1.-CLAVES POÉTICAS
Hai xa dezanove anos que o poeta Salvador García-Bodaño publica “Ao pé e cada hora” (1967), coido que pasou tempo dabondo para achegarse á obra cunha certa perspectiva, unha perspectiva obxectiva e illada dos fervores entusiastas ou das descualificacións apaixonadas. Por riba dos nosos gustos particulares teremos sempre de recoñecer os verdadeiros valores poéticos da obra, puiderámolos compartir ou non, pero están ahí e son imprescindibles para facer unha análise minimamente rigorosa. “Ao pé de cada hora” vén desafiando ó tempo e segue emitindo emoción poética -esa misteriosa luzada que bota o poema transmitíndolla ós lectores. A obra que nos ocupa mantén toda a súa forza e louzanía e tódolos seus rexistros poéticos seguen estando vivos para os lectores.
“Ao pé de cada hora” recolle a producción escolleita de varios anos; esta demora obedecía a unha certa resistencia do poeta a publicar; dun escuro temor de se poder arrepentir do libro nos anos vindeiros. O poeta tiña un concepto moi escrupuloso da obra ben feita; traballaba e pulía rigorosamente os seus versos, sendo moi estrito á hora de valoralos. En convencelo do seu valor tivemos parte Carlos Casares e máis eu. O libro, cando aparece, mostra xa a un poeta maduro, dono duns rexistros poéticos moi singularizados que reflexan unha coherente cosmovisión e que se converterán en constantes da súa futura producción (“Tempo de Compostela”. Santiago, 1978).
Quizais “Ao pé de cada hora” sexa unha das obras que menos atención recibiu por aquelas datas; non é menos certo que o auxe da poesía social sombreaba tódalas producións artísticas que non estiveran naquela liña. A poesía de García-Bodaño, fondamente lírica, elaborada cunha linguaxe aparentemente sinxela, de léxico restrinxido, pero moi escollido pola súa funcionalidade poética, agachaba unha hermética complexidade metafórica que lle permitía ó poeta re-crear o mundo imaxinariamente.
Abondaron tamén miopías que impediron unha lectura profunda e valorativa da poesía de García-Bodaño. O lirismo de “Ao pé de cada hora” facíao xa un libro minoritario por estar fóra das modas ó uso; a obra pedía unha lectura de activa penetración nas súas estructuras formais e simbólicas para achar unha trabada e persoal visión do mundo. Moitos non souberon ver no seu momento como esta poesía lírica con toda a súa intensidade podía ser outro camiño para captar a realidade tanto íntima como colectiva.
O poeta filtraba o mundo a través da súa visión imaxinativa. Ese foi para algúns un impedimento ou atranco á hora de descubrir que a obra de García-Bodaño tamén respondía as inquedanzas colectivas da súa realidade entorno. O noso autor vai escribindo dende unha fonda necesidade para darlle forma ou expresión ó seu mundo espiritual no que atopamos non só o íntimo e máis profundo do Ego senón tamén o ámbito humano e cultural no que se desenvolve este, o espazo ocupado pola presenza de Galicia, presenza transcendida vivencial e liricamente e que se configura nun dos dous subtemas do libro.
A obra literaria é unha urdime complexa na que se mestura o íntimo do poeta con outros elementos que chamaremos “sociais”. O escritor como testemuña dunha época non pode refugar esa enxurrada das presións esóxenas, que dun feito consciente ou inconsciente operan nel e que de certo aparecen e podemos rastrexar nos diferentes niveis do texto. Calquera obra por moi persoal que sexa, recolle total ou parcialmente, como unha caixa de resonancia, as inquedanzas do tempo no que foi matinada, isto é, recolle a cosmovisión xeracional. E “Ao pé de cada hora” é un dos libros singulares daqueles anos polo ben que reflexa a influencia da filosofía existencial como valemento a moitas dúbidas e desacougos que anguriaban ó poeta.
1.1.-Tema e motivos no universo poético.
A poesía é unha forma de coñecemento, un coñecemento subxectivo, capaz de aprehender á realidade dende o sentimento. O mundo quédanos xa como referente lonxano porque foi engulido por unha conciencia totalizante que o filtrou para transformalo e integralo nun ámbito novo de significar, nun universo simbólico e autónomo, rexido tan só pola vivencia de sentir o mundo e de facelo seu dende as raiceiras do ser. Esta visión sentimental do mundo que encerra a poesía no seu universo é a máis fonda manifestación espiritual para humanizar o mundo, por darlle esa dimensión sentimental ó religalo ó seu Ego. Este religamento que xurde dende unha fonda individualización é o que fai que a poesía se abra, como o fráxil casulo dunha flor, nos lectores transmitíndolles toda esa misteriosa emoción de facelos tamén partícipes pola creación verbal de poseer o mundo, non na súa existencia intelixible, senón de vivilo integramente a través do sentimento.
