1. INTRODUCCIÓN
Sería moi doado pensarmos que a Terra Eo-Navia
ficou allea ás correntes literarias que corrían tanto en Galiza como
en Asturias. Entre as persoas con inquedanzas lingüísticas e
literarias xa dixemos que se deron tres opcións fundamentais:
escribiren en castelán, escribiren en galego estándar da época ou
escribiren en asturiano. Loxicamente había unha cuarta: facelo na
lingua do país, o galego de Asturias.
Unha das figuras máis senlleiras da poesía
castelá deste século é o poeta Carlos Bousoño, natural de
Boal, lugar onde tamén naceu Benjamín López, unha das escasas figuras
que se deron nesta época que vai de 1939 ata 1975.
En Galiza son anos ruíns para a literatura,
aínda que un grupo de poetas se lanza á producción literaria a partir
da década dos cincuenta e tamén desde o exilio. Dado que o noso
interese non é entrarmos nunha análise da literatura galega
globalmente, senón que nos interesa só o relativo á literatura galega
en Asturias, prescindiremos de facer consideracións ao respecto. Doutra
banda, non se pode achar agora unha influencia desde Galiza como si
houbera na etapa anterior; a presión do Estado, que pretende unificar
cultural e lingüisticamente España, dificulta que se cultiven os
idiomas vernáculos e mesmo nos primeiros anos do franquismo se reprime
calquera manifestación literaria que non estea en lingua castelá.
A partir dos anos sesenta dáse unha certa
permisividade: agora o idioma vernáculo aparecerá no folclore e ata os
traballos que se dedican á súa recolleita dan mostras de pezas de
literatura popular. Xa antes, como veremos no capítulo dedicado á
literatura popular, Dámaso Alonso recolleu ao longo das décadas dos
corenta e dos cincuenta unha colección de narracións orais (de anécdotas,
segundo a nosa consideración) de indubidable interese.
Na década dos sesenta e dos setenta hai
manifestacións culturais por escrito en galego nos libros de festas.
Este costume aínda se mantén hoxe aínda que poucas veces se poden
achar obras ou pezas que se poidan considerar de valor literario.
Verbo da maneira de escribir o idioma, hai que
facer notar que as relacións dos autores aos que nos referimos embaixo
con Galiza, agás no caso de Xosentoño do Pallarín, son mínimas, polo
que seguirán a usar o seu galego local, do concello, en xeral con
castelanismos, sen pretensións ningunhas de normalizalo, de buscar
unhas formas comúns porque entre eles, os autores, non existe
relación. A única referencia literaria é a do asturiano, de aí que
se usen apóstrofos e is gregos, mais sempre cada autor escribiu como
mellor lle pareceu.
2. A POESÍA
Probablemente se escribiu poesía en galego de
Asturias no exilio, aínda que non temos coñecemento diso. Dos poetas
da época anterior tampouco nada sabemos e os xornais que serviran para
a difusión da lingua e culturas locais, ora desapareceron (por seren
favorábeis ás ideas republicanas), ora deixaron de empregar o galego.
Benjamín López
Natural de Boal, é a primeira figura literaria
da época que nos concirne. Sabemos que morreu en 1965 na súa vila
natal. Como ocorría con Daniel Vargas, toda a súa obra está
recompilada nun único libro lírico que leva por título Montañas
de la Costa Verde (1960). Trátase dunha breve obriña publicada
postumamente de tan só 28 páxinas. O carácter de canto á terra
abrangue desde a primeira á última páxina, mesturándose poemas en
castelán e galego, como logo veremos que ocorría con Daniel Vargas.
Trátase dunha poesía moi sinxela, achegada ao
popular, sen grandes pretensións. Non se procura unha linguaxe
grandilocuente, senón que atopamos un canto á terra e ás súas xentes
as de Boal, dentro dun ton moi patriótico normal na época, dunha
Asturias chea de historia inserida nunha España que parece o centro do
planeta. É de salientar que dentro deste panorama, a poesía de
Benjamín López rompe o monolitismo da cultura uniformadora para que
humildemente a lingua das montañas da Conca do Navia apareza no papel.
O estilo de Benjamín López parece unha continuación da literatura da
época anterior. Non é moi distinto das composicións de Villar Loza,
anque os temas que o ocupan son máis modestos. Todos os seus poemas en
galego son: Celos de aldeana; Feria de Boal; A mellor noite del ano
e
mais Mañá de Ganza. Estas composicións son abondo longas, cun metro
moi semellante (predominancia dos versos octosílabos.
