Por mediados da década de mil
novecentos trinta John Goodman nacera no inextricábel Bronx.
Dende a primeira infancia militara na liorta e no furto
sistemáticos, se callar porque nas súas veas descorría o
sangue devanceiro da nación de texanos que escoitaran o ecoar
artilleiro procedente de El Álamo ou se bateran no exterminio
das derradeiras tribos aboríxenes. John Goodman cobizaba o
diñeiro e as oportunidades de fartura e de luxo que del
emergullaban. Consecuente coas súas arelas decidiu, á idade de
dezasete anos, profisionalizar a súa actividade no traballo do
asalto a man armada, ao que non son alleos os riscos da propria
defunción nen o asasinio. Na clandestinidade de afastadas
calexas adquiriu a escopeta que lle había servir de compañeira
na vida delitiva que escollera. Nas noites delongadas que
seguiron á adquisición da arma, un soño iterativo amosáballe
os ollos estantíos de Billy the Kid, en canto unha penumbra
nebulosa profetizaba a face de Pat Garrett, o implacábel. O medo
ao cárcere ou á execución eléctrica xunto, probabelmente, con
certas características xenéticas, inseriran no ánimo de
Goodman unha preocupación aqueloutrada polo mantemento da
propria vida. En consonancia con este pensamento, imaxinou John
Goodman diferentes recintos que puidesen servir para o carrexo da
arma protagonista dos futuros atracos sen que as sospeitas fosen
estrondosas. Imaxinou tamén, certeiramente, que a caixa da
guitarra ou do violino semellaban lugares excelentes para a
satisfacción do seu propósito. Imaxinou ao cabo, con lóxica
esmagadora, que a imaxe dun nativo dos abismos máis fondos do
escalafón social, arreo no limiar da delincuencia, debía
resultar incompatíbel con alguén que exercera a disciplina
musical regrada e, como consecuencia, policías, gardas ou
vixilantes non habían concederlle a posibilidade de grandes
desprazamentos sen obrigalo a mostrar o contido da caixa
sospeitosa. John Goodman -dotado de poderosa intelixencia-
resolvido a levar até o final a construción dunha aparencia que
non xerase receo ao seu redor roubou nun estabelecemento afastado
do seu Bronx orixinario -alí onde ninguén o coñecese se xurdir
calquera pexa- un violino coa súa caixa correspondente,
elementos cos que enguliu, entre ollos abouxados, avenidas e
rúas, como se se tratase dunha ventada máxica procedente do
Inferno. Só ficaba, para dar o verniz derradeiro de
credibilidade ao plano que xulgara maxistral, finxir un súpeto
interese pola música. Consumou a súa cenografía xigantesca
ingresando nunha escola, gratuíta, elemental e pública de
música.
En maio de 1972, despois de máis
de dúas décadas dunha dedicación insobornábel e unha carreira
excepcional, John Goodman debutaba como primeiro violino da
Orquestra Sinfónica de Filadelfia no Carnegie Hall. Unha longa
ovación coroou a orixinalidade da súa técnica magnífica así
como o seu xenio extraordinario.