Centro de Documentación da AELG
Discurso na cea homenaxe de escritores/as en Compostela polo 70 cumpreanos de Salvador García-Bodaño
17 de xullo de 2005
Ruibal, Euloxio R.
Autores/as relacionados/as:

Tal día coma hoxe, hai xusto setenta anos, nacía á vida en Galiza un poeta chamado Salvador. Querémolo lembrar aquí e agora, medio século despois de que el mesmo fixera pública tal condición coa expresión feliz dos seus primeiros versos. E querémolo lembrar polo seu alto significado, porque sen poetas non hai pobos, sen poetas non se enaltecen patrias, sen poetas non se fan países, sen poetas non se constrúen nacións. Precisamos dos poetas como do ar que respiramos para vivir en comunidades xustas e libres, en pacífica irmandade, pois sen alento poético non é posíbel aturar a realidade nin sentir a emoción da común identidade. Afortunadamente, na Nosa Terra temos poetas, poetas grandes e verdadeiros coma o noso querido Salvador. E iso fainos sentir orgullosos do noso pasado, firmes e seguros no presente, ilusionados co futuro. Porque Galiza, máis ca nunca, grazas á xenerosidade intelectual é ó talento artístico, literario, de poetas como Salvador García-Bodaño, a nosa eterna Galiza ten futuro, un futuro para a convivencia en liberdade (pacífica e próspera) dos noso fillos, netos, bisnetos e tataranetos; un futuro coa nosa lingua a cantar nos bicos, coa nosa cultura e a nosa idiosincrasia sempre a relucir estrelas nas frontes. Sentimos, vivimos, soñamos. Todo o que os vellos poetas nos fixeron sentir, vivir, soñar; todo o que o noso poeta Salvador nos fixo (e fai) sentir, vivir, soñar.

Hoxe, 17 de xullo do ano 2005, dende a soleira esperanzada dun país novo, e xusto na rúa Nova, fronte á igrexa de Salomé, á carón do Salón Teatro, no corazón do espazo de "pedra e cristal" que acochou a alma sensíbel e creativa do noso poeta neno, mozo e maduro; xusto aquí, nese espazo moitas veces temporalizado en versos que nos produciron arreguizos na alma; xusto aquí, rendemos cordial e fonda homenaxe a Salvador García-Bodaño.

Non me vou referir arestora á obra poética do homenaxeado . Nin tampouco á súa produción narrativa ou ensaística. É abondo coñecida por tódolos escritores amigos que hoxe aquí nos apiñamos arredor del, tal coma un acio garimoso e doce. Pero o que non quero deixar pasar por alto é a súa responsabilidade cívica, en especial a tarefa de promotor e dinamizador cultural (velaí temos "O Galo", o "Museo do Pobo Galego", o novo "Seminario de Estudos Galegos", etc.) nin o seu compromiso social, plasmado en accións políticas de carácter nacionalista e socialista, apoios a nobres e xustas causas de moi diversa índole, ou en escritos e manifestacións a prol de demandas laborais, educativas, ecolóxicas, etc.; e dende os difíciles e noitaregos tempos da ditadura ata a actualidade.

Salvador García-Bodaño foi un fiel e valente seguidor do ronsel dos vellos mestres do galeguismo e do nacionalismo, ronsel que ensanchou, enalteceu e alongou. E continúa a facelo. A cotío. Modestamente. Caladamente. Sen barullos nin exhibicionismos.

En coherencia, o agasallo que por todo o devandito lle estamos a tributar tiña que ser sinxelo, humilde, sobrio, de carácter informal e íntimo. O cal non impide que, como desexamos, resulte asemade cálido, entusiasta, cordial, ledo, garimoso.

E con dicir homenaxe abonda.

Benquerido amigo e compañeiro Salvador; benquerido narrador e poeta, ensaísta e académico, benquerido mestre Salvador García-Bodaño, recibe os nosos cordiais parabéns xunto coa testemuña do noso agarimo, do noso respecto, da nosa admiración, da nosa consideranza.

Como din os nosos paisanos, de hoxe nun ano. Saudiña e sorte.

E. R. R.