Centro de Documentación da AELG
García Bodaño e Compostela
23 de maio de 1994
Xosé Lois García
Autores/as relacionados/as:
Fonte: O Correo Galego

Á  poesía de Salvador Bodaño non se lle ten feito a xustiza e recoñecemento pertinente tal como mandan os Cánones cos "bos e xenerosos" ; nunha temporalidade tan esencial para a renovación da lírica galega. No seu primeiro libro: "Ao pé de cada hora" (1967), xorde con pulo a súa voz variada e contrastada --naquela etapa de realismo social-- qué vai dende un compromiso reivindicativo ata a funcionalidade da palabra no eido Simbolista; sen axexos nen acenos a outras proxeccións estéticas qué se daban, naquela altura, en Galicia. Once anos despois aparece 'Tempo de Compostela', un poemario premonitorio que nos conferiu o esplendor do pasado e presente compostelán.Con anterioridade, esta cidade, non fora visionada e matizada con tanta reflexión, patetismo e complicidade coa que García-Bodaño a erixiu. Compostela ficaba fraccionada en moitas e notables obras de autores galegos, -sen a integridade física e humana ata que lle conferiu, este poeta, unha unidade.

Compostela, na obra de García-Bodaño, sentímola máis fermosa, coma a Matria dos galegos; a que nos fai identificar cunha colectividade intrinsecamente individualizada. Cando sucamos e ollamos a Compostela real e verificamos os seus espacios en 'Tempo de Compostela' sentimos, tamén, múltiples e variadas sensacións na palabra poética que nos mergulla, instintivamente, na luminosidade e nas sombras. En Compostela, segundo os casos, prodúcense varias versións da nosa existencialidade á medida que nos introducimos neste poemario. Neste sentido, apunta Giuseppe Tavani, na espléndida versión italiana de 'Tempo de Compostela': "Témpo di Compostela é il poema tenero e violento, notturno e solare, in cui alla cadenza elegiaca subentra lo scatto vitale che riapre il ciclo dell'esistere".

Do espacio que nos ocupa referiuse Rosalía: "Santiago no es ciudad; es un sepulcro". Todo ese peso sombrío rosaliano non acadou en Bodaño un sentimento nin unha predisposición para deixarse atrapar polo silencio dese grande bosque petrificado que é Compostela. Ó contrario, hai unha intensidade sensual e progresiva que nos amosa a dimensión coa que, García-Bodaño, se recrea en todo ese universo vivente de Compostela.

A 'obra poética' de Salvador García-Bodaño, recentemente publicada por 'Espiral Maior', con dous títulos máis engadidos ós que xa nos referimos: 'As palabras e os días' e 'Poemas de amor a Xulia', culmina a unha grande voz poética que, na súa integridade, optou pola pausa e renunciou, así, a baterse coas horas que pasan. Non hai dúbida: estamos ante un grande creador de poesía e creador de mundos emerxentes, con grande enerxía e vitalidade. Nesta nosa poética etérea sempre perdurará o vital sobre o efémero: Velaquí a grandeza de toda poesía lexible ó describirnos emocións de mundos polos cales xiramos só ás apalpadelas, e isto é para congratularnos nestes tempos que corren con tanta confusión poética.