.html

     Ninguén dubida de que Ferreira do Couto é un dos grandes poetas portugueses do tránsito do século XIX ó XX, a pesar de que durante a súa vida non se lle coñeceu outro oficio có de enterrador e, posteriormente, xerente dunha modesta funeraria na cidade de Coimbra.
     De formación autodidacta, acabou por ter un máis ca aceptable coñecemento dos poetas románticos ingleses e alemáns, do teatro de Corneille e Racine e da obra de Chaucer ou Ronsard. Alomenos, eso é o que se tira das notas extraídas das súas lecturas, nas que denota certa propensión a unha emotividade irreflexiva e ó xuízo intuitivo, desposuído de tempero e de vagarosa elaboración. Resulta curioso que detestase a Shakespeare, por consideralo un estúrdigo maquinador de dramas pragados de efectismos que lle soaban a falsidade de espírito, a fabulosa impostación e truculencia, e que estendese esa xenreira a autores tan dispares coma Rabelais ou Lessing.
     O que parece indubidable é que Mário Ferreira, entre enterro e enterro, á sombra dun traballo gris e dunha existencia asolagada pola rotina provinciana dos que apeitan ó longo da vida cun íntimo desterro, foi labrando unha cultura caótica pero ampla. Mesmo chegou a ler con bastante fluidez en inglés e francés, o que lle permitiu acceder a versións directas de moitos autores ou a coidadas traduccións inexistentes en portugués.
     Esa loita porfiada polo saber levouna en silencio, amparado no anonimato e mesmo no máis blindado dos segredos. Cando morreu, a súa dona ignoraba totalmente aquela outra vida de buscas, incertezas e pequenos achados morais ou estéticos dun home que no fogar sempre aparentara unha escorreita mediocridade. A viúva non podía dar creto á cantidade de cadernos custodiados baixo chave que apareceron no despacho da funeraria, obra incuestionable do puño e letra do marido.
     Daquela, púidose comprobar que Mário Ferreira escribira unha vasta obra poética cun afán de transcendencia pouco común. Esa producción cobizosa e de gran extensión presentaba unha característica unificadora: o autor, adoptara o papel da Morte, revestírase coas súas galas de gran nai acobexante que nos devolve a todos ás entrañas da terra e xulgaba o xénero humano coa irónica condescendencia dun ente implacable que coñece tódolos chanzos da nosa finitude miserable.
     Mário Ferreira inspirábase a través do seu traballo na funeraria, indagando na historia persoal dos falecidos, ós que procuraba un cadaleito de rexa madeira vernizada e un enterro debidamente runfleiro. As vidas de moitos deles suxerínronlle longos poemas nos que cada existencia se individualizaba coma unha ofrenda de liberdade e submisión de felicidade ou de desgracia.
     As creacións poéticas comezaban invariablemente "Eu, a Morte..." Así compuxo un amplo friso de estampas humanas que pretenden resumi-Ia aventura barroca, fantástica e banal deso que convimos en chamar existencia.
     O caso é que a identificación de Mário Ferreira coa Morte non se esgotou nos seus escritos, senón que parece ter consecuencias aínda latexantes no presente. O primeiro estudioso que reuniu a súa poesía completa nun volume aló polo ano 1973, o respectado profesor da propia Universidade de Coimbra Eugénio Veiga da Cruz, morreu en circunstancias anormais a penas un mes despois de ver publicada a recompilación. Algún tempo despois, o investigador estadounidense Ernst Atwood, autor dunha documentada biografía sobre o poeta portugués, faleceu de socate por mor dun infarto ó día seguinte de presenta-lo libro.
     Estes feitos, lonxe de constituír unha trama perversa do azar, aparecen conectados con dúas mortes posteriores e outras desgracias menores que lle sucederon a varios estudiosos que se achegaron á producción literaria de Ferreira do Couto, desafiando unha alianza indesentrañable que parece afasta-Ia súa impervia constelación poética da común curiosidade. Ata tal punto ese feitizo estende os seus tentáculos sobre os que ousan traspasa-la liña de sombra que sempre envolveu a vida de Ferreira, que non é seguro que poida zafarse dese encantamento fatal quen lera con intriga malsana estas mesmas páxinas.