Un perfil a penas presentido de estraña e lenta nave que non damos mandado e que nos leva desde o líquido fondal primixenio da especie, fainos discursar pola sombra arrandeante da Terra, polo rego escuro onde aboia a fluorescencia dos ósos e dos cantos. O que non é mar é muro cego e aleive por suxeitar os cabos doutros ollos perante o permitido. Lonxe dos ollos e presos da fixeza: o mar, o canto, os ósos,... Moucamante caído no outono destes mares sinto as horas triparme no que foran carreiros de seiva levantada desde as luces da boca engados do desexo. As horas obrigadas son quen deitan no meu envés a sombra do teu pozo morada innumerábel onde a espera asenta agromando como póla de alivio nun repentino sol de certidume onde son as feridas da distancia. Moucamente caído son levado polas horas salgadas destas aguas sen límite onde ninguén habita puro paso até o corpo que chama polas miñas cicatrices para oficiar a misa meticulosa en cuspes onde salvar os restos. Dorna senlleira sobre rizado espello agardando a tropa de gamelas; soño arriscado no gume das idades o que non gasta cacheando nos choros a virtude e non ha vir por portas anunciado, senón co vento que engorda o noso alento e a sede que queremos. Soño de amigas luces que enferruxan as iras dos grillóns, amecida de sangues na memoria contra as mañas do tempo, conforme os vellos oficios da protesta: os de xuntar desacougos e dores. Andemos o camiño que suscita mocidade e refresca pausa nos ollos dos correos, vaiamos formar contas do inventario por revirar o agasallo da ignorancia. Todo iso, non for amoedado o metal propio, para tomar o vento que nos cómpre por chegarmos ás fontes onde os pulsos concordes son minxidos, acheguemos o brinco de sol ou tinto mesto que está a nos espir. Coa bile da protesta á espera no cristal novo da esperanza digamos a nosa vella novidade sen termo. |