Centro de Documentación da AELG
A verdade poética. Limiar á 2ª edición de "Ao pé de cada hora"
Ramón Piñeiro
Autores/as relacionados/as:

Hai máis dunha ducia de anos -escribo en 1980- que este libro consagrou a Salvador García-Bodaño como un dos poetas verdadeiros que agromaron na Galicia dos nosos días. Con anterioridade á publicación do libro, por privilexio amistoso puiden ir coñecendo moitos dos poemas segundo saían do pulo creador que lles daba vida e forma, e sabendo como sei da intensidade emotiva do noso poeta e da rigurosa esixencia da súa sensibilidade expresiva, a veces, lendo os poemas que Salvador me traía, eu podía case percibir -digamos adiviñar- a tensión desas dúas forzas espirituais por acha-la palabra xusta e  o termo acaído.

Quizais poida sorprende-la austeridade de Salvador García-Bodaño na publicación da súa obra, xa que a publicación deste libro débeselle á presión amistosa de Carlos Casares e de Paco Carro, que colaboraron con el na escolla.

Dos poemas, e "Tempo de Compostela” publicouno igualmente por estímulo amistoso. En realidade, el escribe cada poema concentrando todo o espíritu na vivencia emotiva e toda a atención na percura da fidelidade expresiva. Convertí-la palpitación emotiva do espíritu en expresión verbal que faga comunicativa a súa entraña máis profunda esixe do poeta a conquista da palabra xusta, insubstituíble, e a conservación da cadencia rítmica do propio sentir vivencial. Cando, como no caso de Salvador García-Bodaño, a poesía nace tan directamente do mesmo cerne persoal, cada poema ven ser unha parcela viva da biografía íntima. De aí que o interese do poeta se dirixa plenamente á autenticidade expresiva e deixe en segundo plano a preocupación comunicativa que trascende do círculo amistoso, quer dicir, a comunicación de carácter xeral que se percura a través da publicación impresa.

Certo que unha actitude tan cinguida á verdade poética -e máis aínda en tempos tan publicitarios como os nosos- paga necesariamente un precio de silencio ambiental que só pouco a pouco, pola forza insobornable da propia verdade poética, se irá rompendo. O noso poeta aceptou serenamente ese precio durante anos, pero agora que moito do rebumbio poético alimentado de simple actualismo se alonxa cara o silencio, sai con paso firme do silencio a poesía que como esta de Salvador García-Bodaño, se nutre nas raíces perennes do corazón humano.
 
Lendo “Ao pé de cada hora” todos podemos revivir algúns dos nosos sentimentos máis fondos. Podemos revivi-lo sentimento de identificación con Galicia, a solidaridade entrañable cos mártires que agardan debaixo da súa lousa pola xusticia, a dor pola perda das grandes figuras representativas do noso pobo que a morte nos vai levando, a tensión ilusionada e atormentadora do amor, a misteriosa soidade do recanto máis profundo do noso espíritu, etc., etc. Pero revivir estes sentimentos a través da poesía non é o mesmo que vivilos na inmediatez latexante do seu acontecer. A palabra poética eleva a vivencia ao nivel da pura vibración espiritual e fainos percibi-lo sentimento dun modo que poderíamos chamar cognoscitivo, porque partimos da súa expresión verbal.

Velaí por que a poesía verdadeira ten unha función reveladora. E a poesía que ides ler é poesía verdadeira.

RAMÓN PIÑEIRO
Real Academia Galega, 1980