Falou con Micha por teléfono e, á vista de que o material que a muller
conseguira sobre António Cendán e a sua empresa era moi abondoso e
seria mellor que se visen nalgures, quedaron para as dez e meia da noite
nunha cafetaria que estaba moi perto da casa de Micha. Chamaba-se Meseta
e era un local novo, cheo de colgarexos no teito que os gases
desprendidos polo aceite requeimado, deixaran totalmente afumados. Mauro tivo bon coidado de chegar antes da hora para non facer agardar a Micha, sabia que estaba algo amoscada e non era cousa de po-la en situación de encabrear-se máis. Non tardou en aparecer a muller, que foi directamente a se sentar á mesa na que estaba Mauro. Hola saudou. Non sei en que lios andas metido, mais disto Nacho non sabe nada, porque eu perguntei-lle se sabia algo da tal empresa e deu-me unha série de pistas antes de me perguntar para que o queria saber. E que lle dixeche? perguntou Mauro. Que era para unha amiga miña que lle ofereceran un traballo. O caso é que isto non é cousa da áxencia. Se non mo queres dicer non mo digas, pero ten coidado. Xa cho direi, Micha, xa cho direi, mais por agora non podo. Entre outras cousas, é que non sei eu ainda de que se trata. Teño a sensación de que ando detrás de algo gordo, pero non sei ben. Conta-me o que saibas de PROCASA. Chegou un camareiro e pediron dous cafés. Agardaron en siléncio a que os serviran, tempo que aproveitou Micha para sacar do seu bolso uns papeis, antes de comezar a falar: PROCASA é Promotora de Cafetarias Sociedade Anónima e, efectivamente, pertence a António Cendán e outros dous máis, que teño o nome aqui. É unha empresa que se dedica a abrir cafetarias pola cidade e que vende despois dun certo tempo. Entrementres explota-as a própria empresa. Cendán dedica-se a dirixir a empresa e procurar clientes para lles vender os negócios, os sócios levan as cafetarias que teñen en explotación. Parece ser que os negócios non van moi ben e están apurados cos créditos, moi especialmente o próprio Cendán. Á parte desta empresa, Cendán ten tres pequenas hamburguesarias e aqui ven o máis gracioso deste asunto, porque a muller de Céndan foi denunciada por unha construtora porque se instalou nun solar deles e comezou a meter nel cantos cans abandonados topaba pola cidade. Cando a quixeron botar fora, ela negou-se en redondo, dicendo que non se ia até que o concello lle proporcionase un terreo onde instalar os seus cans. Todo saiu nos xornais, mais ninguén relacionou ainda á caritativa dama protectora dos cans sen dono, co proprietário dos locais onde se toman as hamburguesas máis baratas da cidade. Mauro, que escoitaba sorrindo o relato que Micha lle estaba a facer, perguntou: E quen son os dous sócios de Cendán? A muller botou unha ollada aos papeis e deu-lle dous nomes que nada lle dixeron ao rapaz. Mauro falou a muller fixando os ollos na mirada perdida do mozo, que tes ti co este Cendán? Non o sei, Micha, non o sei. Xuro-che que ainda non o sei. Estás-me axudando moito, pero nada che podo contar por agora porque nada sei. Queres outro café? Non, grazas. Vou-me para a casa que estou moi cansa. Saíron xuntos da cafetaria e na porta despediron-se, collendo cada un o camiño do seu domicílio. Mauro foi meter a chave na fechadura da porta e esta cedeu abrindo-se soa. Quixo botar-se atrás mais xa notou que alguén, situado detrás del, lle colocaba algo duro contra as costas. Entra, que estás na tua casa. E sen dar un chio que che podo estragar a chupa. Mauro andou cara a dentro empurrado polo home que estaba detrás del. Cando traspasou a porta do apartamento o que o precedia prendeu a luz. No sofá estaban sentados outros dous homes, un era Severo o outro non lle era coñecido. Un forte golpe nas costas tirou co rapaz no chan entre os fortes risos de Severo e os dous compañeiros. Desde o chan Mauro viu-lle a cara por primera vez ao que o surprendera na porta. Era o calvo co que pelexara no barco. Levaba un brazo escaiolado e unha aparatosa vendaxe que lle tapaba por completo o nariz. Avanzou un paso o calvo e mandou-lle unha forte patada nun costado que fixo berrar ao rapaz. Vou-te