Unha
vez era un home que só era a metade. Chamábase don Lado Dereito. Na casa do lado da deste home, vivía unha muller que era a outra metade, e chamábase dona Lado Esquerdo. Un día cando, pola mañá, don Lado Dereito saía da casa para ir traballar, quedou mirando a dona Lado Esquerdo que, coa súa única man estaba a varrer diante da súa porta. Saudáronse con moito gusto de se coñeceren, home e muller, que a pesar de seren veciños de ó pé da porta, aínda nunca se viran antes de agora. Desde aquela atopáronse moitas veces e falaban un co outro de moi boa gana. Así que, cando pensaron que xa se coñecían ben, casaron. Como don Lado Dereito vivía na casa número dous da rúa e dona Lado Esquerdo na número catro, para viviren despois de casados, mercaron a casa número corenta e dous. E foron moi felices e tiveron moitos fillos, que sempre lles nacían en parellas de xemelgos, de tal maneira que sempre viñan un de cada lado; un medio fillo do lado dereito e outro medio fillo do lado esquerdo, ámbolos dous igualiños; entón os pais xuntaban as dúas metades e facían un fermoso neno completo... E aquí acaba o conto..., pero para que acabe mellor, hai que dicir: E colorín, colorou, este conto rematou. |