Amencera
un día fermoso; o sol quentaba xa desde o mesmo momento de saír. Pouco
a pouco as xentes ían chegando cos seus tenderetes para a festa e
comezaban a instalalos no campo da feira, que era o lugar onde se facía
tódolos anos a festa. Púñanse as casetas do tiro coas súas fitas de
cores, das que penduraban os cigarros, os paquetes de tabaco rubio, as
bonecas, as botellas de sidra... Xa estaba colocada a tómbola toda chea
de bonecas e torres de potas. Os toldos dos taberneiros estaban aínda
baleiros de clientes, mentres os taberneiros poñían os bocois en firme
e cocábanIles a cada un a súa billa, a dona do taberneiro lavaba os
vasos nunha tina de auga. Máis tarde chegarían tamén as rosquilleiras
que agora estaban no adro da igrexa ofrecendo a súa mercancía ós que
saían da misa maior. O señor Pedro xa colocara o seu tiovivo e agora íalle pó-los cabaliños. Estaban todos no chan, deitados uns por riba dos outros e de alí ían pasando para seren espetados na barra do tiovivo. En pouco tempo xa estiveron colocados todos no seu sitio. O señor Pedro deulle unhas voltas de proba por ver se os seus cabaliños rolaban como é debido e se subían e baixaban cada un cando lle correspondía. Comprobou desta maneira que todo funcionaba ben a parouno para lle pór un toldo de arredor que o tapase todo. Chegou a tarde e con ela a festa foise animando. Xa había mozos mandándolles tiros ás fitas das bonecas. A señora María levaba uns bos cartos gastados na tómbola co degoiro de acadar unha torre de potas que se mostraba remisa a abandona-la tómbola. Había nos toldos siareiros que bebían e conversaban. E os nenos, nos cabaliños do señor Pedro, daban voltas ledos coma axóuxeres e saudando a cada xiro ó pai, á nai, ó avó, que lles respondían coa man ó tempo que lles recomendaban que se agarrasen ben. Quen non estaba tan ledo era o Branco, un dos cabaliños, que xa levaba tres ou catro festas seguidas falándolle ó Pinto, que era o cabaliño que levaba á par del, que estaba cheo de dar voltas e máis voltas sen facer máis camiño có do tiovivo e sen ver máis mundo cás nais que Iles dicían adeus ós nenos coma se fosen a algures. A min dicía o Branco gústame correr, pero quero ir a algún lugar novo, que aquí, bóta-la noite correndo coma un tolo e ó final estás no mesmo sitio. Pero ti estás tolo, Branquiño. Nós somos cabaliños de tiovivo e temos que gallopar dando voltas. Terás que dalas ti, que eu nacín cabalo e quero gallopar polos camiños, polo menos unha vez, aínda que non sexa máis que para probar. Estaríache bonito riu o Pinto, que saíras correndo agora polo medio da festa con ese neñino que levas no lombo. Habíase armar unha boa. Déixate de lerias, que por moito que queiras botar a correr por aí adiante, ti estás amarrado á barra e tes que vivir subindo e baixando, dando voltas no tiovivo e non hai máis historias... Os cabaliños ficaron novamente calados e, xunto cos outros compañeiros, botaron o máis da noite dando voltas, e para o outro día, tamén. Cando rematou a festa, o señor Pedro púxose a desarma-lo tiovivo. Carregou todo no camión e arrincou cara a outra festa. Alí armou novamente o seu tiovivo e foi pondo os cabaliños cada un no seu sitio: unha barra, un cabaliño... Pero cando foi coloca-lo Branco non deu con el por parte ningunha. Seguro que me caeu do camión, pensou. Botouse a desanda-lo camiño pero non foi quen de atopalo por máis que mirou e preguntou a todos cantos cruzaron con el... Aquela noite a barra do Branco subía e baixaba baleira e ó lado o Pinto pensaba que, ó mellor, os cabaliños dos tiovivos tamén poden gallopar polos camiños... |