Centro de Documentación da AELG
A historia da Bavar e do Kiwi, os osos do hospital de fauna de Vallcalent - [Fragmento]
Cerradelo, Silverio

   Unha noite de lúa chea, próximo xa o verán, a Bavar e mais a mai deixaron atrás os montes de faias e abetos por onde máis a miúdo deambulaban e metéronse nun bosqueciño de piñeiro negro. A mai osa avanzaba engorde baixo a claridade nocturna, facendo un chisco de ruído. Atrás dela viña a Bavar, erguendo a cabeciña para ollar aquelas árbores de follas ríxidas que lle chamaban a atención. E foi nese intre cando, subitamente, sentiuse en todo o piñeiral un forte estoupido, como unha explosión seca, e a Bavar deuse de conta de que o corpo da mai caía mesmo ca se tropezase.
   –Fuxe Bavar! É o home! –berroulle a mai osa ruxindo desde o chan–. Fuxe!
   Instintivamente, a pequena Bavar afastouse correndo ata que deu cunha árbore caída e, pegando un brinco, quedou acochada tras o tronco. Despois o bosque ficou en silencio. Ben agachadiña, a Bavar só sentía os latexos do seu corazón e o corpo que lle tremelicaba da cabeza aos pés. Aquela noite, por primeira vez, experimentou o que era o medo.
   De alí a pouco sentiu un ruído de pasos arredor e percibiu un cheiro nada habitual que debía ser –a Bavar adiviñouno– do home. Logo despois escoitou unha chea de renxedeiras, murmurios, ruxerruxes, arquexos e suspiros. Ao cabo dun tempo, os pasos marcharon cara aquí e cara alá; á fin, achegáronse e apareceu o home –como aqueles que ela vira de lonxe– que, asemade, agarrouna polo pescozo e púxoa por baixo do brazo.
   Entón a Bavar sentiu un cheiro do máis familiar e deseguida viu, arrepiada, que o home levaba ás costas o pelello da mai osa. E daquela a Bavar empezou a choromicar.