A crítica móvese sempre dentro dos lindes da subxectividade propia á esencia mesma da poesía; sabe que a linguaxe deixa de ser referencial do mundo de afora para se converter na voz do noso segredo mundo interior, voz total e sintetizante para expresar os contidos psíquicos máis fondos do home. A linguaxe deixa de ser dun xeito transitorio instrumento supraindividual para ser tan exclusivamente individual no seu uso, que a poesía chega a ser a linguaxe pola que se expresa a nosa alma; linguaxe de dinámica opacidade e dunha plenitude emocional porque recolle todo o que se agolpa sen nome nas máis fondas raiceiras do ser e que logo se configura dun xeito inefable en cada acto poético e dunha forma irrepetible é única. A grandeza da poesía reside, pois, nesta capacidade plurívoca de significar, de crear novos espazos sémicos que só comprende nunha primeira lectura o noso mundo emocional.
O gran reto que ten a crítica é achegarse a apreixar, aínda que sexa conxecturalmente, o metatexto que se enmascara na plurisemia das palabras, isto é, afondar na significación última da mensaxe poética. A crítica é consciente das súas limitacións interpretativas que lle veñen impostas dende a propia natureza da súa análise textual, pois o poema non é so o texto senón tamén o metatexto. Como texto é susceptible de ser analizado- dende as estructuras lingüístico-semánticas, e como, metatexto abre unhas relacións significativas nas que se involucra a totalidade do suxeito, o consciente e mailo inconsciente que escapan as análises formais que se fan na estrutura subxacente e so aflora parcialmente na tona máis externa desta, formalizándose a través do universo imaxinario. Pero temos que decatarnos que este universo emprega a palabra como significante dun complexo significado psíquico e é imposible calquera formalización ó carecer de referentes externos, pois aínda que a linguaxe anchee os seus lindes significativos coa connotación, esta é unha pura conxectura subxectiva para aprehender os contidos psíquicos subxacentes na obra e que intuímos emocionalmente.
As múltiples significacións do texto poético nun mesmo e nos distintos niveis é un xeito dinámico de diversificar a mensaxe profunda que se conforma no universo imaxinario. esta plurivocidade é a apertura comunicativa máis rica que fai dun texto poético algo máis, un metatexto que nos conmove estética e emocionalmente a través da misteriosa sedución das palabras. E nesto radica a poesía, nunha sedución cara ó descoñecido.
Esta sedución xurde tanto da mesma textualidade como da maneira de significar o mundo que o autor plasma no universo imaxinario e pola que emerxe a conciencia soñadora do home. O crítico estudia o Texto como significante do Metatexto; neste primeiro nivel analiza a organización formal dos elementos que conforman o discurso literario e a súa poeticidade externa que encobre a poeticidade ultralingüística do Metatexto. Neste nivel profundo, a significación metaforizada abre un xogo hermético de ambigüidades, convertendo o poema nun obxecto transaccional, resultante dunha dinámica de exteriorización e ocultación de significados. O texto lírico é a creación máis intensa e complexa de significar, porque non só os símbolos verbais fan referencia ó mundo empírico, senón que tamén son signos da visión persoal e íntima que o autor ten do Mundo. Interpretar estes signos e os seus máis agachados contidos é a nosa tarefa; achegarnos a ese magma buligante do Ego segredo e recóndito, seducidos polo vértido dinámico das imaxes polas que se amosa o Ser encarnado na palabra.
Antes de proseguir, teño que indicar que o obxectivo da nosa pescuda se vai centrar na análise do significado, xa que este crea, rexe e ordena a forma nos tres planos lingüísticos. O noso campo de estudio será primordialmente o espazo ocupado polo universo imaxinario onde se manifesta unha visión inédita e persoal de crear e sentir o mundo.
A obra obxectívase cando se integra no mundo e o lector establece unha relación comunicativa co autor a través do Texto/Metatexto interpretando ese universo referencial de simbolizacións e metarreferencias que comporta a mensaxe pola que o autor expresa a súa visión do Mundo. A ordenación deste universo estruturase e confórmase de acordo cunha visión unitaria (=Tema) que caracteriza e vertebra a toda a obra. O lírico contaxia de autobiografía ó mundo ó sentimentalizalo. Pensamento e paixón fúndense na construción dun universo subxectivo grazas a unha cosmovisión que define o conxunto da obra.
