A
lingua galega fálase non só en Galiza senón tamén nas franxas máis
occidentais de Asturias, León e Zamora, así como en tres vilas da
provincia de Cáceres. Nestas terras houbo e hai un uso literario (entendendo
este termo nun senso amplo) dos diferentes dialectos galegos e nalgúns
casos destas terras xurdiron autores que forman parte do elenco de
escritores en lingua galega.
Xunta eles hai unha literatura ora menor ora
descoñecida á que nos queremos aproximar, concretamente á producción
literaria galega feita en Asturias, dado que é a comunidade de galego
falantes fóra da Galiza maior, xa que nos dezaoito concellos máis
occidentais do Principado usan o galego arredor de sesenta mil persoas.
Aínda que tratamos esta área xeográfica e
neste século, ao cabo deste estudio faremos unha rápida viaxe polas
outras áreas, dado que tamén hai nelas autores que paga a pena
coñecer.
En Asturias, o uso do galego na escrita non
vén só de finais do século XIX, senón que xa nos primeiros tempos do
idioma a lingua tiña cabida na vida oficial. Nos documentos do Mosteiro
de Vilanova de Ozcos a mestura de latín-romance deixa percibir a
vitalidade do galego local, mais curiosamente hai xa algúns documentos
que están redixidos de todo en galego, como este que presentamos,
datado no século XIII (1):
In Dey nomine, amen. Cunusçuda cousa seia a quantos esta carta
viren commo eu Maria Uicentez de Cedamona vendo a uos abbade don
Guillermo de Santa Maria de Uilla Noua d'Oscos e ao conuento
desse mismo lugar quanta heredade eu aio e deuo auer en
Çedamona por preço que a mi e a uos ben prougo, conuen a
saber: hun boy boon e çen solidos, preço que que a mi a uos
ben prougo, do qual preço me outorgo por ben pagada e sse mays
val doo por Deus por mina alma e de meus parentes. E de este dia
en deante seia tirada de nosso poder e seia metuda en no uosso e
no do moestero e se alzen da mina parte ou da aldea contra esta
uençon e contra esta doaçon veer, aia a maldiçon de Deus e a
mina e con Iudas eno inferno iasca por senpre e aa uoz del rey
peyte con morabetinos e dobre en Gyo(...) |
Máis
recentemente fóronse publicando máis documentos desa mesma época na
revista A Freita (números 7, 8, 9). Trátase de facsímiles
tamén do século 13. Concretamente a seguinte mostra do ano 1281,
aínda que a copia é moi posterior (2),
reproduce abondo ben algúns caracteres do galego local:
Este e testamento que fezo Munin Martinez quando iazia dolente
sub era de mil e tres centos e dezanove anos. Joves dezesete
dias andados del mes dabril primamente mando do meu corpo e mia
alma al Monesterio de Santa Maria de Uilanova Doscos e mando
hy el meu quiñon de quanta herdade eu ey en Cotarelo, con todos
sous terminos e con todos sous dereytos e outro sy en Pedro
Martinez por mi e por mia muller Sancha Perez mando mando hy el
outro quiñon de quanta herdade eu ey en Cotarelo, con todos
sous dereytos por nosas almas. Et eu Munin Martinez de suso dito
quitome da herdade que tenia dos rañoes e de Johana Cotarelo. e
de sous fillos e he esta herdade en Santa Alla Doscos e iaz en
Cima de Vila. e otro ssy me quito da herdade que tenia de
Rodrigo en Cima de Vila e he da Quinta arrea. Et outro ssy me
quito de prestamo da herdade de Cima de Vila e he da Quinta
Asserra. Os que foron presentes Pedro Dominguez e Pedro Johanes
e Lope Perez E Johan Dominguez fillo de Domingo Fabian de
Teyxeyra. Et que esta seia mais firme e non possa venir en dolda
eu frey Domingo Momez Notario de Vila Nova Doscos a rrogo de
Munin Martinez de suso dito escrivi este testamento e puys ene
le meu sinal que é atal entestimonio de verdade. |
Temos un breve testemuño de copras
populares do século XVI recollidas por Euxenio de Andrade en Tornaleo (Ibias).
Unha mostra delas son:
Deita palla al boi,
Gonçalvo
deita palla ao boi.
Treixa Ferrandez
fiandeira honrada,
puxa (en) cada fio
ua pucheirada
|
Literatura galega de Asturias
Falar de literatura en galego feita en
Asturias no século XX non é un labor fácil. É mester buscar e
rebuscar textos que aparecen aquí e acolá, en xeral curtos, de autores
locais que usaron decote o castelán como lingua de expresión literaria
ou mesmo o asturiano. Si é certo que algúns autores que salientan xa
no século XX naceron no XIX e que probabelmente fixeron as súas
primeiras probas no terreo da literatura antes de entrarmos no noso
século.
