Centro de Documentación da AELG
Traxectoria vital e pastoral do cardeal Quiroga Palacios
Prol, Santiago
Fonte: Revista Encrucillada, nº 103, maio-xuño 1997

Traxectoria vital e pastoral
do cardeal Quiroga Palacios


Por Santiago PROL

   A pegada da Guerra Civil

   Ademais do seu destacado protagonismo nas máis altas esferas da vida eclesiástica, o cardeal Quiroga Palacios fixo xestos salientables no aspecto humano cos máis desprotexidos en momentos moi difíciles. Cando estalou a Guerra Civil conseguiu liberar do cárcere a ducias de persoas. Nos barrios periféricos da capital ourensá detiveran, nos primeiros días da contenda, a moitos veciños. Gracias ás súas sutís xestións logrou salvar unha boa parte deles. O poeta, de afiliación comunista, Manuel Gómez del Valle, moi coñecido e apreciado na cidade, fora detido tralo alzamento xunto con outros militantes, condenado a morte e fusilado o día 11 de agosto. Acompañárao, segundo relata Carlos Fernández en El alzamento de 1936 en Galicia, "o sacerdote Fernando Quiroga Palacios, que intercedera perante o bispo para que non se cumprise a execución". Anos despois aparecería no número 3 da revista Vieiros, publicada por exiliados en México, un relato demoledor do irmán do poeta, titulado "Non cantaron os galos", do que transcribimos algúns parágrafos:

   Naqueles tempos desexaba que amañecese. Endexamais tiven tantos desexos de acoitelar as sombras, de rachar a noite pra que aparecese a luz e con ela o día. Na amañecida escoitaríase unha descarga e o golpe seco dun corpo que caía sen vida, non se oubiría, nin o sentiría o que acababa de morrer... A nosa casa estaba preto do cuartel, contra a tapa do cemiterio, onde o puxeran cos ollos vendados. Probe irmanciño pequeno... moitas veces che valín e agora non podo valerche... Xa eran as catro da mañán... O abade (don Fernando) petaba forte na porta, arrumbaríaa si fose preciso; viña cego, desbocado. Dun brinco púxose de pé e abriu a porta. Era o abade alto, rexo, cos ollos ensaltados, acesos, a face roxa de carraxe, de arrepío, de medo, de abraio. Alguén morría sen ser escoitado en confesión, sen porse a ben con Deus.

   Estivo a noite toda a beira do condenado, desexando que a noite se alongase cada volta que recibía unha refuga, cada intre que os seus pensamentos eran arredados...

   Díxenlle ó cura : ¿E o galo por que non quixo cantar? ¿Non se da conta vostede que os galos non cantan esta noite? A testa do abade caeu enriba do peito, e saíu, correndo, tolo pra ver se ainda chegaba a tempo. Cando rubía no relanzo ollou dende a altura un piquete que apuntaba ó peito do valente. Con toda a forza dos seus beizos berrou, berrou: non olles os demais homes, nin os fusís, ollame soio a mín e a esta cruz.

   O derradeiro que viu —contaba despois—, a derradeira ollada dos seus ollos foi para esta cruz.

 

   Cando rematou a Guerra, algúns quixeron acusalo de republicano e comunista, porque ía ós enterros dos que fusilaban ou porque tentaba liberar da cadea a tódolos que estaban privados de liberdade. En plena contenda bélica habilitou unha parte do Seminario para hospeda-los nenos orfos dos presos e dos paseados. Sempre tentou manterse nun dificilísimo punto intermedio entre os dous bandos enfrontados. Axudou tamén ós fuxidos, que visitaba clandestinamente e ós que lles entregaba algún diñeiro para sobrevivir. Buscou amizades para defendelos, evitando moitas mortes e desaparicións. Despois, xa sendo cardeal, tivo contactos de alto nivel con exiliados moi inquietantes contra o réxime franquista, cos que se entrevistou en Francia máis dunha vez.

