Centro de Documentación da AELG
Arquitecturas verbais para Cidade Virtual
Luciano Rodríguez
Autores/as relacionados/as:

Presentamos hoxe Cidade virtual de Salvador García-Bodaño (Non lles dou datos biográficos, el é de sobra coñecido, de todas formas na p. 7 do libro teñen unha cumprida referencia, datos biográficos, empresas culturais, premios, etc.) Estritamente é o seu terceiro poemario -tres libros en 68 anos, non está mal- (Digo terceiro: logo de Ao pé de cada hora (1967) e Tempo de Compostela (1978) -Hai até hoxe (2003) outros de por medio: 37 debuxos para un país (con debuxos de F. Criado, 1985), Compostela (1991) e Obra Poética (1993, que recolle Ao pé de cada hora e Tempo de Compostela e engade dous novos títulos: As palabras e os días e Poemas de amor a Xulia). Nesta súa obra poética hai unhas constantes temáticas: os territorios cívicos da cidade colectiva, a vivencia do amor como escenario do diálogo interpersoal e as sombras do tempo que destrúen os espacios da vivencia.

Sen se afastar totalmente desta tríade temática imos ver que en Cidade virtual vainos ofrecer unha mirada fresca, nova, irónica e comprensiva, vitalista, agora que el anda entrando na súa vellez, amais de a precisión rigorosa das formas e a escolla léxica precisa e contundente á que xa o lector de Salvador García-Bodaño está afeito.

Se “Escribir (tamén ler) poesía é a forma máis complexa de pensar a vida” (Ángel González “Prólogo” a Álvaro Salvador: Suena una música, Pre-Textos, Valencia, 1996, p.13), Salvador García-Bodaño pensouna ben e construiu unhas arquitecturas poéticas que falan da cidade do amor, da cidade no tempo e das relacións humanas nesa Cidade virtual. O propio autor no “Portal” (p.l0) descobre as súas cartas e dános claves:

Esta cidade, que aquí se mostra apenas, xurdiu e se formou, como tantas, de amores e desamores, do pasar do tempo sobre as vidas e da expansión espacial humana, e se ve contemplada dende unha visión irónica da falsa modernidade, do consumismo e da ameaza de deshumanización das urbes.

Cidade virtual na súa estrutura externa o ou deseño editorial aparece configurada polo “Portal” (reparen na ironía, “Portal”-“Virtual”) e un conxunto de 27 poemas distribuídos en tres núcleos seccións que responde a estes epígrafes: “Estruturas do sentimento” (10 poemas), “Ámbitos humanos” (7) e “Pegadas no asfalto”(10 poemas).

Vaiamos con cada unha das tres seccións:

 Na primeira, “Estruturas do sentimento”, debuxa o personaxe poemático unha radiografía do sentimento, que vai desde o desa “Muller no hall do Hotel", esa muller que mira con indiferencia todo o que a rodea, vivindo o presente e ignorando    -alegremente- o pasado:

Na mirada
borróuseche o pasado
  -voz en puro silencio soterrada-
e, núa de lembranzas, te ignoraches.

pero tamén o presente se lle evade coa mesma indiferencia coa que ela  trata o vivido e os semellantes:

Tras a porta espellada a túa ausencia
foi un vago perfume inalcanzábel.
Nada ficou de ti entre tanta xente,
nada teu entre as horas
máis que os ollos,
aquel ollar lonxán de vidro xélido
pleno de esquecemento como un pozo,
un pozo inmenso
    aberto baixo a noite.

ou o da muller de "Paradigmas existenciais", que logo dunha esperanza compartida e solidaria baixo os ideais da mocidade:

¿onde aquela esperanza compartida?
¿o noso agardar por un tempo novo?

co se entreguismo (renuncia) de hoxe provoca esta reacción irada e irónica (sarcástica) no personaxe poemático:

Xa máis nada que conformidade.
Nin queda a dignidade da revolta.

Doce obediencia amarga, uniformada,
único pensamento lucrativo.