Habemos cuestionarnos, antes de nada, se a literatura da franxa máis
occidental de Asturias é literatura galega. A resposta vén dada polo
simple feito de seren escritores en galego, tanto se usaron e usan o
galego estándar nas súas obras ou o galego local. Así as cousas, a
literatura feita na Terra Eo-Navia (3) forma parte da literatura galega,
aínda que hai que lle atribuír unha autonomía ao respecto da
literatura xeral galega, como logo se verá. Tal acontece coa literatura
catalana, cuxos autores poden ser cataláns, valencianos e baleares (senón
roselloneses, alguereses ou aragoneses da Franja), ou a
vasca, na que participan escritores procedentes de Euscadi, Navarra ou
Iparralde.
A AUTONOMÍA DA LITERATURA EONAVIEGA:
FACTORES
Máis arriba referiámonos á autonomía
que a literatura galega de Asturias ou eonaviega ten dentro da
literatura galega. Isto é así por dúas razóns principais que
analizaremos arreo: a peculiaridade dialectal do galego de Asturias e
mais a situación social do Eo-Navia.
O galego eonaviego (o cal describiremos brevemente máis adiante) ten
unha personalidade moi peculiar dentro do dominio galego-portugués. É
o dialecto galego con máis trazas propias no tocante á morfoloxía,
conservándose nel arcaísmos dos primeiros tempos do idioma xunto co
formas comúns co asturo-leonés (como se verá despois). Tal
caracterización levou a moitos a pensar que non se trataba dun falar
galego, senón doutra cousa, e polo feito de ser unha fala asturiana
xeograficamente, fixo pensar que era parte do asturiano.
Lingüisticamente non é así, mais fronte ao galego estándar chocan
moitos elementos que caracterizan o galego asturiano ou eonaviego. Esta
situación mantense arestora na poboación da zona, a cal ten plena
consciencia dos elementos que ten o galego eonaviego e que non ten o
galego común. Tamén á inversa, os falantes galegos achan no galego
eonaviego elementos que son dificilmente asumíbeis coma galegos, aínda
que filoloxicamente si o sexan. A escasa fragmentación dialectal galega
vese rota en Asturias (o galego falado en León ou Zamora presenta
moitas menos diferencias e achégase moito máis ao galego común).
O outro elemento que favorece a devandita autonomía é o sociolóxico.
No caso do Eo-Navia a fronteira política pesa moito. Iso non supón que
outrora non houbese intercambios entre os eonaviegos e os seus veciños
lucenses (na Mariña eran e son abundantísimos, máis escasos, en
troque, na Serra por mor da dificultade das comunicacións. Hai uns
anos, considerábase que o ser asturiano era signo de superioridade
fronte ao ser galego (hoxe, afortunadamente, estes tópicos xa están
superados). Por iso, o que había alén a raia política era algo alleo,
do que non se participaba (aínda que de feito non era así (4)).
Ademais, o xa referido feito de o galego eonaviego ter unhas trazas moi
de seu, levou os habitantes da zona a consideraren que eles habían
desenvolver a súa propia cultura (o cal tampouco é moi exacto, porque
na literatura popular percíbese a continuidade que hai entre Galiza e
Asturias, onde o Eo-Navia fica no medio, dando, é certo, un toque
propio ás súas manifestacións culturais).
En definitiva, o feito de os habitantes do Eo-Navia non seren galegos e
de teren un dialecto ben diferenciado do galego común, fixo (e en parte
aínda fai) que a literatura (menos a popular cá erudita) teña unha
autonomía fronte ao resto da Galaicofonía.
O REXURDIMENTO NO EO-NAVIA
A Terra Eo-Navia (ou o Eonavia) non foi
allea ao proceso do Rexurdimento Galego. Tendo en conta que non se trata
dun momento illado que estoupe e logo pase, senón que toda a segunda metade é un clamor a prol da
recuperación da literatura galega que chegará ata a Guerra Civil do
36-39, no ultraoccidente asturiano hai conciencia de que a lingua está
en xogo, polo menos da man de certos autores, dos que salientamos a
Armando Cotarelo Valledor e a Antolín Santos Ferrería, dos que nos
ocuparemos máis adiante.
Loxicamente esta conciencia de galeguidade lingüística non a tiñan
todas as persoas cultas que usaron o galego de Asturias, como aínda
ocorre hoxe en día. Moitos autores, como acontecía en toda a España
de lingua vernácula non-castelá, optaron polo español como lingua
única de cultura e algúns sumáronse á tradición abondo viva no
centro de Asturias da literatura que daquela se chamaba en bable.
