Centro de Documentación da AELG
Henrique da Costa
Seara, Teresa Teresa Bermúdez
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A literatura desde 1936 ata principios do século XXI: narrativa e tradución (A narrativa breve desde 1975), tomo XXXIV en Galicia. Literatura. Obra Completa, Hércules Ediciones, S.A., A Coruña

HENRIQUE DA COSTA

   Pola súa parte, Henrique da Costa (Ferrol, 1964) en Sobre comboios, janelas e outras pequena histórias (1994) desintegra os diversos planos da realidade para tratalos a fondo e, incorporándoos a unha difusa materia unitaria onde se perciben os universais que transcenden a pura apariencia, superar así as barreiras existentes entre ficción e realidade. A riqueza temática e estilística únese nestes textos a unha prosa coidada, sensual, que conxuga o barroquismo expresivo coa subxectividade dos personaxes enfrontados a situacións terminais como a morte ou o asasinato, a submisión, a loucura, o silencio e a soidade humana. A profundidade psicolóxica, xunto á dosificación axeitada de intriga á hora de evocar acontecementos, fan destes relatos un tratado de tipos —que van do fareiro suicida en "Nom demorou a sexta-feira" ó viaxeiro sen destino de "Talvez Mádagan", pasando polos amantes que nunca coinciden en "Krástia e Líbor"— presentados sempre a través dunha prosa que busca a intriga, os finais climáticos e deixa transluci-las pegada do cine, a música e a literatura universais.