   Quiroga e o galeguismo

   A súa estancia en Ourense —a "Atenas de Galicia"— dende mozo foi transcendental no agromar da súa aproximación ó nacionalismo conservador, xa que tivo relación directa cos membros máis destacados da Xeración Nós.
Dende finais dos anos 20 e na Segunda República asistía con regularidade a unha tertulia que adoitaba celebrarse na sala de redacción de La Región. Un dos contertulios era Ricardo Outeiriño; os outros, Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Otero Pedrayo e Xaquín Lourenzo, cos que mantivo, ó longo da súa vida, unha amizade epistolar frecuente. Con Otero tivo unha relación máis próxima dende que o patriarca gañou a cátedra de Xeografía na Universidade Compostelá no 50. Soían xantar xuntos no pazo arcebispal de Xelmírez os sábados que don Ramón non se desprazaba a Trasalba.

   No bispado desconfiaban daquela atmósfera galeguista e teimaban que se volvese contestatario. Foi na época republicana cando, baixo o pseudónimo de F. Pazos, publicou artigos de divulgación bíblica e de pensamento cristián na revista Logos, boletín católico de tirada mensual escrito integramente en galego e publicado en Pontevedra dende o 1931 ata 1936. O seu orientador era o recentemente finado profesor Filgueira Valverde e contaba con colaboradores de alto prestixio, entre os que se atopaban as mentes máis preclaras do galeguismo da época. Logos foi un caso único na prensa católica. Estaba redactada por membros do clero secular, do regular e por laicos. O ideario fundamental era dar a coñece-la tradición católica de Galicia dende os planos histórico e artístico e estaban abertos a novas correntes teolóxicas, animando ó clero a emprega-la nosa lingua na súa relación cos fregueses.

   Quiroga Palacios foi un dos cregos que, xunto con outros intelectuais católicos, estivo a favor do plebiscito estatutario de Autonomía do 28 de xuño de 1936. Apoiou, asemade, cos dirixentes do Partido Galeguista e da escindida Dereita Galeguista, un manifesto a favor do Estatuto, aínda que o fixo con pseudónimo.

   No número 25 de Logos, de xaneiro de 1933, empregou o heterónimo Marcos nun artigo titulado "Insistindo. Verbas dun crego", que remataba así: "[...] os fieis están cansos de escoitar verbas que non entenden, que non lles soan, que non lles fai tremar nin a máis sinxela freba do seu corazón [...]. Eu teño pra min que o crego da aldea non pode levar a cabo a súa misión esencial, a súa obriga de ensinar o Evanxelio namentres non o ensine en galego".

   Cando soubo da nova da morte de Castelao, no ano 1950, envioulles ós exiliados do Centro Galego de Buenos Aires un telegrama conmovedor manifestándolle-lo seu máis íntimo pesar polo paramento do histórico galeguista.

   En 1956 presidiu o coroamento de Ramón Cabanillas como "Poeta da Raza" en Padrón, ó pé do monumento a Rosalía no Espolón. No evento Iglesia Alvariño recitou un poema e don Ramón Otero Pedrayo leu un emotivo e fermoso discurso. Rematou o acto cantando todos o Himno Galego e o mesmo Quiroga rezou un Noso Pai pola alma de Rosalía en galego, minguando así —segundo relata Marino Dónega— "as tensións propias da época en relación coa natureza do acto". Fora un xesto de enorme valentía por parte do Cardeal e dos galeguistas do interior.

   Na intimidade don Fernando falaba con asiduidade en galego. Nun galego elegante, nidio e íntimo, cheo de nobreza expresiva, como inzado na conversa cotiá, no dicir de Filgueira. Cando lle escribían en galego, el contestaba en galego. Ademais, foi o promotor da liturxia no noso idioma, xogando un papel, quizais tardío, pero transcendental. A finais dos anos cincuenta houbo un desasosego pastoral, presidindo o episcopado galego a súa inmensa figura. Di Francisco Carballo, no libro A Igrexa Galega, que "el evolucionou no goberno cara a formas dialogantes e mantivo sempre unha pastoral de preocupación intensa polo país".

   En febreiro de 1966 elevou as preces ó Consilium ad exequendam Constitutionem de Sacra Liturxia xunto coas de Cataluña e o País Vasco. Así, mentres o Consilium demoraba o asunto, el autorizou a tódolos bispos, na súa diócese, á predicación da homilía da misa en galego.

