Sobre a beleza perdurable
María do Carme Kruckemberg
Poemas sen resposta
Espiral Maior, 1999
A traxectoria literaria de María do Carme Kruckenberg demostra dous feitos incuestionables: primeiro, a nosa non é unha poeta vacacional, mais vocacional; segundo, a fidelidade á arte poética é unha constante vital que enxalza a súa obra de maneira determinante e a sitúa nun lugar cimeiro no panorama das letras do noso país. Non se trata dunha cuestión banal. Podemos comprobalo repasando, sumariamente, a súa producción. Resulta asombroso constatar que desde o seu primeiro libro en galego, Cantigas do vento (1956), ata o que agora comentamos, Poemas sen resposta (1999), transcorreron corenta e tres anos de dedicación profunda á arte de compor versos, sumando unha cantidade nada depreciable de poemarios que enriquecen dun modo notable a súa cosmovisión artística. Ese fervor pola poesía merece, sen dúbida, o noso recoñecemento e a nosa admiración.
O volume que agora analizamos divídese en tres seccións. A primeira, intitulada "Tempo derrubado", rexistra once poemas sentimentais, onde predomina o desacougo ante o amor que se esvae, unha melancolía que traspasa de imaxes os recantos dos versos, un acedo itinerario do corazón:
Non teño lonxanía
onde pousar os desexos.
Tres muros, unha fiestra cega e unha porta pechada
por toda paisaxe.
Aquí ternos o escenario da dor da poeta, a casa da saudade que se filtra en metáforas de grande eficacia, como a que acabamos de ler, pois o desexo busca a distancia para depositarse a descansar, como a vehemencia a delgada simplicidade da distancia para cesar, aínda que sexa dun modo esporádico. Máis adiante a poetisa diranos, chea de desasosego.
Nada che importe unha mágoa.
Loita namentres te deixen esgrimir o vento,
e xoga un intre coa paz da navalla.
Efectivamente, o peito da artista transita polo gume da navalla, entre a desesperación e o sereno padecer do desamor, mais doutros sentires que se van incrustando na materia poética de modo inmisericorde.
A segunda parte do poemario, "Nomes no recordo", recolle doce pezas dedicadas a diversas persoas e poetas que a nosa autora homenaxea dun modo emotivo, aínda que o primeiro proclame:
Non se deben arrastrar as emocións
ata a tiña que conleve o desamparo.
Un dos máis fermosos poemas do libro é o dedicado a Laxeiro, onde podemos ler esta definición exacta e misteriosa do quefacer pictórico:
As luces máis as sombras alongadas
van morrendo indecisas na nostalxia.
O amor é un oficio fráxil
e constante.
Sen faltar tampouco o aserto intelixente derivado dun reputado creador de epigramas, como o irlandés que a autora nomea e a paráfrase incisiva:
Dicía Oscar Wilde
que un bico "pode causar a ruína
de toda unha existencia"...
Un milleiro deles
pulveriza o corazón ata o límite.
Libro, pois, rico en dimensión poética, en reflexión sobre o fráxil oficio de escribir, aquel que suscita as emocións e que as cristaliza en palabra de beleza eternamente perdurable.