¿Cal é esta na poesía de García-Bodaño?, pois é unha visión existencial do mundo, onde o amor é a única forza capaz de romper o cerco da soidade e de darlle un sentido á vida. O Amor, o gran dinamizador do seu pensamento poético, xurde da anguriosa necesidade de vivirse o home por riba do tempo e da morte. Visión esta que concretiza, por unha banda, no sentimento de sentirse “estar” nun espazo real humano que se chama Galicia e, pola outra, na muller como presenza iluminadora do tempo deshabitado e baleiro da existencia.
O Amor é o eixe cosmovisionario, artellador dos temas ou motivos que conforman “Ao pé de cada hora”, isto é, o amor como motor e núcleo de visión unitaria que caracteriza o conxunto da obra de García-Bodaño.
A ordenación poemática do libro revélanos o artellamento temático perfectamente marcado e respondendo ós dous ámbitos que conforman o seu universo poético; universo que vai dende un espazo exterior, situacional, no que se desenvolve o seu vivir, vencellándoo cos outros nun comportamento ético ó sentirse colectividade e parte desa conciencia colectiva e histórica que é Galicia, a un espazo interno, íntimo e vivencial, á procura do amor humano como razón vital do seu existir. Espazos ambos rexidos por unha mesma visión integradora do mundo. Non podemos esquecernos de poñer de releve a presenza dos eixes (tempo, dor e morte) en ambos temas, como expresión do pensamento existencial e que tamén percorren os demais motivos poéticos:
O Amor A Terra
A Muller A Patria Galega
A Ledicia A Soidade
A Presenza A Ausencia
A Palabra O Silencio
A Esperanza A Eternidade
A Vida A Morte
Estes dous temas (o amor a Galicia -a terra amada do poeta- e maila procura do amor humano na muller e a prolongación nos fillos) son os que determinan a coherencia da obra de Salvador García-Bodaño.
1.2.- Galicia é isto que vai en nós.
García-Bodaño expresa líricamente a súa vivencia de Galicia, vivencia sentida e recreada como un todo, onde funde a realidade descuberta e aprehendida na cultura e que o poeta sinte con especial fondura porque é testemuño desa colectividade que “ten plenitude espiritual” e a vivida a cotío dende a súa vivencia existencial do mundo. O gran pano de fondo nas elexías e esta contemplación visionaria expresada en imaxes que iluminan esa realidade interiorizada que é a Galicia que todos levarnos dentro.
Visión, a súa, lírica pero non exenta dunha rexa carga ética porque xorde do compromiso dese home particular que é o poeta con ese espazo real e humano que condiciona o desenvolvemento do seu vivir: lingua e cultura. Este vencello implica un comportamento “social” do poeta religándoo cos outros, tanto cos vivos cos que comparte o presente como cos que se foron e xa son sombras do pasado, pero que xuntos abren o camiño cara o futuro. O poeta síntese herdeiro desa colectividade e, como tal, parte desa conciencia histórica que o vencella coa Terra e cos seus homes; velaí como xorde esa actitude ética de sentirse estar nunha realidade concreta que se chama Galicia. Pero non esquezamos que a imaxe interiorizada de Galicia embébese tamén das angurias do home que a sinte e que se sinte vivir nun tempo e nun espazo vital concreto, polo que nos poemas atopamos unha serie de elementos íntimos que lle dan unha dimensión existencial ó tema.
Os poemas que integran o conxunto de “Oracións para os vosos nomes” funcionan como símbolos parciais do tema e podémolos considerar como variacións que encerran unha significación unitaria. En cada elexía engástanse subtemas que nos remiten ó tema latente que actúa como eixe cohesionador do poema. Penso que esta elipse e presuposición do tema (Galicia) responde a unha técnica de ocultación empregada polo escritor para burlar a censura daqueles anos.
O ton intimista do discurso poético e maila vaga relixiosidade que impregnan os versos das elexías poden actuar tamén de artificios desta ocultación que fan posible o desvío ou relegación a un segundo plano do tema, pois a utilización duns campos semánticos alleos --o relixioso e mailo existencial- serven para descontextualizar o tema e difuminalo nun entorno léxico menos comprometido.
Cada elexía enfía unha serie de subtemas ou motivos que van conformando unha imaxe de Galicia que o poeta metaforiza no discurso poético, pero esta imaxe témola que reconstruír a partires de dos subtemas engastados ó longo dos poemas. Presenza sempre do tema a través dos subtemas, pero illados en imaxes e metáforas que teñen forza sintética da vivencia recreada e transfigurada polo lirismo.