   O día 7 de xaneiro de 1969, gracias as súas teimudas presións, autorizábase o emprego da lingua galega nas celebracións litúrxicas. Empregaríase provisionalmente a versión do Misal Galego, publicado en setembro de 1968, que fora traducido do latín.

   Foi Quiroga Palacios o primeiro cardeal que celebrou unha misa en galego, o día 15 de xullo de 1971, con motivo da conmemoración da restauración da Casa Museo de Rosalía e do 86 cabodano do seu paramento. Presidiu os actos litúrxicos, que non foron ben vistos nin polo Goberno nin no Vaticano, en Iria Flavia. Na homilía afirmou que "cecais o dinamismo da fe que a levou a escribir esas páxinas belísimas, nos leve a nós; nos force a nós a traballar por conquerir o Rexurdimento de Galicia e acadar a axuda indispensábel que precisan todos os necesitados deste país".

   Como colofón, a Real Academia Galega concedeulle a don Fernando o título de Académico de Honra, en recoñecemento ó seu abnegado labor a prol da galeguidade.


   O ronsel da súa obra

  A influencia de Quiroga Palacios na historia de Galicia é primordial e non está estudiada na dimensión que lle corresponde como figura senlleira da Nosa Igrexa. Antón Fraguas sostivo que "Xelmírez deulle a Compostela o ouro da honra de facela universal, Fonseca a sabedoría e a ciencia e Quiroga a santidade".

   Este príncipe da Igrexa, que portaba un físico maxestoso, era dunha discreción total, moitas veces comparado con Xoán XXIII, a quen profesaba unha profunda e fraterna amizade. Posuía, ademais, un sorriso imperecedoiro, cheo de humildade e de gran sentido do humor. Era, en contra do que se ten afirmado, un home aberto e non un inmobilista nin un retrógrado.

   Tivo co xeneral Franco unha relación que quizais quedase esvaída —en palabras do profesor Villares— na amizade de dous galegos para facer algunhas cousas conxuntamente. Este historiador pregúntase se Quiroga Palacios foi un factor de transformación dentro do sistema ou, pola contra, contribuíu a reforza-lo réxime vixente. Obviamente, o cardeal non era mal visto polo poder daquela época, como tampouco non o era Tarancón, pois os dous estaban no que se deu en chamar franquismo sociolóxico. Entrambos casaron sen moitas fisuras, naqueles intres, cos postulados do nacional- catolicismo imperante. Non podía ser doutro xeito.

   O profesor Xusto G. Beramendi sostén que o estudio da Igrexa galega contemporánea é un dos grandes baleiros no noso país, engadindo que aínda nos queda por analiza-lo pensamento de Quiroga, que quizais fose máis un home de acción que de pensamento, contradicindo así o que deixara escrito Vicente Risco.

   O que si podemos constatar, á parte das calidades citadas, é que Quiroga era unha das persoas mellor informadas sobre a realidade do Estado e de Galiza en particular. De non morrer no 1971, estamos seguros de que abandeiraría, ó igual que o fixo Tarancón, o paso cara a unha nova realidade política; cara a unha transición democrática sen traumas nin axustes de contas. Aínda que era moi contemporizador, nos últimos anos distinguírase como un dos cardeais máis abertos e dialogantes e, no seu derradeiro 25 de xullo, chegou a facer unha alocución política de gran fondura como resposta á ofrenda que fixera o Xefe do Estado, o xeneral Franco, perante do Apóstolo.

   Agora que se cumpre o vintecinco aniversario do seu pasamento é necesario retoma-la súa figura como a dun home clave na historia da Igrexa galega neste século. Home que endexamais tivo demasiados desexos de protagonismo, pero que protagonizou páxinas imborrables; cunha forte influencia na sociedade do seu momento; unha capacidade de comprensión infinda; con dotes de bo expositor; de espléndido conferenciante e cunha habilidade fórá do común para a improvisación oral.

   Hoxe prevalece en todos nós a imaxe dun bo e xeneroso ó servicio dos máis necesitados, a dun grande edificador e a dun defensor do vernáculo, a pesar do contexto histórico no que lle tocou desenvolve-la súa sempre ardua tarefa pastoral e social.

Santiago PROL