Agora que as hélices do inverno peitean a memoria neste hotel de Mónaco para saurios inertes, desde esta fiestra que abrolla sobre o mar arden na miña mente de mareas carnívoras os ollos de viño claro de tantas coñecidas consagradas coma sentinelas núas a unha inmortalidade pálida e irónica. Véxoas coma a barcos ancorados nun mar estupefacto con alustres de cinza. Son sacerdotisas evadidas dalgún estrangulamento, pantasmas inesgotables con seos de arxila, e ás veces descubro entre o aire das súas cadeiras unha curva estantía de suor que atrae ós paxaros embridados pola morte. Neses corpos cegos de perfección hai lagoas soterradas que saloucan o perfume aciago da súa finitude e transparentan unha almea inacadable onde arde a soidade coma unha flor tóxica. O meu traballo consiste en aperta-lo gatillo, perdón, o disparador que instaura unha caligrafía de xeo sobre a materia e converte a mulleres amedoñadas polo mundo en estrañas deusas cerimoniais que lumegan para sempre de misterio. Adoitan chegar ó meu estudio coma gacelas en ruínas vestidas de inercia e de abandono e converterse logo, núas ante a morte, en iconos sagrados borboriñantes de enerxía, ou de algo indefinido que só pode ser pureza. Eu son un voyeur, un mirón inútil, unha mosca impasible que a penas axexa arredor da froita madurecida e acode coma un anxo silandeiro e visionario cando un sinal secreto anuncia esa gloria sepultada disposta a emerxer nun segundo eterno, ese lostregazo no que converxen a paixón e un síntoma case obsceno de poesía. Estrictamente profesional, como din os mercenarios, así é a relación coas miñas modelos, con esas embaixadoras dunha elegancia cautiva, con esa loxia de mulleres ancestrais e atordoantes, porque todas son intrusas que se alimentan da neve, tan falsas coma celestiais aparicións tradeadas pola vinganza do tedio. Se me preguntan se me namorei dalgunha podo dicir que son un home sen escrúpulos, un xeómetra ou un estratega de corazón invariable que só coñece o idioma marcial, o pulso firme e abstraído daqueles que libran unha loita escura coa nada para atrapar nas súas redes a beleza. Despois de todo, aprendín que o amor é un rito vomitivo do sangue para agocha-las bágoas máis acedas do tempo e eu só podo contemplalas como a fulgurantes cadáveres repetidas en tantas fotos que dormen nos meus ollos, porque me lembran sempre que a eternidade é unha abismal quimera, xa que eterno é o prodixio carnal dun intre detido e nesa mesma carne aniñan tódolos rostros da morte. |