Centro de Documentación da AELG
García Bodaño e a súa obra literaria
Damián Villalaín
Autores/as relacionados/as:

Escritor ligado á cidade de Compostela, da que se convertirá en intérprete poético aportando seiva nova a unha vella tradición do galeguismo literario. García-Bodaño nace, sen embargo, no hoxe popular barrio de Teis, incluído no municipio de Vigo e daquela fermoso recanto mariñeiro pertencente ó concello de Lavadores, a onde os seus pais foran pasa-lo verán preto da familia viguesa. Fillo dun prestixioso Procurador dos Tribunais, xornalista e dirixente agrarista e anticaciquil, aunará sempre García-Bodaño as súas inquedanzas literarias e culturais á actividade e ó compromiso político de signo galeguista.

Ó tempo de cursar estudios de Dereito, fai as súas primeiras armas literarias no desaparecido xornal La Noche e forma parte do grupo de mozos que participan no renacer das Festas Minervais, certame no que García-Bodaño resulta galardonado en varias ocasións. Durante os anos 60 e 70 desenvolve unha activa participación en diversos proxectos políticos e culturais.

Dase a coñecer como poeta coa publicación na Editorial Galaxia, en 1967, de “Ao pé de cada hora”, libro de gran fondura existencial e portador dun novedoso intimismo erótico. O libro ábrese cuns poemas nos que Galicia -a patria idealizada- e quen loitaron por ela están esencialmente presentes nunha depurada poesía solidaria que, nalgunha ocasión, foi obxeto de erradas e superficiais interpretacións socialrealistas.

Ven, logo, un período de silencio editorial que se prolonga ata o ano 1978 en que publica unha primeira edición de “Tempo de Compostela”, divulgada en 1979 por Edicións do Cerne, un poemario merecedor do Premio de la Crítica española que, á volta dos anos, se converte nun clásico da literatura sobre a cidade xacobea e que ten continuación no volume “Compostela”. A súa obra poética é densa e emblemática.

No ano 1988 outórgaselle o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural e o 25 de novembro de 1992 ingresa como membro numerario da Real Academia Galega.

A poesía de SGB artéllase en torno a dous eixos temáticos fundamentais. Por un lado, Galicia, patria esquiva, “duda inmensa”, que o poeta corporeiza en políticos, artistas e escritores (Rosalia, Seoane, Pimentel, Cabanillas, Piñeiro, Otero, Castelao, Bóveda, Maside...) e, finalmente, na cidade de Santiago de Compostela. O outro tema organizador da poética de García-Bodaño é a muller, entendida como personificación dunha potencia superior, o Amor, capaz de devolverlle sentido á existencia do home. A poesía de García-Bodaño responde deste xeito as dúas principais correntes que converxen na súa formación intelectual: o galeguismo e o existencialismo. Ambas influencias determinan o “pulo de esperanza” e o “fondo elexíaco” que Ramón Piñeiro apreciou como características axiais da súa lírica. Sen embargo, ese dualismo motivacional e temático non implica unha bifurcación tonal nin conceptual. A voz de Bodaño, feita de sentimento e emoción temperada pola sobriedade e contención expresiva, non é unha voz escindida ou que teña necesidade de axustes internos para encarar a expresión dunha ou doutra liña do seu poetizar. Nos textos de “Ao pé de cada hora” e de “Tempo de Compostela”, concílianse nun todo único ambas tendencias, a humanamente solidaria e a intimista, o cantor da patria e o rapsoda namorado.

Traspasa os seus libros un afán de trascendencia e redención que alenta en cada verso e que permite enxergar un matiz de relixiosidade ambiental na poesía de Bodaño. Matíz explícito no reiterado recurso ó ton profético, á pregaria coral e mesmo á imaxe bíblica. O poeta, “que ten medo de non ser”, procura a través da muller e da colectividade ideal da Patria (a terra e os mortos) o seu religamento cun mundo que quere serlle alleo, que pugna por facérselle extraño e por desproveerse de sentido.

Santiago de Compostela ocupa un lugar central na poesía de Salvador García-Bodaño. Pero non é Bodaño un cantor da beleza externa da cidade, da súa paisaxe ou do seu vivir. Compostela é para Bodaño un espacio de loita e de esperanza, unha encrucillada na que o recordó e a presencia exemplar dos grandes homes mortos, mortos ou vivos, contrapesa o fardel inmenso da barbarie e de alienación, do non ser. A Cidade conformase como a concentrada e barroca metáfora dunha Galicia " que va¡ en nós e que nos leva" nun continuo devalar á espera, quizais eterna, de chegar a ser plenitude: "Agar.tía.../ todo está á e,rpreita/ baixo a tona da calma". Compostela é tamén o tempo que pasa e que acaba por ser unha "rúa longa na memoria" coa que o poeta chega a un alto grao de identificación: "As veces un home nace para a dorl e para sentir aló no peitol o eco esmorecidul de voces e de nnmesl que foron morrendo..."

O verso de García-Bodaño sobrancea pola súa coidada composición, por miha rigorosa selección léxica e por un reiterado uso de anáforas e paralelismos que fornecen ós seus poemas dunha gran condensación emotiva e dunha delicada musicalidade no verso libre, dotado de orixinal ritmo interno, que caracteriza a maior parte da súa obra poética, tamén escrita en formas pechadas e ensaios estrófico-métricos aillados e novedosos.

García-Bodaño desenvolve, paralelamente, un intenso labor c<nm~ articulista e ensaísta xornalístico no que é de suliña-la sáa colabor~cian dominical "De (-)me a hoxe" no diario "El Correo Gallego".

No terreo das traduccións ten incorprado á lingua galega títulos como “Unha ocorrencia do Dr. Ox”, de Jules Verne, ou “A casa que botou a voar” de Le Roi. Tamén, as páxinas relativas a Galicia do libro de George Borrow “The Bible in Spain”, en traducción publicada baixo o título “Viaxe por Galicia” en magnífica edición ilustrada.

Dende hai uns anos García-Bodaño cultiva a narrativa a través do relato breve ou conto, caracterizados por unha esixente estructura interna na que a realidade e a temporalidade son transgredidas nun discurso literario anovador, traspasado pola ironía e a ansiedade ou o humor e o medo, que aportou, xa que logo, unha nova vía e marcou un necesario punto de inflexión no tempo da narrativa ligth e do manierismo surxido a partir da obra dos autores da Nova Narrativa. A este respecto publicou recentemente un suxestivo libro de relatos curtos inscritos nun fío argumental pechado, titulado «Os misterios de monsieur D’Allier», que foi acollido extraordinariamente ben nos medios críticos e galardonado co Premio de la Crítica Española para a narrativa galega en 1993.

Damián Villalaín