O motivo de “Oracións” é sempre unha morte concretizada que ten uns rasgos comúns, pero que é sentida como unha ausencia para nós e non un vacío, xa que o morto seguirá sendo sombra e presenza intanxible no constante e plural renacer da vida. A morte non é unha aniquilación definitiva para García-Bodaño, ou se abre da eternidade:
“onde ti xa es eternidade"
....................
“con teima feriute a eternidade"
ou ben troca en esperanza colectiva que nos empurra cara adiante:
“e serás ti dende sempre
a nacer e renacer no sangue
porque no sangue xorden
as razas inmortais.”
....................
“un credo
e un norte ou esperanza que nos alenta
na fuxida, ás veces sen volta,
cara ás terras do pan.”
Nas elexías de “Tempo de Compostela” aparecen rasgos diferenciadores, e dentro destes temas temos de subliñar a presenza das palabras "tachadas" que non figuran no seu primeiro libro, as palabras prohibidas nos anos da ditadura, para negarnos unha realidade, a nosa patria Galicia:
"e, xuntos,
soterraremos sen música nin himnos
as palabras todas
que quixeron dar cabo á nosa Historia."
Elexías de maina e contida tristura as de “Ao pé de cada hora”; elexías de alento épico e forza civil as de “Tempo de Compostela”, todas elas escritas nun presente no que se funde o tempo vivencial do poeta e mailo tempo histórico dunha Galicia asoballada. Non hai desolación, a fermosura e a esperanza abren o horizonte do tempo. Nas elexías de Salvador García-Bodaño xorde sempre un pulo vital, que como un segredo manantío, se abre cara o futuro no que vai modelando o mundo, a patria imaxinada. Elexías escritas dende a Vida e mailo Amor.
1.3.- Os eixes existenciais.
O tempo e a morte son os dinamizadores do seu pensamento "sentinte" que xeran esa vivencia de esencial desamparo que sinte o home que -como di Rof Carballo- vive en cada acto do seu espírito a manifestación nadizante da morte potencial,
"Cando as raíces da Nada
andan a nos negar por dentro."
...............................
"A nada aniñou nos teus ollos."
a cal afúndeo irremediablemente na soidade, ese sentimento polo que se expresa a conciencia de finitude, a insatisfacción e a inseguridade existencial, isto é, esa dramática orfandade que o home leva nas raigañas fondas do seu ser.
"Largacío horizonte de soidade
xa decote a me doer nos ollos."
..................................
“Aquí, un home só..."
.................................
"A soidade
era unha chaira inmensa
dende o alto das murallas."
Mais o home, como individualidade, procura ó longo da súa existencia unha proxección afectiva-emocional do seu ser nos demais, procura atopar no outro ese senso de "completez" que lle falta. Polo amor, o home sairá de si-mesmo en busca desa nova unidade que arela no máis profundo da súa natureza, e, así esa procura incesante da muller, esa sedución pola muller que move ó poeta,
"Non hai palabras imperiosas
que podan rachar
a nosa unidade sen lindes."
1.4.- Síntote chegar pregoeira de ledicia.
O mesmo título “Ao pé de cada hora” suxírenos unha actitude asexante, un estado de teimosa vixilancia e de testemuño do poeta ante o devir da vida, desa vida que o irá marcando de angurias e ledicias e das que o poeta deixará constancia nos seus versos, porque a poesía tamén é unha forma de memoria, de memoria poética individual e colectiva que transfigura a realidade nunha visión interiorizada e que, logo, plasma e recrea metaforicamente no seu universo imaxinario. ¡Canta secreta confesión se esconde neste universo onde todo sufriu unha inefable mutación para iluminarnos os escuros labirintos do corazón humano!. Pensamentos, sensacións e sentimentos, todo, en suma, foi requintado e transcendido pola maxia da palabra nun novo xeito de coñecer o mundo. Nada máis que nos queda a palabra iluminada, que na poesía de Salvador García-Bodaño é a palabra iluminada polo Amor como vivencia integradora da vida.