partir en anacos, desgrazado dixo apontando-lle á cara cunha pistola automática. Os dous homes que continuaban sentados no sofá, seguian a rir ás grandes gargalladas. Agarda dixo Severo cortando o pulo dunha segunda patada e sen parar de rir. Agarda que teño que lle dicer unhas cousas antes de que non estexa en situación de escoitar como é debido. Puxo-se en pe e achegou-se ao lugar onde permanecia Mauro tirado no chan. Ergue-te dixo dando-lle co pe nun lado da cara. Ergue-te, que imos falar ti e máis eu de home a home. Mauro ergueu-se e quedou diante de Severo, eran case da mesma estatura, quizá o matón era un pouquiño máis alto. Estaban frente a frente como no bar, mais agora a moi pouca distáncia un do outro. Mauro deu-se de conta que aquilo ia acabar mal para el, pero preferiu agardar un pouco antes de facer nen dicer cousa nengunha. O que falou foi Severo: Agora non estamos no bar e podemos falar clariño. Rapaz, que non saiba eu que volves a meter os fociños nos asuntos alleos, se non queres acabar boiando no porto como lle pasou ao teu amigo. Tes unha estupenda oportunidade de te esquecer de min e do patrón para sempre. Non a deixes pasar, porque non vai haber unha segunda. Supoñamos que tes unha boa razón para te desfacer de min, mais por que matache a Henrique que non facia máis que ir dormir ao barco, porque non tiña outro lugar a coberto? O teu amigo Henrique, ou como se chamase, tivo as orellas moi longas e entrou-lle por elas o que non deberia saber. Asi xa non Ile vai repetir a ninguén o que escoitou. Agora falta saber que é o que che dixo a ti, porque ao mellor tamén che hai que borrar algo da memória. Mauro non agardou a que lle perguntase que era o que Henrique lle contara nen canto el sabia. Ergueu con forza o seu xoello direito que foi bater na entreperna do matón. Este deu un enorme berro ao tempo que levaba as duas mans á parte dolorida. Un golpe coa pistola na parte inferior da caluga, deu co rapaz en terra mentres notaba como se alongaban os derradeiros ecos do bramido de Severo. Cando despertou, os dous matóns que acompañaban a Severo estaban sentados no sofá agardando a que volvese en si. Severo chamou o calvo do brazo eivado, xa desperta! Mauro viu, desde o chan, aparecer a Severo pola porta do cuarto de baño. Viña sen pantalóns e traía a parte dianteira dos calzoncillos totalmente mollada. O remédio da auga fria parecia que lle calmara a dor, porque andaba direito e con decisión. Cando chegou onde estaba o rapaz tumbado, arreou-lle unha forte patada no costado que lle arrancou un berro de dor. Non agardou a que se repuxese do golpe para lle dar unha nova patada no peito coa planta do pe. Despois anicrou-se e colleu-no polos colares. Non tardou o matón útil en se colocar por tras e coller-lle os dous brazos con forza. Mentres a mantiña asi, Severo e o calvo deron-lle puñetazos e couces en case todas as partes do corpo. Xa habia uns momentos que non sentia dor nengunha, cando o deixaron cair outra vez no chan. O peito de Mauro fungaba como un fol dun ferreiro cada vez que respiraba. Coa cara apoiada acarón do piso, só via os zapatos dos homes. Escoitou a voz de Severo que dicia: Deixá-lo xa. Non o vaiamos matar. Xa haberá tempo e hoxe non convén. Mais ainda viu vir cara ao seu rosto un zapato que se ia agrandando a medida que, cada centésima de segundo, estaba máis perto; no mesmo intre de perder de vista a biqueira, sentiu un golpe na tempa direita que o mandou pola boca dun pozo, tragado pola sua negrura e no que non daba acabado de cair. Non seria quen de dicer canto tempo pasou desde que os homes se foran até que despertou. Non era quen de saber por que tiña aquela dor de cabeza tan intensa e que fora o que ocorrera. Cando se quixo pór direito e notou que o seu corpo non respondia como era debido, foi cando comezou a lembrar a visita de Severo e os seus dous compañeiros. Arrastando-se deu chegado até o sofá. Tirou-se nel e imediatamente comezou a baixar de novo polo pozo abaixo. Abriu os ollos e viu o rosto de Micha moi perto do del. A dor de cabeza xa non era tan aguda, mais sentia como se tivese o corpo cheo de