O subcomisario Alberte Sanxil
tardou uns vinte minutos en chegar desde a comisaría situada na
rúa Chantada á Rinconada do Miño. Alguén chamara á Policía
para denunciar un atraco no Playboy, o club no que se gozaron
galegas e algunha conquense ata mediados dos oitenta, cando as
relevaron a colombianas e filipinas e agora atendían
mulleres-xirafa importadas vía aérea desde Tailandia. A
excitación sexual escribe con liñas tortas: o que llela poñía
ríxida agora ós clientes, cansos de exotismo celulítico
salseiro, eran aquelas rapazas altas de corpo e máis altas de
pescozo, quecíanse con soamente mirar para unhas orientais que
colocaran aros e aros de bronce no colo ata convertelo nun xunco
esvelto. Da etnia kaian, a súa orixe achábase nas montañas
meridionais de Birmania. A guerra entre o exército regular
birmano e a Fronte Nacional Progresista Karenni, a súa xente,
puxéraas na estrada que se dirixe á fronteira tailandesa, onde
as mercara o dono do Playboy, Pantaléon.
Todas aquelas mulleres, vestidas
con teas de cores vivas; nomeadamente vermellas e salferidas con
notas de cores amarelos e verdes, falaban a un tempo e facíano
nunha xerga que o subcomisario daba por certo que procedía
dalgún arrabalde mísero do Inferno.
-¡Un momento, un momento! -berrou
Alberte Sanxil empurrando ás mulleres-xirafa para se abrir un
espacio de cordura e poder enlear aqueladamente o seu cigarro de
picadura-. ¿Hai acó alguén co que poida entenderme?
Unha das rapazas, Yaung Wei Yai,
que non paraba de bagullar, sinalou nun curruncho a Ismael.
Sanxil coñecíao de vello, sabía que ía ó encontro dun ex
baleeiro que rexentaba A Casa Onde Van Todos Os Paraugas Que Se
Perden, un negocio de recolleita dos paraugas que a xente vai
esquecendo nos bares, nas tendas e nas oficinas públicas. Ismael
asegurou que motivos laborais o obrigaran a acudir ó puticlub,
"viñen por mercadoría, pero non lle comentes nada a
Encarna; de informarse, mataríame". Un policía
experimentado recoñece de contado a situación de xirar as
porcas dun cliente: "¿Quen disparou contra o anano
Pantaleón?". Pantaleón, un búlgaro que se erguía uns
cincuenta centímetros do chan, chuchaba de seguido chupa-chups.
"Foron os siameses; ben os coñeces, os fillos de
Ramira". "¿Os que van polas casas recollendo os
envases de iogur que todos adoitamos deixar sobre a mesa da sala
despois de cear e a lavármonos as culleriñas?" , preguntou
Sanxil, máis incrédulo a cada palabra que dicía.
"Si", sentenciou Ismael, antes de explicar que os
negocios dos irmáns xemelgos andaban mal -"xa sabes que se
desconfía de que che entren na casa, aínda que sexa para algo
tan inocente. Pero non hai dúbida de que se trataba deles, malia
que os inocentes puxeran uns pasamontañas para despistar"-.
"Pois paréceme raro que se dediquen a dar paos por aí,
porque deben ter unha conta rufa no banco. Sonche ben ruíns, que
non tiran nin un papel por aforrar. De todos xeitos, se non me
informaron mal, estaban enleados con unha ou dúas destas
rapazas...". Ismael fitouno estrañado, como se escusara de
aclarar que esa relación convertíase nunha xustificación
axeitada para coñecer o local e o diñeiro que se movía nel.
"¿Onde está Pantaleón?". "Na Residencia, creo
que non foi máis cun raspuño". "¿E os
siameses?", interesouse Sanxil aspirando no cigarro.
"Foron buscalos á casa de Ramira uns compañeiros
teus". Sanxil quitou da gabardina un dos cadernos nas que os
policías nunca apuntan nada, pero imitan a Colombo. "A
rapaza pola que preguntabas é esa coa que falaches, a que
choromica, leva un par de meses cos siameses", indicou a
maiores Ismael. "¿Cos dous?". "Ben sabes que
sempre se fan pasar por un para aforrar. ¡O puterío anda abondo
caro!".
Marchando da Rinconada, Sanxil
guindou a cabicha nun contedor antes de seguir o seu camiño. Ós
cinco minutos formouse un lumísimo e as laparadas empezaron a
gabear pola parede do Playboy. Cando as prostitutas de barbadela
ergueita saíron apagalo, Yaung Wei Yai atopou dous abrigos
negros cosidos. Guindouno na rúa para apagalo. De seguido,
quitaron os dous pasamontañas. Ela sabía que os seus siameses
nunca terían deitada tanta roupa no lixo, pero uns impostores
poderían telo feito por correren ceibes.