"Pregoeira de ledicia" podémolo considerar como un diario da vivencia amorosa, pois nel observamos unha narratividade dende o nacemento ata a plenitude amorosa para pecharse cunha meditación final que resume e condensa o seu pensamento existencial. O libro, como sabemos, ábrese cunhas elexías nas que a palabra chave é "ausencia" arredor da cal se estrutura o campo sémico de "Oracións": mentres, polo contrario, a poesía amorosa artíllase en relación a "presencia", xa que esta é sentida como unha presenza capaz de darlle unha nova dimensión á vida. As cordeadas son as seguintes:
AUSENCIA PRESENCIA
- Desamparo - Abeiro
- Morte - Vida
- Soidade - Amor
- Tristura - Ledicia
- Desesperanza - Esperanza
- Silencio - Palabra
- Pasado - Futuro
- Vacío - Plenitude
Subliñemos que a ordenación poemática do libro non é arbitraria. As partes manteñen unha funcionalidade contrastiva para remarcar o Amor coma eixe central do libro, xa que a Morte será o contrario necesario para acadar a plenitude vital que confire o amor. Esta é a razón de que os poemas elexíacos sexan o pórtico da poesía amorosa. O poeta marca este tránsito dende a ausencia á presenza do amor que va¡ enchendo "o seu ser deshabitado" porque éste é un vivirse no outro para sobrevivirse por riba do tempo e das cousas, é unha forza que nos leva á identidade co obxecto amado:
"E ti aquí á miña beira
como un proxectárseme da alma
para habitarse de ti mesma."
O discurso amoroso de "Pregoeira de ledicia" é un discurso pechado, a Morte como realidade virtual gravita ó longo do libro, primeiro como unha realidade nos outros, e logo xa como unha realidade presentida nun mesmo,
AUSENCIA PRESENCIA AUSENCIA
-Do amor -Do amor
-Muller < fillos -Eternidade
-O ser deshabitado -Plenitude vital
-A morte dos outros -O ser habitado -A morte presentida
O poeta analiza tamén moi polo miúdo os estados polos que pasa a vivencia amorosa (anguria, desamor, medo a perdelo, presenza da morte). Desacougos e entusiasmos van facendo o camiño ata acadar a súa plenitude.
Importa reseñar que na imaxe da muller agáchase tamén a "imago maternal" que inconscientemente leva esa arela de seguridade, de abeiro ou amparo que o home bota en falla nos recunchos de si-mesmo:
"Tal vez un sulco no tempo
a se perder en si mesmo
a través dos teus ollos de nai."
Polo amor, o home intenta acadar a súa plenitude e conquerir o senso unitario que o religa co Universo para vivirse por riba do tempo á procura da última verdade:
"E tarde xa cando as raíces
andan a nós procurar alá por dentro
onde quizais ti e mais eu
soamente
sexamos verdade!"
Estes serán os dous grandes temas da obra de García-Bodaño, sentidos e recreados liricamente nun universo dinámico que terá o tremor da vida, desa vida que vai facendo e refacendo a historia dun home a cada instante.
2.-A CONSTRUCCIÓN DO IMAXINARIO
"O texto poético pódese definir como un espazo de comunicación que se descompón e matiza en distintos niveis, xerado como un ritmo que traduce fondos de converxencia espirituais subconscientes, válidos igual para o poeta como para os seus receptores", A presente definición do profesor Antonio García Berrío ofrécenos un anovado enfoque para analizar o poema como reduto terminal dun proceso de translación que arrinca a pulsións subconscientes preverbais. Estas orixinan esquemas de orientación que logo atopamos formalizadas en imaxes e metáforas que traducen e transmiten dun xeito compacto as representacións imaxinarias do noso psiquismo. Ven este proceso dende o máis recóndito Ego, artillando a linguaxe dun xeito peculiar, para converter a palabra en vehículo polo que emerxe o espírito. Convén subliñar a importancia deste proceso que converte o texto artístico nunha comunicación transracional e intersubxectiva que se opera a través da opacidade da linguaxe poética capaz de transmitir os compoñentes simbólicos profundos do psiquismo e que son captados emocionalmente polos receptores. Polo tanto, o texto poético é a expresión, a manifestación verbal, dunha fonda pulsión. Esta pulsión ven ser como unha faísca que prende o proceso creador dende unha latencia emocional que conmove ó individuo. A vivencia preverbal que se embebe dos esquemas de orientación busca a plasmación última e definitiva no poema; polo que este será un artificio plenamente dinámico que reflexa e formaliza transcendidas as tensións vitais do seu creador nos diferentes niveis compositivos da obra.
A todo acto creador precede un estado vivencial no que se recolle ese "sentirse ben ou mal, centrado ou descentrado", xerador do ritmo que conforma o esquema verbal, condicionando tanto o desenrolo expresivo do poema, como tamén as estruturas imaxinarias proxectantes de imaxes e metáforas que aparecen no texto. A dinamicidade creadora deste ritmo. xurdido dende os raigaños máis fondos do ser, conforma e ordena o poema, converténdoo ademais nun espazo comunicativo onde atopamos a vivencia humana recóndita e secreta expresada a través do imaxinario. Este ritmo íntimo e persoal transmuta o artificio verbal en algo inefable ó abrilo á unha comunicación intersubxectiva e transracional que só percibimos pola emoción.
