O memorialismo sobre o pasado recente está a ter unha grande importancia na novela galega última. Autores nados entre os cincuenta e os sesenta do pasado século lembran os seus tempos de adolescentes e mozos no tardofranquismo. Xabier Quiroga introdúcenos nese mundo a través do monólogo dunha muller de arredor de corenta e cinco anos que recupera ese pasado noxento, estragador da súa nenez e adolescencia.
Nunha acertada redución temporal, pois a novela transcorre durante as últimas horas da viaxe en tren da protagonista que vai asistir ao enterro da nai, Aldara —ese é o seu nome— lembra o que foi a súa adolescencia centrada no derradeiro ano do franquismo, tras a morte de Carrero Blanco.
Quiroga suxire con acerto o ambiente de medo, silencio e opresión do tardofranquismo, cuns vencedores que se negaban a admitir o paso do tempo e permanecían en guerra contra calquera disidencia. O silencio que impón o medo atravesa a novela. Aldara séntese esmagada por este ambiente de opresión, e máis sendo muller, pois outro acerto da novela é a presentación da discriminación da muller nestes derradeiros anos do franquismo.
Neste mundo de Aldara centrado por un pai brután e colaborador dos falanxistas —mesmo posible participante en paseos—, de mestres túzaros e de veciños aínda co arrepío da guerra no corpo, vai aparecer a figura de don Manuel, o exiliado galeguista e progresista, que a abre a un novo mundo e que, aínda que non é o seu pai biolóxico como algúns sospeitan, será o seu pai ideolóxico e guía na maduración da adolescente, e que lle ensinará unha cousa imprescindible para que Aldara, pase o que pase, alcance sempre un certo grao de felicidade: a defensa duns ideais.
Por outra banda, a través do proceso de descubrimento que fai Aldara da cultura e literatura galegas —don Manuel regálalle un exemplar de Memorias dun neno labrego e un disco de Voces Ceibes-—, os lectores da idade de Aldara e aínda un chisco máis vellos conectamos emotivamente co noso pasado de adolescentes e mozos que tivemos que descubrir Galicia por medio dos poucos don Manuel que daquela había, mentres mestres e pais nos agochaban a nosa lingua, a nosa historia, pois esas cousas de noso podían levar ao cárcere, ou mesmo podían facer volver os paseos. O medo era tanto que, nos ambientes coma os de Aldara, era frecuente oír aquilo de "Comer e calar que sabe que pela".
Cómpre salientar o emprego que o autor utiliza de termos que non adoitan atoparse no léxico de moitas das nosas novelas e que sen dúbida aínda viven na área dialectal á que pertence o autor: eslazararada, gapear, alpeirar, entanguecer, esvoazar, estrapexar... É de agradecer este empeño, máxime en tempos de tanto galego de "corrector ortográfico". Por iso, chama a atención que caia en impropiedades como atribuír a xunguir o significado de ‘unir’ ou a avantar, o de ‘atallar’, ou que substitúa sistematicamente cabeza por cachola, testa. O mesmo ocorre co emprego de expresións castelanistas de máis como darlle voltas ao coco, iso a min esvárame, coller os bártulos...
Hai que sinalar o emprego correcto e xeneroso que se advirte do infinitivo conxugado, así como a colocación do pronome átono potenciadora da intercalación deste entre a preposición e a conxunción e o infinitivo. Pola contra, cumpriríalle ao autor unha maior atención coas perífrases, pois vir de con infinitivo non é sinónimo de acabar de, nin se pode dicir en galego de por unha vez terlle levado a contraria.
Non estaría de máis un maior coidado na adxectivación. Ás veces resulta tópica e baldeira coma en ronco motor do coche, tardes balompédicas, etc. O mesmo ocorre en ocasións cos diálogos: algúns dos de don Manuel con Aldara resultan longos de máis e mesmo parecen monólogos ideolóxicos.
Para rematarmos, subliñemos que a extensión da novela e a tipografía de letra a fan moi apta para ser lida nos espazos e momentos onde hoxe moita xente le: viaxes en tren e autobús, esperas, etc. Os que teñan agora máis de corenta van gozar lembrando a súa adolescencia, se len esta novela; os máis novos, vendo como eran os tempos de secundaria dos seus pais e ata avós.