Polo tanto, a literatura galega de Asturias ten dous referentes
como
aínda os ten hoxe: o Rexurdimento literario de Galiza dunha banda e
mais a tradición literaria do asturiano pola outra (que de feito é
tamén un Renacemento ao que se lle dedicou menos estudios que ao galego
ou ao catalán, mais que é paralelo a ambos os dous) (5).
É curioso sinalar que antes da aparición da gran poetisa nacional
galega, Rosalía de Castro, xa un autor publicou un libro de sou en
galego sendo bierzano. Trátase de Antonio Morales, que usou o galego
bierzano para compor a súa obra poética en 1837: Versos en dialecto
berciano, de modo que se pode ver que o Renacemento das Letras Galegas
non veu exclusivamente de Galiza, senón que participaron nel autores
galego-falantes do exterior. Este poeta, amante da súa terra, fai unha
poesía moi clásica, dentro da liña da señardade, que empeza a ter
matices de romántica (non é aínda unha exaltación da propia terra
mais si se mira para ela cunha fondura especial). De verso curto, os
poemas percorren a paisaxe e as acordanzas do poeta que viviu o máis do
tempo fóra da súa terra natal. Probabelmente sexa este o primeiro
exemplo de saudade da literatura galega moderna, adiantándose así
Morales a Rosalía, aínda que o primeiro non ten a forza expresiva nin
o sentimento de soidade da segunda.
Máis adiante, estudiaremos outro autor orixinario do Baixo Bierzo que
tamén escribe en galego, Aquilino Poncelas Abella. Incluímos este
autor no noso elenco por pertencer á área dialectal do galego
eonaviego (6).
Volvendo a Asturias, estudiaremos aqueles autores que tiveron boa parte
da súa producción en galego eonaviego neste século. Téñase en conta
o dito anteriormente de que o feito de escribiren en galego non supuña
que non o fixesen noutra lingua (xeralmente o castelán, no que polo
demais sole estar redixido o groso da súa obra).
Queremos reseñar que estas páxinas son unha débeda que a literatura
galega ten cunha parte de si mesma, dado que toda producción literaria,
por pequena que sexa, que utilice a lingua de Rosalía en calquera das
súas variantes, é literatura galega (reiterámonos neste punto). Así,
nós queremos incluír algúns autores que, en xeral modestamente,
contibuíron e contribúen ao engrandecemento da nosa lingua desde fóra
das fronteiras administrativas da Galiza.
O DIALECTO GALEGO DE ASTURIAS: O SOPORTE
LINGUISTICO
Practicamente toda a literatura galega feita en Asturias está feito no
galego eonaviego, probabelmente o dialecto más paculiar dentro non só
do galego, senón do galego-portugués. Por iso, parécenos interesante
reseñar, aínda que sexa brevemente, cales son as trazas que
caracterizan ao galego de Asturias.
As vocais tónicas son abertas fronte ao resto do galego que as ten
pechadas cando van trabadas de -n-: paciència, presència,
ocasiòn,
Ramòn; mesmo no caso nos plurais de -òn consérvase a vocal aberta:
ocasiòis, vacaciòis, etc. Tamén hai abertura de vocais en desinencias
verbais da segunda conxugación no pluscuamperfecto e no imperfecto de
subxuntivo: comèra, comèses, fòra, fòses, etc.
Característico é o tratamentos dalgúns ditongos (citaremos só os
casos moi característicos), que resultan diferentes ao respecto do
resto do dominio. Así, téndese a achar -ei- onde o resto do idioma ten
-ai-: feirás, treirán, reis (plural de ral), reíz (sempre máis no
norte que no sur): ameicer, esqueicer, beilar, meíz,
reíz, vei,
peisano, etc.
Propio tamén da zona é o fenómeno da monotongación de -co- e -go-:
no dialecto centro-oriental hai unha grande tendencia a reducir CUA e
GUA a -co- e -go-: condo, conto, agordar, contía,
coresma, gornición,
gorecer, escoxiringar, mais cuatro, cuase, cuallar, aínda que no
occidental, como o galego lucense, xa presenta formas como as
literarias. Paralelo ao anterior áchase a ditongación na presencia de
-g- pois o galego eonaviego ditonga -o- en -ou- cando lle segue -g-:
lougo, fougo, hougano, rougo, avesougo, etc. Tamén -g- provoca que
ditongue calquera vocal en moitos outros casos: eugua, leugua,
fraugua,
augua, áiguela, etc. Tamén pódese atopar unha conservación de
antigos ditongos xa que hai casos de ditongos arcaicos conservados:
escaecer:esqueicer, amaecer:ameicer, paolla, maollo.