A pulsión desencadeante arrinca dos universais do sentimento humano que ó se recubrir de consistencia semántica, está personalizando esquemas de orientación que encarnarán o imaxinario cara a determinadas formas de expresión, expoñentes dunha persoal e fonda cosmovisión do individuo.
O esquema verbal organiza e dispón tódolos elementos textuais en función do pulo fantástico, formalizando no mesmo poema un espazo antropolóxico que recolle a vivencia situacional do home no universo.
A estilística é o achegamento á formalización poética do texto, mais esta resulta insuficiente para profundar nos mecanismos inmanentes da produción dos mesmos. A poética do imaxinario, ó partir dos estudios de psicocrítica e máis da mitocrítica, enriquece cuantiosamente as posibilidades da análise textual, porque procura facer unha retórica da estrutura profunda do poema. Para elo, trata de fixar os compoñentes imaxinarios (riscos de esquemas) que revelan unha peculiar orientación do mundo sentida no profundo do ser, para logo estudar as imaxes partindo dunha concepción simbólica da imaxinación, creadora do sementismo das imaxes que son "presentizadores" dos impulsos conscientes. A parte destas teorizacións, incorpora tamén o sistema de rexímenes proposto por G. Durand para estudar o universo simbólico textual tendo en conta como as estruturas do imaxinario podemos atopalas diversificadas nuns poucos temas tanto na conciencia individual como na colectiva.
A poética do imaxinario vai máis alá da estilística, xa que esta se move exclusivamente dentro da forma, mentres que aquela procura atopar o alicerce do constructo textual, de sinalar como a substancia dos contidos sémicos responde a algo que está no fondo da consciencia que ven xa conformada polos esquemas de orientación. Con isto, a poética do imaxinario intenta descodificar no universo simbólico do poema unha peculiar orientación do mundo sentido no profundo do ser. Engadimos que esta análise agranda o texto poético ó convertelo ademais nun espazo antropolóxico onde tódalas formas, dende as imaxes ata os recursos acústicos materializan e expresan sentimentos, emocións e toda clase de pulsións inconscientes, isto é, todo 0 que ten resonancia no noso ser psíquico.
O noso obxectivo é establecer os formantes imaxinarios que ‘formalizan’ todo ese complexo devir de pulsións emocionais e vivencias que enchen de recónditas significacións o universo simbólico de SGB, analizar as imaxes que traducen a inmanencia do psiquismo, convertendo o texto poético nun ámbito transaccional válido e empatizante para o lector. O discurso poético é un discurso suxestivo e cheo de resonancias porque toda a súa verbalidade funciona provocando aperturas sémicas. As palabras, sen perder o seu significado, recóbrense doutros máis fondos e íntimos polo que se converten en imaxes que designan -como sinala K.G. Jung- a natureza subconsciente do Espírito- Entón, a palabra adquire un valor bifuncional, xa que actúa, por unha banda, como signo lingüístico, e, pola outra, como imaxe polo seu carácter homoxéneo, porque está cargada de afectividade, dinamismo e representa tamén todo o agachado é íntimo de nós. Esta plurivocidade da palabra poética é a que estudaremos na obra de SGB, tendo en conta ademais a súa frecuencia de aparición, pois a pesar do seu significado sígnico (lingüístico) tería outro valor, o de imaxe verbal, que, como xa dixemos, é o resultado dunha complexa metamorfose na que participaron pulsións, esquemas afectivos e operacións intelectivas.
Ó estudar a imaxe poética, Ch. Bally definíaa como "un fenómeno ultra lingüístico". O xenial lingüista atopábase con atrancos difíciles de superar, porque a linguaxe convértese en idiolecto para significar a peculiaridade vivencial máis fonda do poeta. El mesmo decatábase que a análise da imaxe poética rebasa o estritamente lingüístico para entrar noutro ámbito, como son o psicolóxico e mailo filosófico. A palabra tomaba un novo significado non referencial, fóra do acordado. E a súa comprensión faise variable, ambigua e plenamente suxestiva, mobilizándonos cara significados que só captamos emocional e vivencialmente, á marxe da linguaxe capaz de transportarnos dun universo a outro. Velaquí o valor que Bachelard lle dá de "movemento sen materia" e isto é a función máis anovadora da linguaxe, a capacidade de crear un espazo comunicativo no que a palabra é un símbolo Que provén do noso psiquismo.