agullas quentes espetadas en diversos lugares. Mauro, que che pasou? perguntou Micha encanto viu que abria os ollos. Dos beizos inchados do rapaz saiu unha farfallada inintelixíbel. A muller comezou a lle limpar a cara cun pano mollado. Volveu a farfallar e desta vez Micha acadou a lle entender que lle axudase a se erguer. Micha protestou contra esta decisión, mais ao ver os intentos do rapaz de se incorporar só, axudou-no a se sentar no sofá. Tomou o pano que a muller tiña na man e colocou-no na tempa onde recebera a última patada. Permaneceu uns minutos nesta posición e cos ollos fechados. Mentres, Micha daba voltas polo cuarto sen parar de falar. Xa me parecia a min que andabas metido en lios. Pero quen che fixo isto? Quen foi o que te deixou en semellante estado? Tes que ir imediatamente a un hospital. Se non se me ocorre a min vir por aqui, de seguro que morres aí como un can... Micha, deixa de falar un pouco que ainda non vou morrer desta. Axuda-me a ir ao cuarto de baño. Despois dunha ducha de auga ben fria xa verás como teño outra pinta. Ti estás tolo. O que tes que facer é ir a que te vexa un médico. Deixa-te de médicos e axuda-me se queres e se non vai-te que me arranxo eu só. Micha achegou-se a el e anicrou-se para que lle pudese pasar un brazo por riba dos ombros. Andando desta maneira chegaron ao cuarto de baño onde o axudou a se despir e meter-se dentro da bañeira. Ali sentado, Mauro abriu a billa e deixou que a auga fria o fose mollando. Pouco a pouco se puxo de pe. Micha saiu do cuarto de baño e foi-se sentar no sofa. Tardou Mauro máis de meia hora en sair e cando o fixo non parecia o mesmo de habia un pouco. Eran numerosas as marcas que a malleira recebeda deixaran no seu físico o lábio superior partido, un ollo case totalmente fechado, e por todo o rosto e o tórax diversas marcas vermellas dos golpes recebedos, mais nengunha producia xa a sensación de desfeita irrecuperábel que contemplara Micha cando entrou na vivenda. Non terás, por casualidade, no bolso un par de aspirinas dixo indo a se sentar acarón da muller. Vexo que logo te recuperas. Teño as aspirinas, mais non por casualidade, senón porque sempre as levo remexeu no bolso e topou as aspirinas. Foi até o vertedoiro, tomou un vaso que encheu de auga na billa e pasou-lle todo ao rapaz que tragou os dous comprimidos xuntos. Agarda que me vou vestir e dirixiu-se ao dormitório do que non tardou en sair. Agora contarás-me que é o que che pasou e quen foi o que te puxo asi. Non foi un que foron tres. Despois de me despedir de ti na porta da cafetaria vin para a casa e estaban a agardar por min. Deron-me unha boa malleira e foron-se. Mais quen son? insistiu Micha. Os mesmos que mataron ao rapaz que apareceu no porto. Pero, por que? En que andas metido? Por que non vas á policia? Non vou á policia porque nada gañaria con ir, todo máis que detivesen ao Severo e que os outros paxaros todos se escondesen. Escoita Micha, o que che vou dicer non quero que llo digas a ninguén por nada. Estamos? Estamos. O rapaz que apareceu afogado no porto coñecera-o eu aquela mesma tarde. Mataro-no porque viu catro homes que tiñan unha reunión secreta nun barco varado nos estaleiros de Mendaña. Eles pensaron que Henrique escoitara algo que non debia e que poderia identificar aos ali reunidos. Por iso o mataron. A verdade é que el nada escoitou; porque encanto o descobriron fuxiu. O caso é que pillaron medo e moito máis ao se dar conta de que eu andaba na pista. Pois vai á policia cortou Micha o relato, porque senón o que vas conseguir é que te maten a ti tamén, que pouco lles faltou hoxe. A min polo de agora non lles interesa matar-me, non sei por que. Penso que é porque Severo ten unha boa coartada, ninguén o viu matar a Henrique, nen os seus próprios compinches. Non ten nada que temer. E ti que pensas facer, logo? Penso que un dos que estaba na reunión do barco era Cendán e non sei por que, está moi nervoso. Estou seguro que se encontro como apertar-lle as caravillas, vai dar xogo. Cendán! Ai, que xa me esquecia! Va que non sabes a que vin eu aqui hoxe pola mañá? Tes razón! Que fas ti