Un fenómeno de evolución consonántica é -zc- onde o resto do galego
ten -sc-: ozca, mázcara, ezquerda, pelizcar, etc.
Loxicamente, o galego de Asturias presenta as terminacións
-ao,-á nos
termos patrimoniais, mais -ín, -ía, fronte a -iño/a do resto do
idioma. É o diminutivo máis característico do galego-portugués e do
asturiano baixo as formas -ín, -ina. Aplícase a nomes e adxectivos con
toda normalidade: homín, rapacía, pequenín. Cando
-ín se une a -eiro
en galego eonaviego occidental dáse a forma común do galego:
sardiñeira de sardía, muiñeiro, diñeiro, etc. Sen embargo, no resto
do dialecto cae -n- intervocálico: mulieiro, cocieira, dieiro (xunto
con diñeiro). O mesmo ocorre cos verbos: cociar, camiar,
adiviar.
A metafonía de antiga nasal, que se dá en galego eonaviego coas
antigas nasais, mais no norte e centro e mais no sur dá resultados
distintos segundo as zonas:
ten peche dun grao no sur: chèn, chéa,
chéos, chéas; roubòn, roubóa, roubòis,
roubóas.
ten peche de ata dous graos no norte e centro:
chèn, chía, chíos, chías; roubòn,
roubúa, roubòis, roubúas.
Ortograficamente, os resultados segundos veñen grafados como -éo-, -éa-
e -óa-.
O dialecto oriental do galego eonaviego palataliza como o asturiano
común:
L- > ll-: lúa,
lonxe, lado, ler, lar,
lobo, lume, etc.
-LL- > -ll-:
tolo, martelo, tolo,
bolo, aló, etc.
O conxunto das variacións do género e do número no galego eonaviego
quedan perfectamente recollidos no seguinte cadro: chao, chá,
chaos,
chás; folgazais, folgazá, folgazais, folgazás;
chen, chéa, chéos,
cheas; vecín, vecía, vecíos, vecías;
bon, bóa, bós, bóas; lambión,
lambióa, lambiois, lambióas;
común, comúis; ruin:rin,
ruía:ría, ruíos;ríos, ruías:rías.
No plural é moi habitual que se conserve
-l- porque en case todo o galego de Asturias se conserva (calente,
avolo, salir, palo, esquilo) e resulta logo "regular":
animales, caracoles, etc. Con todo hai constancia de plurais sen -l:
rais, animais,
atafais.
No superlativo, hai formas características, como que
bon e ben sempre
van precedidios de muito e non de mui: Eso está muito ben. Como formas
de reforzo, amais das comúns de mui e ben, úsanse mui ben e
abondo ben.
Un dos elementos que lle dan unha fisionomía propia ao galego eonaviego
é o artigo determinado masculino/neutro singular, cuxa forma é el,
fronte a o do galego común. Con todo, alternan o e el. Ademais, para o
feminino úsase tamén el cando a palabra seguinte comeza por vocal
tónica (el urna, el outra, el eira).
No artigo indeterminado atópase uha máis correntemente que
unha; igual
que ocorría co artigo determinado, os femininos que empezan por vocal
tónica usan o alomorfo un no canto de uha: vereite dentro dun
hora.
Entre os posesivos hai tamén curiosidades como
mía, tou, sou, que son
auténticos arcaísmos dentro do sistema galego-portugués. Igualmente,
formas exclusivas dos demostrativos son estos, esos,
aquelos (na zona
palatalizadora aquelos); paralelo aos anteriores é o pronome persoal
elos.
Nos indefinidos e cuantitativos compre destacar uns arcaicos partitivos
del, dela [della], delos [delos],
delas [delas] e outras formas
descoñecidas no galego común, como daqué (=algo) e daquén (=alguén).
No verbo, sinalaremos brevemente que os perfectos da segunda
conxugación fortes en -iche en vez de en -eches. Na rexión limítrofe
con Galicia é frecuente que a terminación -ei (incluídas formas como
hei e sei) tomen -n: tomein, falein, subirein,
falarein, hein, sein. O
mesmo fenómeno ocorre en Fonsagrada e Navia de Suarna. En presente de
subxuntivo aparece en todas as falas unha acentuación do plural
analóxica co imperfecto de indicativo: cómamos, cómades;
séñamos,
séñades. Con todo, unha acentuación non analóxica, coincidente co
portugués, é perfectamente válida e hoi en día máis común na fala.
