Centro de Documentación da AELG
Viladonelle - [Texto íntegro]
Araguas, Vicente
v1varaguasviladonelle.html

A Manolo San Esteban



Escoitando o silencio
mentres a tarde ponse de galiña
vermella nas congostras
e ladran teimosos os cans do país
para que o sol gañe medo, mais non
se amedrenta, vestido
de laranxa polo fondo
destes camiños cando pasan
faladoras mulleres
carretando felgos como promesas

Aquí comezou todo
ou pode ser a fin
dun mundo que se asombra neste teixo
ou remata nun camposanto gande
para tan poucos veciños
mentres un homiño estrambótico anda
convicto da súa mágoa
e bebemos auga dun pozo
como quen bebe tempo
parado nun recanto

O Bico da Laberca
alzándose no verde
para que os días sexan lousa
onde pisar as uvas do verán.