O pensamento poético nada ten que ver co lóxico, procede doutro pensar, do xurdido da imaxinación, potencia dinámica, creadora de imaxes que se converten en símbolos estetizantes do psiquismo. Comunicación suxestiva
e transcendente, operada a través da beleza, pois a imaxe comporta e crea sentidos novos porque xurde na conciencia como un produto do corazón, da alma, do ser do home. "A poesía é a fenomenoloxía da alma" porque plasma esa outra actividade secreta que nutre tamén a nosa vida abisal para revelarnos os raigaños do ser, non pola vía conceptual, senón pola poetización simbólica e pola unicidade de orde imaxinativo.
A imaxe poética é atemporal, está fóra das marxes mortais, porque ven e vai á imaxinación, xeradora dos universos máis íntimos e persoais do home que de cando en vez aflora para habitar a palabra, como expresión dun mundo inmorrente.
Ó facer o reconto das imaxes de máis alta frecuencia no corpus poético de SGB, sorprendeunos atopar que a maioría delas se artillan arredor dos seguintes núcleos sémicos: auga, terra, aire a parte de outros tres que o facía sobre a muller, a proxección nos fillos e maila palabra. Incluso estes tres últimos poderiámolos vencellar como subconxunto dos grupos anteriores. A nosa sorpresa foi grande porque atopabámonos diante dunha clasificación xurdida de xeito natural, nada artificiosa, que nos poñía diante do modelo proposto por G. Bachelard para análise do imaxinario. Isto revélanos o valor da lírica de SGB, como unha poesía na que o caudal simbólico ven emparentar ca gran traxectoria do imaxinario.
Isto lévanos a unha reflexión que nos desvía un pouco do noso cometido e que xa viñamos matinando. Nun auténtico creador de alento lírico, o seu discurso poético resístese a ser "compartimentado", que hai que analizalo como unha forma autónoma e ben individualizada, porque o texto érguese xa como unha escritura singular única e irrepetible e da cal podemos extraer a partir do código imaxinario ou visionario a cosmovisión xeral do autor. De aí que, dende a miña opinión, as chamadas intertextualidades perden relevancia dentro da escritura concibida como totalidade, pois rastrear influencias -moi válido por outra parte no seu aspecto erudito- ben pouco veñen aportar porque estas son asumidas polo propio texto, pasando a desenrolar un significado único e exclusivo dentro do contexto do discurso. Con respecto ó noso tema, do imaxinario, as influencias refírense as imaxes "prestadas", mais que polo mero feito de aparecer xa no texto desenrolan unha función e son xa usadas e asumidas como propias para expresar o mundo vivencial e polo tanto pasan a engrosar o universo imaxinario do autor. De pouco nos serve que estas influencias sexan reais ou supostas, conscientes ou inconscientes, o importante é que comuniquen, pois as imaxes tendo un significado particular están baseadas sobor dun amplo significado vencellado, coido que de xeito inconsciente, cunha semasia xeral que está tanto no acervo común da colectividade como no caudal imaxinario do individuo.
Despois deste pequeno inciso, volvamos ó cómputo dos núcleos sémicos da obra de Bodaño que se departen da seguinte maneira:
ORACIÓNS PARA OS VOSOS NOMES
Auga,12 Terra,33 Aire,7
PREGOEIRA DE LEDICIA
Auga, 12 Terra, 8 Aire, 21
Muller, 30 Semente, 14 Palabra, 15
É imprescindible para profundar no universo poético facer unha poética das imaxes, pois, como di Bajtin, a simple estilística resulta pobre senón se proxecta cara unha transcendencia íntima, inmaterial e transubxectiva, porque o valor da poética do imaxinario consiste en reclamar para o obxecto artístico (a poesía, no noso caso) a súa capacidade de formular en imaxes as representacións imaxinarias do noso psiquismo subconsciente.
Vou explicar a elección do modelo que aplico (o de G. Bachelard) á poesía de SGB no lugar doutros e que tamén se axeitan á poética do imaxinario como son os de M. Eliade ou os de Dumezil. En primeiro lugar, un criterio metodolóxico guía a nosa complexidade dos significados máis agachados, así como desvelarlle as chaves que na estrutura profunda xeran a simbolización do universo poético de SGB.
1.- Pola propia evidencia das imaxes artilladas arredor do sistema ternario: Auga-Terra-Aire.