En canto á acentuación do imperfecto de indicativo, do
pluscuamperfecto e do presente de subxuntivo non se dá a mesma
acentuación da lingua normativa: falábamos, falábades;
faláramos,
falárades; falásemos, falásedes. Nembargante a outra acentuación si
se dá en ancarés e Suarna.
Os verbos da terceira conxugación, cuxa vocal rizotónica é -a-,
teñen un comportamento particular na zona do sur, onde toman un iode na
primeira persoa do singular do presente de indicativo e mais en todo o
presente de subxuntivo:
Partir: |
partio, partes, parte, partimos,
partides:partís, parten
|
partia, partias,
partia, pártiamos, pártiades, partian |
Hai moitas outras características do
galego de Asturias, mais non é cuestión de nos estender máis.
Simplemente, sinalaremos que o galego de Asturias (case todo el) e mais
o dos Ancares (en León) considéranse un mesmo bloque dialectal, o
bloque raiano, de características morfolóxicas propias fronte ao resto
do galego.
ALGUNHAS ANOTACIÓNS ORTOGRÁFICAS
Hoxe en día existe unha normativa
vixente para o galego de Asturias (7), mais esta normativa
un subestándar
resulta moi ambiguo e está en fase de discusión e melloramento.
Recentemente estase a publicar na revista A Freita unha proposta de
normas (8) que tratan de recoller algúns aspectos que ficaron pouco claros.
En cuestións ortográficas, e seguindo as pautas do dito artigo, ao
longo do noso traballo os textos (ou citas) en galego eonaviego
axeitaranse aos seguintes puntos, co gallo de chegar a unha unificación
ortográfica dos textos:
- Metafonía por antiga nasal: cando se trate de reproducila, as vocais
afectadas levarán un acento agudo sempre en posición tónica: bóa,
grandóa, chéa, chéos, etc.
- A palatalización irá sempre marcada con
-
l-: así escribiranse
lado, tolo, louco,
marelo, etc.
- Non reproducimos nunca o -y- que será substituído por -ll- ou -i-
segundo corresponda: traballo, muller, coller, lle; apoio, maio, etc.
- Nos apóstrofos reporanse as vocais elididas, a non ser que poida darse
unha contracción.
- Faremos un uso conforme á normativa vixente das letras -b-, -v-, -h-,
-x- e mais os grupos cultos.
- Respectarase sempre a terminación -ado conforme a criterios normativos.
- O artigo neutro lo, que é castelanismo, será sempre substituído por
el.
- A conxunción copulativa sempre se grafará
e, calquera que sexa a súa
pronuncia. Do mesmo xeito a preposición pra levará esta grafía ou
mesmo para, e nunca outra máis vulgar. Do mesmo xeito outras
conxuncións e preposicións levarán a vocal enxebre: se, sen.
Por todo o
demais, respectamos as
variantes morfolóxicas dos orixinais segundo cada autor.
A unificación ortográfica permitirá
que todos os textos poidan ser lidos moito máis doadamente e evitarmos
así a dispersión e que o galego de Asturias pareza un dialecto alleo
ao galego.
1. |
Publicado
no Boletín do IDEA nº 102, 1981, p. 143. |
2. |
A
Freita nº 7, pp. 50-51. 1995. |
3. |
O
xentilicio referente á Terra Eo-Navia é eonaviego. |
4. |
Os
gandeiros eonaviegos adoitaban ir vender ou mercar o seu gado
ás vilas galegas por lles caeren máis próximas cás galegas,
sobretodo en zonas do interior coma Ibias, El Valledor e
Grandas, que acudían decote á Fonsagrada. |
5. |
Vid.
Díaz Castañón, Carmen. Literatura Asturiana en Bable.
Ayalga Ediciones. Salinas (Asturias). 1987. Esta estudiosa
comeza a súa exposición da literatura asturiana desde o
século XVII (non sitúa aquí o seu nacemento, que se remonta,
como no resto dos romances ibéricos, á Idade Media), cando se
achan os primeiros poetas de nome coñecido. Parece ser que hai
unha tradición ininterrompida de literatura en bable ou
asturiano que persiste nos "séculos escuros", aínda
que non haxa mostras diso. Do mesmo xeito, estudios máis
recentes, tamén falan de pequenas mostras literarias en galego
antes do Rexurdimento. |
6. |
O
galego dos Ancares é, de
feito, continuación do galego de Asturias (Frías, 1997; 243). |
7. |
Normas
Morfolóxicas e ortográficas do galego de Asturias. VV. AA.
MDGA, Eilao, Asturias, 1990. |
8. |
A
Freita, nº 10-11, 1997. |
|