Centro de Documentación da AELG
...Do mar e a noite - Prefacio
Rivadulla Corcón, X. H.

     Sentado ó pé do cruceiro que hai no centro da Praza das Bárbaras da cidade vella da Coruña, respirando o silencio e a quietude de espacio e tempo que hai neste lugar, observo o edificio sinxelo, misterioso e atractivo do convento, recortado contra o ceo hoxe pintado de prata, que cobre toda a cidade vella da Coruña.
Distraio o pensamento observando a estraña presencia, co seu voo maxestoso, dunha grande ave, un mascato, poboando o ceo coa súa danza de voo harmónico sobre o convento.
     Non é habitual ver mascatos sobrevoando unha cidade, aínda que ela viva entregada ó mar. Sen embargo este mascato é unha presencia á que están habituados todos os camiñantes que teñen por costume pasar pola Praza das Bárbaras ou polos seus arredores a algunha hora do día.
     Os mascatos son aves mariñas que viven nos acantilados máis abruptos sobre o mar. A maior parte da súa existencia pásana no ceo, son capaces de estar días enteiros sen pousar en terra, voando e planeando sobre as augas. Gustan de chegar ata mar aberto, moi lonxe da costa, pero é moi infrecuente que penetren cara á terra firme. Sen embargo, sobre o ceo do convento das Bárbaras, voa sempre un mascato.
Este mascato vive no propio convento, alí dorme nas noites sobre o tellado, ou dentro, no propio faiado. As monxas ábrenlle a fiestra para que entre cando a noite é tomentosa. Tamén as monxas de Santa Bárbara dan de comer a grande ave e lle dan cariño cando notan melancolía na súa mirada.
     Quero facerlles partícipes dun secreto, o motivo do porqué o solemne rei das aves mariñas habita no convento das monxas clarisas de Santa Bárbara, e non nalgún acantilado sobre o mar atlántico, como sería o esperado.
     É unha historia na que ten moito que ver o silencioso rumor do mar e a noite, e que comezou hai moitos séculos, demasiados séculos...

DO MAR E A NOITE
(Prefacio)