2.- Este sistema ternario que atopamos na iconografía de SGB ven cadrar substancialmente co modelo bachelardiano. A ausencia do coarto elemento (o lume) non modifica nin altera os contidos simbólicos que subxacen no universo da poesía de Bodaño.
3.- O índice de aparición garda unha relación proporcional coas partes do libro; "Oracións" ten unha frecuencia alta do elemento Terra, a mínima Aire, en "Pregoeira" invértese a proporción, a máxima é Aire e a mínima Tema. Isto ven ser ben indicativo, ámbolos dous elementos desenrolan unha función significativa dentro do contexto sémico cosmovisionario. Indícanos a operatividade destes no plano substancia dos contidos.
Estes elementos son a base da simboloxía, a través dos cales materialízase o imaxinario porque son os dinamizadores das imaxes. Todo o real coa súa pluralidade de formas atopa unha converxencia significativa neles porque conforman valores emblemáticos inconscientes e universais.
Esta terna (auga-terra-aire) establece unha estrutura significativa básica que robustece todo o artificio imaxinario, pois o inconsciente simbólico é o que subxace no entramado creador das imaxes. Estas, moitas veces, non son máis que a expresión ou manifestación deses prototipos simbólicos (arquetipos), literarios en última instancia, que están no noso psiquismo actuando e preformando conxuntos e modelos representativos e emotivos.
As imaxes do Aire están vencelladas cunha psicoloxía ascensional e, polo tanto, tamén coa caída, simboliza o mundo da espiritualidade, do luminoso e das realizacións ideais. As da Auga, mantendo a significación ambivalente (vida-morte / creación-destrución), simbolizan o principio feminino e materno, igual que as imaxes da Terra que comportan eses mesmos valores (función maternal da fecundidade e de recollérmonos no seu colo –“morte”-, mais ten outros propios, oponse simbolicamente ó Aire, e ábrese a unha psicoloxía da anguria e da tristura; simboliza o mundo dixestivo, da escuridade e da disolución.
4.- O libro “Ao pé de cada hora” está escrito dende a vivencia amorosa, o poeta síntese habitado, o amor enche o seu ser. Hai unha euforia vital que o contaxia todo, que suaviza ou rebaixa os pensamentos negativos, incorporándoos incruso dentro do espacio amoroso como algo necesario para darlle maior fondura ó sentimento amoroso.
O amor é o eixe arredor do cal se artella o universo poético de SGB. A súa poesía é un canto de home namorado e a muller é o fin último de tal canto, mais a muller cantada polo poeta está adornada non so dos riscos da amada, senón tamén dos mais relevantes da nai (abeiro, protección e sosego) e que veladamente o poeta desexa na muller amada, aparecendo expresado na súa poesía:
"Tal vez un sulco no tempo
a se perder en si mesmo
a través dos teus ollos de nai."
………………………………
"Ámote aquí, mainamente,
baixo a sombra calada dos teus ollos
como un paxaro que move as túas follas
e escapa ao teu adentro fuxidío."
Estas pulsións de amparo, protección e religación, propias da “imago materna”, aparecen subxacentes nesa muller-amada; polo que o principio feminino e materno ten unha forza extraordinaria na poesía de SGB. A maioría das imaxes de Auga e Terra estannos a remitir a esa “imago materna” que subxace na vivencia amorosa.
Isto fainos pensar que a presenza destas imaxes construídas baixo o sistema ternario non é unha mera casualidade, nin azar, nin tampouco debido ós nosos criterios clasificatorios, senón que obedece a algo máis profundo que son estas pulsións propias da “imago materna” que gardamos no noso subconsciente e que o poeta incorpora ó modelo virtual da muller amada.
Subliñamos que hai unha estreita relación entre o mundo inconsciente e mailo consciente que se manifesta polo imaxinario. As imaxes veñen expresar e repetir veladamente esas significacións escondidas que xera o noso psiquismo. A presenza das imaxes de Auga e Terra están actualizando eses significados inconscientes que se engaden ós propios de cada función do seu contexto.
AIRE -Luz
-Vida
-Amor
-Claustro materno AUGA HOME (Lume)
-Fecundidade -Escuridade
-Morte
TERRA -Disolución
5.- Ademais este modelo ternario adáptase ós rexímenes de G. Durand que aplicaremos á análise das imaxes poéticas. A teoría desenrolada por Durand descúbrenos que hai unha retórica profunda que rexe o Imaxinario. A presente teorización ten unha importancia sobresaínte porque pon de relevo o espazo figurativo como espazo da nosa pregnancia ontolóxica.
Xavier Carro, Universitat de Alacant, 1986