Afírmase que a arte é unha busca sen fin, enfebrecida e, por veces, traumática que, grazas á pericia do artista, conduce a un ser desde a nada até unha presenza completa. Así, a figura reside no interior do mármore que o escultor talla con precisión para resgatala da súa indefinible non existencia, poñendo nova orde no caos inicial propio dos materiais amorfos. Porén, en Atmosferas, a sabiduría instaurativa que orienta a man do pintor (José Valentín) e da escritora (Olga Patiño) vai un paso máis aló e devén firme desexo de trascender os límites expresivos da palabra e do trazo. Deste xeito, a forza Primixema onde reside a vontade para ambos os dous creadores de facer arte maniféstase rotunda no diálogo interno que establecen entre si os gravados e os versos até o punto de que o volume convértese nun libro-magma que abrolla ardente desde dentro queimándonos as mans pero no cal atopamos tamén os miles de azuis capaces de refrescar a nosa Pel lacerada. Eis que hai nel cores da alma e cores do enigma, palabras-cordón onde pendurar o horizonte. En definitiva, dúas linguaxes a facérense unha soa na súa perfecta maridaxe.
As Atmosferas de Olga Patiño e José Valentín arrecenden a lúas cheas, a espazos insospeitados onde a luz abrolla incansable choutando desde un leito-terra até inundar todo o libro. Partindo do misterio que agochan as ventás entreabertas até un bosque de árbores inflamadas de desexo, as uñas queren ofrecer acubillo para un corpo canso, ser casas á intemperie sen tellado nin cataventos pero que agariman tanto como o colo dunha nai. Hai nas gravuras un ollo azul que nos mira incansable ao asomarnos ao espello e que representa a xénese dunha fantasía na cal as cores desbordan a páxina. E despois todo é cor en explosión nun cadro de bolboretas ao tempo que o verso, como unha marea viva, arrastra os últimos vestixios de escuridade aniquilándoa. Cando estremecerse non é claudicar senón vivir a harmonía do canto, a precisión da liña alimenta "o desexo de acadar o camiño da luz, tras a fiestra", talismán protector contra a sombra gris que ameaza sempre na bocanoite. Porque hai atmosferas, como as de Olga Patiño e José Valentín, que o traspasan todo e, coa súa beleza, nos atrapan. Irremediablemente.