Só cabe consumir e consumírmonos
na patria universal da mansedume.

Para sempre deixar de ser quen somos
neste presente light tan divertido.

Pola contra, nos seis poemas que seguen, “No espacio da túa luz”, “Vivencia en tempo de amor”, “Como un aire vermello”, “Retrato con cunchas” e “Mar de ocaso” celebra e canta a presencia do feminino que o fai sentirse realizado plenamente nesta hora do ocaso, e nas horas que sigan mercé ao ser da amada, como nos é dado ver nos versos finais do poema “Mar do ocaso”, que pecha esta sección:

Ser libre así, na última distancia,
neste ocaso onde poidas, miña amada,
terme na túa voz como un cantar.

“Ambitos humanos”,a segunda sección do poemario, lévanos a outros escenarios. Viaxamos, acompañando ao personaxe poemático, polas rúas da cidade ateigada de xentes que andan de présa, sen convivencia, viven a soidade en multitude, perdidos polos espacios da cidade que os robotiza. Algo que podemos observar neste fragmento do poema “Hipérbole do paso de peóns”:

Son os peóns,
                      ideal máximo e total
das mentes que falsean progresistas,
os peóns de todo un mundo en fala cheli,
coa corrupción na meta das valores
dun suburbio, iso si, universal.

Unha visión despersonalizada, caótica e atafegante dos espacios urbanos é a que nos amosa -ben repleta de ironía- no poema “Patio de luces”, microlugar citadino no que se retrata o cotián vivir do home urbanitas. Mercé á voz poemática sabemos que

O mundo debe ser marabilloso
dende a tele mirado cara ao lonxe,
máis alá desta luz de claraboia
neste pozo de vida somerxido.

Prisma de luz caendo vertical
na baleira oquedade do edificio.

No poema que leva por título “Paisaxe sincrética” o personaxe poemático, cal flâneur baudeleriano, percorre todos os ámbitos urbanos, ofrecéndonos unha visión caótica, Desgarrada e insolidaria dos habitantes da Cidade virtual e do medio no que se teñen que mover, constantemente ameazados pola agresividade dos escenarios; e por se isto fose pouco, tamén polos guindastres que amedentran desde a súa altura. Ou na dición do poeta:

¡que imaxe a dos guindastres a pendurar do aire!

Os outros catro poemas desta sección móvense en atmosferas totalmente distintas, trátase de textos que recrean escenarios da memoria. Así en “As rúas de outrora” (dedicado ao seu amigo Luís Mariño) o personaxe poemático recorre melancólicamente as rúas da cidade da súa infancia, hoxe perdidas, pero agora recuperadas pola ollada, e, sobre todo, polas palabras que no poema as reinventan.

“Xelmírez 15-4°” é a homenaxe de gratitude a Ramón Piñeiro e ás xentes que pola casa deste pasaron, entre eles o mesmo poeta e Carlos Casares, a quen vai dedicado o poema. Subimos os empinados chanzos de madeira para desembocar no cuarto-estudo e desde alí ollamos a galería, a fiesta cara ao exterior, símbolo de orientación e liberdade de pensamento.

En “Taberna gótica” ( a “Tasca Típica” de Noia, rexentada polo altísimo poeta Antón Avilés de Taramancos) homenaxea, botando man de motivos poéticos do poeta noiés -a figura de Ulises,  o procurador de Ítaca, o soñador da liberdade, o procurador de pratias, etc.- o mundo rico, persoal e plural do autor de As torres no ar. Fermoso canto á amizade -agora ben ferida- que Salvador García-Bodaño mantivo con Avilés de Taramancos.

Pechando esta sección figura o texto “Da vivencia do imposible”. Por medio da superposición temporal e de imaxes, o neno e o vello que aparecen no poema vén a casa familiar, agora fotografía amarela que o tempo apousou nos seus ollos. Dinos no peche do texto:

Véxome no xardín,
nun tempo de outro tempo,
a xogar cando neno co destino,

                a xogar inocente coa vida
                que me achega ao remate do meu xogo.

