Centro de Documentación da AELG
Quiroga Palacios fillo predilecto de Maceda
Prol, Santiago

Quiroga Palacios
fillo predilecto de Maceda

   Veu ó mundo o 21 de xaneiro de 1900 ás 17:00, no antigo cuartel da Garda Civil da vila de Maceda. Supuxo o sexto e derradeiro fillo para o cabo Francisco Quiroga Álvarez e Teresa Palacios Vázquez. Recibiu o nome de Fernando Euloxio na Igrexa Arciprestal de San Pedro de Maceda o día 23.

   Quedou orfo cando só contaba vinte meses. A súa nai finou o 18 de novembro de 1902 con 36 anos. A mágoa pola ausencia materna faría que, alentado polo seu pai, tivese un culto especial pola Virxe dos Milagres, da que profesou cumprida devoción, con dúas visitas oficiais (setembro do 64 e 69) como cardeal.

   Pasou os primeiros anos de formación baixo titoría paterna. En 1921 fixéronlle a tonsura. Ordenouse sacerdote en 4° de Teoloxía. Celebrou unha das súas primeiras misas na Igrexa Parroquial de Maceda por expreso desexo.

   Comezou a tarefa pastoral como ecónomo en Campobecerros (1922). Foi coadxutor da lgrexa de Santo Domingo en Ourense (1923). Doutor en Sagrada Teoloxía dende 1925, licenciado en Sagradas Escrituras en Roma (1928).

   Regresou a Ourense ese mesmo ano. O bispo encomendoulle a parroquia de Razamonde. No 1930 exerceu como director espiritual e catedrático do Seminario Maior. Contactou cos membros máis sobranceiros da Xeración Nós (Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Xaquín Lourenzo e Otero Pedrayo). Publicou en galego en Logos, unha revista galeguista de pensamento cristián, cos pseudónimos F. Pazos e Marcos.

   Dende 1935 exerceu como rexente en Santa Eufemia do Norte. Apoiou o Plebiscito Estatutario do 28 de xuño de 1936. Cando a senrazón se apoderou da vida política e dexenerou naquela guerra fratricida, transformouse nun decidido home de acción en Ourense e liberou do cárcere a cantos puido. No 1942 marchou a Valladolid como cóengo lectoral da catedral. Exerceu tamén como docente, director espiritual e consiliario do Concello.

   No 1945 foi designado bispo de Mondoñedo por Pío XII. Alí realizou unha intensa obra social. Estabamos nos anos da fame; os tempos máis crudos da postguerra. Logo veu a cadeira arcebispal no 1942. Maceda declarouno Fillo Predilecto o 8 de xullo dese mesmo ano, aínda que agardaría ata o 30 de maio do 53, para levar adiante os actos oficiais, cando xa exercía como cardeal.

   Sobranceou como un dos maiores constructores e restauradores da arquidiócese. Presidíu no 58 a coroación de Ramón Cabanillas como Poeta da Raza, ó pé do monumento a Rosalía en Padrón. (Fora nomeado Académico de Honra no 51).

   Primeiro presidente da Conferencia Episcopal Española (28/11/66), destacou nos tres Anos Santos (54, 65 e 71) nos que rexeu a diócese compostelá, no fomento das peregrinacións xacobeas e na arquiconfraría do Apóstolo.

   Representou á Conferencia Episcopal nos tres sínodos de bispos celebrados en Roma (67, 69 e 71). Participou nos cónclaves para a elección dos pontífices Xoán XXIII e Paulo VI. Interviu no Concilio Vaticano II que o marcou definitivamente: membro da Comisión Preparatoria, da Técnico-Administrativa, á par que vicepresidente da Comisión de Igrexas Orientais. Legado Pontificio para Filipinas e, ó remate da súa vida, impulsor dos traballos preparatorios do Concilio Pastoral Galego.

   Finou en Madrid o 7 de decembro de 1971 por mor dunha insuficiencia renal aguda. Hoxe descansa na Catedral de Santiago de Compostela, ó carón do Pórtico da Gloria; a magnificente obra escultórica do Mestre Mateo.

   Falaba Quiroga un galego elegante; cheo de nobreza expresiva (Filgueira). Promoveu e logrou no 69 que se puidese emprega-lo galego na liturxia. Sempre mantivo -consonte Francisco Carballo- unha pastoral de preocupación intensa por Galicia e foi dos que evolucionou cara a formas dialogantes.

   Foi o primeiro arcebispo dende a Idade Media e, mesmamente, o primeiro cardeal na Historia de Galicia que celebrou unha misa en galego (15 de xullo de 1971). Home de acción máis que de pensamento, era inmensamente popular e un dos que mellor coñecía a realidade do noso país. É, xunto con Xelnírez e Fonseca, unha das figuras máis egrexias da Historia da Igrexa Galega.

 

Santiago Prol

Maceda, Nadal de 2000