Centro de Documentación da AELG
O adeus do vello mariñeiro - Breve selección
Rivadulla Corcón, X. H.

MAR

Non deixes

de querer ao mar,

el non sabía do noso amor.

 

Apartoume

de ti por sempre

sen pretendelo.

 

Cando lle falei

de como nos amábamos,

abandonouse á tristeza.

 

RECORDO

No ventre do mar

non deshabitará

a miña mente o teu recordo.

 

Sei que na nosa casa

na túa mente

eu habitarei.

 

Non haberá temporal

que borre o xeito

en que nos recordemos.

 

SARGOS

Só a soidade

regresará do mar

para ti.

 

Se pensas en todos os sargos

que comemos xuntos,  

na ausencia haberá unha mensaxe:

 

Os peixes compartidos

teceron unha vida

indestrutible.

 

 

 

 

 

NAVEGACIÓN

Parto a unha navegación

sen a lóxica

do traballo.

 

Na primeira illa

que atope atracarei

para agardarte.

 

O único sentido desta travesía

é atopar un lugar

a onde ti tamén chegues.

 

CUNCHAS

Os homes navegan

buscando terras, peixes

ou cambiar o destino.

 

Eu navego

porque o tempo se esgotou

e non hai regreso.

 

Só un colar invisible

de cunchas que nos une,

cada un dos días vividos xuntos.  

 

AMOR

Uniunos o sentimento amoroso,

o traballo e as soidades

compartidas.

 

Agora o labor de cada día

e a soidade só serán túas,

pero seguiremos unidos.

 

O amor seguirá sendo dos dous,

na terra do esquecemento

eu non o esquecerei.

 

 

O ADEUS DO VELLO MARIÑEIRO