Case toda a súa poética é un canto á paisaxe, perfectamente
localizable na toponimia, dado que os lugares citados son todos
achábeis.
A señardade tamén aparece na poética de Benjamín López,
especialmente no seu A mellor noite del ano, rememorando momentos de
infancia cando a familia toda se reunía en tal data. Este poema ten un
ton desenfadado.
A poética de Benjamín López está escrita nunha linguaxe sinxela para
unhas composicións sinxelas, mostra dunha intimidade que non quixo ser
unha poesía que traspasase os límites da bisbarra. Con todo, ten o
encanto de que o idioma aparece espontáneo, rítmico, alegre e sen
atrancos.
A súa filla María Teresa, á que nos referiremos despois, continúa a
compor unha poesía semellante á do seu pai.
Daniel Vargas Vidal
Natural de Tapia, cultivou a lembranza
un tanto señardosa ás veces da súa infancia. Na súa obra en prosa,
escribiu fundamentalmente en castelán mais ten parágrafos enteiros en
galego e mesmo diálogos que aparecen na súa única obra Añoranzas y
recuerdos de Tapia de Casariego (1967).
Este libro, de 335 páxinas, consta de dúas partes, a primeira é un
percorrido por momentos da vida do autor en Tapia, con textos en
castelán onde con frecuencia aparecen parágrafos enteiros en galego.
Aquí úsase moito a anécdota coma elemento que provoca unha caste de
confesión do autor, xa adulto, ao lector
cando este segundo era rapaz. Unha boa mostra de textos en prosa (anédotas,
concretamente) veñen no seguinte apartado (_literatura costumista_), co
seu peculiar de desefado coñecemento óptimo da lingua sobre todo nos
niveis populares. É un fino observador da xente e do contorno no que se
move.
Coma poeta ten unha longa colección de poemas dentro do seu único
libro. Tamén aquí hai composicións en galego e en castelán, mais
cómpre ver nel que aquilo que quere cantar nun ton máis elevado faino
empregando o español, mentres que o galego déixao para cantar
elementos relacionados co seu pasado, coa súa infancia, coa paisaxe de
Tapia, con xogos infantís.
Estes momentos de infancia perdida, con representación de lugares
aparece por exemplo na serie "Rapacíos V", coma un canto de
nostalxia por un tempo precioso.
O humor en verso é outro elemento do que gosta con frecuencia Vargas.
En versos curtos, imitando as copras de tipo popular, ten unha longa
serioe dela baixo o título de A Queitana, que se trata dunha gavela de
estrofas soltas de catro versos que, ademais do sentido xocoso, levan
unha forte carga de melancolía.
Raro é que se use o galego na poesía do tapiego nun ton elevado (que
como xa dixemos faise só en castelán. Con todo, hai algunhas
composicións que teñen unha linguaxe abondo coidada (como sempre
incluíndo os castelanismos precisos para lograr ese ton superior):
Como el leite de burra, el "mestrín",
levaba a súa ciencia a domicilio
pra esos poucos que queren dicurrir
con algo, sobre as cousas, de bon xuicio.
Probe en roupas, mais rico en corazón,
e con alto concepto da virtú,
naide lle dera faltas de atención;
nin a propia muller consinte el "tu".
........................................................
Aí tamén taba eu, meu bon fidalgo.
Ningúa confianza coa plebe;
anque el saber se vista con ropaxos
el máis alto respecto se merece.
Mais en conto á muller xa discrepamos,
porque vale mui pouco ese respecto
que á propia muller tu lle demandas.
Aló morreu Xantipa,
pero forte, é máis forte, sigue a raza...
|
En definitiva, a poesía de Daniel
Vargas, abondo copiosa, é un oasis no deserto da época que vai do 39
ao 75. Non seguiu pautas de ningún xeito, non debeu ter influencias de
autores galegos aínda que si coñeceu a Conrado Villar Loza. A
señardade, tema tan recorrente na literatura en lingua galega, será,
porén, a catracterística que impregna toda a súa obra. A poética do
poeta de Tapia abalará entre o gusto polo popular que tratará de
imitar e un estilo elevado conforme ás correntes da poesía que se
estilaban na España dos anos sesenta, para o cal saberá variar moi
habilmente a métrica.
Xosentoño do Pallarín
Trátase do alcume dun autor que non dá
a coñecer a súa personalidade e que publicou a última parte da súa
obra na revista A Freita.
