Centro de Documentación da AELG
Guerra - [Texto íntegro]
Calvo, Tucho
v1tuchocalvoguerra.html
A d estrucción non considerou de valor o pequeno xardín de buxo. Ninguén se fixou nas figuras simétricas. Non repararon que compoñían unha xeometría máxica arredor do pequeno rectángulo enmarcado polo seto que perdía nas medras dos últimos meses o medido rigor das súas formas. Mesmo as ruínas da casa miraban con respecto a filigrana vexetal. Murchas, pouco máis ca unha morea de cascotes nos que se desdebuxaran as trazas da vivenda con todo o que fora e representara. Media ducia de pasos dunha ó outro. Un infinito esforzo para transportar o corpo amado. Morto. Máis querido ca nunca. Máis ausente. Máis desexado. Máis necesario para axotar a soedade, a impotencia, a constatación deprimente, abafante, esmagadora... de non ter, agora si, nada. Ningunha cousa pola que vivir, pola que morrer, pola que ser e existir.
Mat aron, violaron, roubaron, destruíron, queimaron... e marcharon polo carreiro que entre o buxo levaba á estrada. Fóronse. Meteuse na foxa aberta dentro do rectángulo marcado polo buxo. Nun esforzo último alzou os brazos para arrastrar o corpo amado. A guerra remataba. Chegara do fondo do corazón dos homes e seguía a ocupalo coa súa semente invisible e traidora.