"Compostela é unha rúa longa/ na memoria/
onde vagan os nomes/ e as horas/ que cada quen recorda"
Salvador García-Bodaño
A esta "rúa longa na memoria" o poeta Salvador García-Bodaño chegou con só un mes para quedar toda a vida. O mapa de Compostela superpúxose a súa biografía e, co paso das décadas, os puntos de encontro foron tan intensos que, nesta altura, non é difícil definilo como o máis poderoso poeta da cidade. Compostela tomou forza poética na obra de García-Bodaño do mesmo xeito que o seu nome foi deixando sólida pegada na historia recente da capital galega.
O álbum de fotografías particular de Salvador García-Bodaño axuda a dar corpo á tese que o define como un relevante personaxe no relato da nosa historia. Aí está, por exemplo, de novo, participando nas Festas Minervais que marcan, ao seu ver, o grupo poético no que se inclúe. O obxectivo da cámara fita tamén nun mozo en animada conversa con Carlos Maside e Ramón Piñeiro, os mestres recoñecidos dos que non se farta de aprender. A súa figura aparece en multitude de iniciativas culturais colectivas nas que estampa o seu nome e insire toda a súa forza animadora, na Asociación Cultural O Galo, no Seminario de Estudos Galegos, no Ateneo, na Asociación de Escritores en Lingua Galega ou facendo realidade esa angueira galeguista que é o Museo do Pobo Galego. Protagonista de tantas iniciativas culturais, Salvador García-Bodaño é tamén figura clave no renacer político galego, coa participación en diversos proxectos que tiveron tamén lugar en Compostela. "Ao cabo, triunfaremos sobre o medo" di un dos máis célebres versos de Tempo de Compostela.
A cidade está, con ese mesmo compromiso, presente de forma singular na súa obra, transmutada en síntese histórica de Galiza enteira. A cidade, pero tamén os que nela construíron patria, aos que Salvador García-Bodaño lles rende cumprido tributo. Presenza especial na súa memoria ten, por exemplo, a homenaxe a Ramón Cabanillas que en 1960 celebran en Compostela cun acto literario no Paraninfo da Universidade, no que recita xunto con Aquilino Iglesia Alvariño e Uxío Novoneyra. "Noso por sempre/ retornarás ao país da túa fala/ para pousarnos no corazón/a espiñenta flor da liberdade" remata o poema que lle dedica e recolle en Ao pé de cada hora, ese libro que é toda unha mostra de como a poesía é unha acaída forma de homenaxear.
Mentar a Cabanillas é, ao tempo, remitirse ao autor dun dos primeiros libros en galego que lle viñeron as mans a Salvador. Ten contado que Vento Mareiro apareceu cando morreu seu pai. agochado na biblioteca detrás duns libros de dereito. Na súa vontade estivo, desde os comezos, sacar eses libros á luz e contribuír cos seus a normalizar a nosa literatura. Nese labor Salvador García-Bodaño móstrase rexo, confiado como estamos moitos en que nesa defensa está, en boa medida, o noso futuro.
Por todas estas razóns, pola súa obra e pola coherencia da súa traxectoria vital, desde a Concellaría de Cultura temos a obriga e o pracer de conmemorar con este libro ao noso poeta Salvador García-Bodaño, co mesmo agradecemento que el mostrou por Alexandre Bóveda, Luís Pimentel, Ramón Cabanillas ou Carlos Maside. Porque sabemos tamén que se Compostela fose unha antoloxía. moitos dos seus poemas estarían escritos por Salvador García-Bodaño.
Néstor Rego. Concelleiro de Cultura, Santiago de Compostela
(In Cantos de ausencia, A Nosa Terra, 2004)