Descoñecemos case todo del aínda que parece que se puidera tratar dun
abade dunha vila próxima ao río Eo, seica na beira galega. É o único
autor fiel á tradición que representan Cotarelo Valledor e Antolín
Santos Mediante e emprega mesmo a ortografía do galego habitual a
comezos deste século. A lingua que usa é tamén a dese tempo, con
hipergaleguismos e arcaísmos frecuentes daquela. Os seus poemas tocan
todo o divino e mailo humano, nun ton xocoso delas veces e ben serio
noutras. Se non fose porque os poemas están escritos recentemente,
poderíase pensar que estamos perante un autor coetáneo de Cotarelo ao
que xa citamos. Gústanlle tamén os poemas dialogados para facer
crítica de feitos que o poeta observa, salientando a bondade do divino
sobre o mundano.
Este poeta, coetáneo dos dous anteriores, continuou nembargante a
escribir ata hai algúns anos cando parece que faleceu segundo nos deron
noticia. Non posuímos máis que os poemas devanditos publicados na
Freita, mais parece que a súa obra arrinca de moi antigo. Preferimos,
porén, estudialo nesta fase por ser o único representante da apertura
a Galiza que hai nesta época.
A curiosa poesía de Xosentoño do Pallarín toca, como xa dixemos, todo
o humano e o divino, fala en linguaxe chá ou emprega un coidadísimo
galego literario que coñece á perfección. Como lle pasaba a Santos
Mediante, Xoasentoño do Pallarín insire formas do seu galego no
estándar ao que se axusta; nembargante ás veces usa outra formas nada
propias do estándar, anque noutras épocas estiveron de moda, coma
felís por feliz ou alleia e ideia. A posibilidade de que sexa da
dereita do Eo puidera ser posíbel por outras formas como fer fronte a
facer ou unde por onde. Xunta estes, hai vocábulos propios do galego
interior que son descoñecidos na Terra Eo-Navia, literarios ou non.
Dentro dos temas relixiosos coñecémoslle algúns, como
Facer o asno,
no cal a temática sacra de carácter serio vese acompañada nalgunhas
estrofas cun estilo retranqueiro moi típico deste autor. Trátase dunha
composición en hexasílabos moi longa.
Xunto a este poema longuísimo hai outros do mesmo estilo, co mesmo
dobre ton entre elevado e chan, coma o "parrafeo de dous
rapaces" que en dous fragmentos publicou o autor en dous números
de A Freita que leva por título O caso do nacemento, que recorda
aqueles vilancicos propios da literatura galega dos séculos escuros.
Unha composición recente, tamén de mestura do chan e do elevado, é a
que lle dedica a Benigno Fernández Braña, coñecido defensor do galego
en Asturias e do que xa falaremos no seguinte capítulo.
Un poema todo el en ton moi tenro é Venerabilis barba Josephi beati,
abondo curto para o que acostumamos a atopar nel. Sabemos que data de
1992 porque o pon ao pé do poema. Este divídise en dous, como se fose
unha carta en verso, unha primeira parte que sería o "corpo"
e unha segunda que vai encetada coa palabra "P.D." A primeira
metade di así:
Os últimos poemas que posuímos del son tres poemas nunha liña
desenfadada, moi popular, que levan por título dous deles Ofrenda dun
galo; As pitas e o galo (arremedo de fábula); o terceiro non ten
título.
Fose quen fose Xosentoño do Pallarín, deu mostras de saber dominar a
arte da versificación, de coñecer ben a lingua, mesmo dialectos desta
por todo o dominio, de terse enchoupado dos clásicos galegos. É o
único, como xa sinalamos, que tivo interese en usar unha lingua estandarizada
aínda que en boa parte
cos seus criterios e seguindo modelos dos anos vinte e trinta.
3. LITERATURA COSTUMISTA
Baixo este título pasamos a nos referir
a unha literatura que busca en boa parte a lembranza da terra e da
infancia. Nela faise un repaso a anécdotas, costumes, lendas, contos ou
calquera cousa do pasado. Non sempre se mira para detrás, aínda que
elo é o máis habitual. Non é unha caste de texto que teña unha
estructura fixa, mais en xeral podemos destacar as seguintes trazas das
obras costumistas:
-
Reflicten elementos que producen
señardade no autor.
-
Mestúranse feitos reais con lendas ou contos ou mesmo anécdotas
-
Adoita usarse unha linguaxe cha e puramente dialectal, dado que os
textos tein unha localización moi concreta (en xeral as vilas e
viliñas da Mariña)
-
Non acostuman ultrapasar as catro páxinas.