aqui? Pois que cando, como todos os dias pola mañá, collin o xornal ao sair da casa, topei cunha notícia sobre Cendán. Pensei que che interesaria e vin aqui antes de ir á axéncia. Achei a porta rebentada e entrei. E que notícia era esa? Colleu Micha o xornal e puxo-o diante da cara de Mauro. Na primeira páxina viña a notícia da morte de António Cendán, "prestixioso industrial hosteleiro". En páxinas interiores explicaba que fora topado morto dun certeiro navallazo que lle cortara a xugular. Supuña a policia, segundo informaba o xornal, que fora asaltado por alguén coa intención de lle roubar o automóbel e, ao se resistir Cendán, asestaran-lle un navallazo, con tan má fortuna que lle ocasionara a morte instantánea. O suceso ocorrera a última hora da tarde na própria garaxe do domicílio do falecido, polo que non se contaba con testemuñas dos feitos. A primeiras horas da noite, aparecera o automóbel abandonado sen combustíbel, na beira dunha estrada local a cinco quilómetros do centro da cidade. Merda! exclamou Mauro deixando o xornal sobre o sofá. O home nervoso xa se tranquilizou de vez dixo Micha. Que vas facer agora? Non o sei ainda. De momento ti vai-te para a axéncia, que Nacho xa ha estar que gabea polas paredes. E non lle digas a ninguén nada do que che contei deste asunto. Está ben falou a muller pondo-se de pe, pero ten coidado co que fas. Cháma-me á hora de xantar para que eu saiba que estás ben. Botou a andar cara á porta. Cando chegou a ela virou-se e dixo: Terás que mandar amañar esta porta antes de te ir. Pois fai-me outro favor e chama desde a oficina que veña alguén amañá-la. Que che deixen a ti as chaves novas e xa pasarei eu por elas. Queres? E que máis? interrogou con sorna Micha. Está ben, mais se non ves polas chaves dormes fora. Cando Mauro entrou no bar de Eusébio eran perto das doce. Vários clientes comían bocatas de lulas ou polbo. Mauro, cunhas gafas totalmente escuras que ocultaban o ollo inflamado, non deixaba de ter un aspecto de avariado que lle chamou a atención ao taberneiro. Que che pasou? Tiven un acidente respondeu cortante o rapaz para evitar a insisténcia do home. Pon-me unha cervexa. Colleu a botella e, deixando o vaso no mostrador, saiu para fora. Ficou arrimado contra a parede tomando pequenos grolos de cervexa. Non tardou en aparecer o Lúrpio que, ao ve-lo, atrevesou a rua coas suas carreiras de coxo. Aí vai, colega! Que che pasou? Tes a cara como un mapa dixo parado diante de Mauro cos brazos abertos. Deixa-te de teatro, Lúrpio. Vai dentro e que che den unha cervexa, despois ven aqui que teño que falar contigo. Non tardou en estar o coxo ao lado de Mauro cunha botella de cervexa na man. Que pasa, colega, problemas? perguntou. A ti non che importa o que pasa. Necesito unha pipa, te-Ia? Asobiou o ionqui ao tempo que dicia: Podo conseguí-la. Para cando? Para hoxe á noite. Limpa? volveu a perguntar o Lúrpio. Tanto me ten. Canto? Podo conseguir unha legal por trinta talegos. E sen lle gañar eu nen un peso. A min vale-me calquer, asi que trai-me algo que non pase de vinte e ti gaña-lle o que queiras. Onde? Despois das once, na porta do Panorama. Ti estás tolo! exclamou o coxo. Como che vou dar unha pipa na porta do Panorama ás once. Ás once e meia no Cornello. Ten que ser unha pipa, non si? Non che vale unha chata? Unha pipa. De acordo. Paga a miña cervexa. Deica logo. Atravesou novamente a calzada e botou a andar polo paseo en dirección ao porto. Mauro pagou as duas cervexas e foi-se. Doia-lle outra vez o corpo inteiro e non tiña ganas de comer. Foi até a axéncia e agardou ali a que o serralleiro chegase coas novas chaves da sua casa. Rexeitou a invitación a xantar que Ile fixo Micha dicendo que xa o fixera. Cando tivo as chaves, despediu-se e saiu. Queria deitar-se e dormir. Asi o fixo. Despiu-se por completo e meteu-se na cama. Acendeu o xira-discos e adormeceu mentres Mick Jagger cantaba:
O descanso sentou-lle ben a Mauro. Cando se ergueu da cama a dor de
cabeza xa non era máis que unha lixeira moléstia, os restantes golpes
que tiña por todo o corpo, non lle producian máis malestar que unhas
boas maniotas. |