Levo esta dor
cravada nos ollos
como unha doenza,
por máis quilómetros
que interpoña
non deixo de ver
este mar
afincado en cada parto.
----
Cando aínda non poñían
o nome nos mapas,
chamábate
cos beizos sen fonemas.
Agora, que tes nome,
andan a dicir
que están errados
os mapas.
----
Esquecín
adrede
pechar a caixa baleira,
que fora
enchendo
cos teus agasallos
e as túas lembranzas;
e algunha que outra
noite en branco
que pasei contigo.
----
As paisaxes do Renacemento
e os rostros de Van Eyck
ou Baldovinetti
doénme máis
do que me does ti
mentres choras
e non te abrazo.