Este xénero costumista ten moito que ver
coa literatura de corte tradicional á que nos viamos referindo no
apartado anterior, cunha reelaboración e un estilo que fai palpable o
estilo do autor. En realidade, poderíase pensar que a segunda é unha
das posibles evolucións da primeira.
É interesante destacar que a literatura costumista será o único que
sobreviva durante os corenta anos do franquismo. Textos deste estilo,
xunto con outros de carácter tradicional, serán os únicos que vexan a
luz ata finais dos anos setenta.
Dentro deste subxénero narrativo coidamos que a súa manifestación
máis clara é a anécdota. Trátase dunha narración na que alguén
conta un feito real polo xeral en primeira persoa que adoita ter un
fondo gracioso, aínda que este pode estar substituído por un fondo
tenro a miúdo cargado de señardade. Existen anécdotas de tipo
popular, como as recompiladas por Dámaso Alonso e posteriormente outros
estudiosos da lingua, e anécdota de tipo erudito. Cómpre ter en conta
que a anécdota dá lugar, no popular, ás lendas e aos contos
populares, mentres que en moitas ocasións os relatos curtos ou contos
para adultos non son senón anécdotas. Na Terra Eo-Navia usouse a
anécdota literaria nos xa mencionados libros de festas.
Unha mostra de anécdota de tipo oral é esta recollida por Dámaso
Alonso (30):
Condo iba cóas ovellas había un
carneiro que xa era marón (xacando había muitos carneiros, que non os
capaban como os capan agora). Aquel era meirande e podía cos outros,
dando torniscadas aos outros carneiros e ás ovellas pra xebralas das
outras cando andaban al marón (que elos xebran as que andan al marón).E
non deixaba cuase de comer ás ovellas e aos outros carneiros. E eu, .que
facía? Acurullaba as ovellas e despois pillaba
el marón meirande que era el máis fastidioso, e pois tombábalo polo
tarrén. E despois mazáballe os collois con dúas pedras, porque non
andivese máis tras das ovellas. Poñíanse uns collois mui inchados que
non lle cabían cuase entre as pernas. Había delos que dicían mal pra
sanar.
E despois os amos non sabían el que era aquelo dos
carneiros. Dicían
os amos que sería uha culobra que llos trabara.
Un día taba cóas
ovellas, cóas mías,
encima del zarro dos Pinos de Valías, e despois taban alí un pouco
máis abaxo, na casa, uns vellos que lles chamaban a tía Ramona e el
tío Andrés, mui mouros el tío Andrés non taba en casa, e despois a
tía Ramona despiuse pra cata-la pulgas na porta da cortía, e espiuse
en coiros, e púxose a cata-las pulgas. E de verao, que de inverno hai
hai poucas pulgas. Era mui moura e fea como el trasno e el tío Andrés
tamén. E eu, desque a vin en coiros, subinme a encima da casa e
púxenme a eslousar nas lousas ( a escarrapatar coas lousas) como se
fora el trasno. E despois ela vestiuse axina, pouca roupa tía que
vestir: uha camisía e uhas enaugas de la e un pano vello na cabeza. E
eu escapei pra unde tía as ovellas pra que non me conecese nin soupese
quen fora, como non o soupo.
|
Mostras diversas de anécdota erudita son
as de Daniel Vargas (31). Todas as súas deben ser biográficas ou alomenos
moi achegadas a el.
Nunha liña semellante son os traballos de José Antonio Labandera,
autor de varios estudios antropolóxicos da beira do Eo, entre os cales
merece salientarse a Leyenda del Monasterio de San Martín de Mántaras
(Boletín de la Comisión provincial de Monumentos de Lugo. Deputación
Provincial de Lugo, 1968), texto no que aparecen, como ocorría con
Vargas, parágrafos enteiros en galego dentro dunha narración en
castelán.
Sen dúbida, a literatura costumista é un elemento que mantivo, e
mantén, vivo o idioma aínda que sexa desde un punto de vista moi
festexeiro cando aparece nos libros de festas. É claro que as máis das
súas mostras teñen pouca calidade literaria, mais ás veces atopamos
pequenas xoias que son agradábeis de ler. Ningún dos autores enriba
sinalados, agás Xosentoño do Pallarín, ten consciencia de escribir
nun idioma con caracteres propio, tan só no dialecto da súa terra.
30. |
En
Obras Completas I, pp. 53-55. |
31. |
Recuerdos
y Añoranzas de Tapia de Casariego. pp. 86-87. |
|