Na terceira e derradeira sección desta Cidade virtual, “Pegadas no asfalto”, amósasenos, a través de dez visións, as distintas marcas que os habitantes da cidade deixaron nas paisaxes urbanas. Visións mordaces, irónicas, benévolas, cheas de humorismo e que contaminan todo dunha certa melancolía. Sen acritude, pero si coa sabedoría que o tempo foi apousando nos ollos –quizais cansos- do poeta, no poema que porta por título "Manifesto"

Ergo as palabras de cada día
fronte ao verbalismo cultista embalsamado,
a transgresión irracionalista sen talento,
e
o mimetismo lírico decadentista.

achamos unha crítica a aquelas voces poéticas que se consideran sublimes -eternas- cando aínda non andaron o primeiro treito do camiño,  aquelas que cren que a palabra poética é unha moda e non un modo, unha forma de se encarrilar no “carillón” dos días que encarnan a vivencia na palabra. E precisamente a criticar esa falta de freba de autenticidade é ao que se dedica a voz poética que nos presenta ese vivir en aparencias que observamos en todos os poemas desta sección. Só quixera facer referencia, de pasada, ao titulado “Endecalóxicos ecosílabos”, reordenen: “Endecasílabos ecolóxicos”: todo un festín do sarcasmo. O mesmo que ocorre no poema “Os recordos no microondas” ou en “Edén de artificio", poema experimental, con dúas lecturas: o texto horizontal, onde nos amosa o mundo caótico, artificial e deshumanizado da cidade virtual, a cidade da modernidade, e o texto vertical, resultante desa letra solta que vai despois de cada verso, e que se as xuntamos e as lemos dinnos:

lonxe nas ruínas óese un fío de auga contra o musgo da fonte no silencio

ofrecéndonos así no poema a visión conxunta - confrontada e contraposta- das dúas cidades: a nova e a vella, a do ruido e a da paz, a da tranquilidade e a do caos.

Só dúas notas máis. “Grafitti” é un poema escrito con frases que toma prestadas das pintadas, e onde deixa ben claro que as formas de pensamento están nos libros, pero tamén na rúa , nas voces anónimas das que o poeta bota man para crear un poema copiado, mais absolutamente orixinal.

Pechando o libro temos “Cidade última”, poema en prosa; o protagonista poemático, desde a distancia, desde fóra, reflexiona arredor da cidade, el que a deixou pero que non a pode deixar totalmente porque o ten atrapado nas redes do imaxinario: forma parte da súa memoria persoal e sentimental. Ou como o poeta nos di:

Lugares que se proxectan dende as lembranzas. Escenas de pasadas realidades esquecidas que de súpeto se animan por, un intre. Anacos de vida, imaxes e palabras, palabras mesmo nunca pronunciadas, visíóns imposíbeis emergidas como recordos, secuencias alucinadas que se producen consonte a un impensado guión por ela mesma suxerido. Imaxes e volumes que se refán e poboan nun ámbito máxico, atemporal, que me posúe aínda fuxindo lonxe, que me retén vaia para onde vaia, que me apreixa na vida deixada entre os seus muros e avenidas, meténdoseme no pensamento por todos os días dos meus días para non despoxarme do pasado, para non renunciar a min e continuar habitándoa e habitándome até que, ao cabo, me perda xa sen retorno alá no fondo da súa insensíbel memoria.

Cidade virtual, fición e verdade, soño e realidade, reflexión e memoria, espacio amábel e nostálxico, bronco e esperanzado, lúcida mirada de fición real que o poeta quere, a través do libro, desde hoxe, compartir con todos nós, e para iso non lle importa mentir dicindo a verdade para facérmonos sentir coa lectura a fición real que organizou con arquitecturas verbais.
      


Luciano Rodríguez, Universidade da Coruña
A Coruña-Pontevedra, Agosto, 2003
(In Presentación de Cidade virtual de Salvador García-Bodaño)