Centro de Documentación da AELG
Escrita madura. Illas no medio do deserto
10 de febreiro de 2006
Raña, Román
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Opinión

Chega ás nosas mans o poemario Tanxerina. O seu autor, Mario Regueira (Ferrol, 1979), é coñecido por ter publicado un libro de contos, Rebelión no inverno (2004). O presente volume foi galardoado co XVIII premio nacional de poesía Xosemaría Pérez Parellé convocado polo Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene. O que primeiro cómpre dicir é que estamos diante dunha escrita madura, onde o autor domina un rexistro lingüístico carregado de termos exóticos que nos levan ás zonas árabes do norte de África. Ese escenario inhóspito vai cubrindo os versos dunha pátina de arenosa desolación, de contundente aridez. Quérese dicir, o espazo sórdido vai apoderándose das personaxes que aparecen entre os versos, contaxiándonos do seu fatal pesadume. O segundo elemento que chama positivamente a nosa atención é a perspectiva poética: o suxeito lírico asume a máscara dunha muller explotada, chea de privacións e violentada, que padece as máis fondas penurias da existencia (enxendra morte, reproduce a miseria, sofre a crueldade infinita dos homes). O poeta recobre o seu rostro co rostro da muller e, sendo outro, imaxina que vive outra vida, contándonola atrozmente, con extrema dureza. Tamén o sexo, no medio deste territorio de devastación, abrolla dun modo feroz. O contacto carnal no medio do inextricábel deserto: “A miña pel de escorpión torrada baixo o sol/como outra bandeira que ver/achegándose longa polo deserto.”

           

Existe unha segunda sección, a intitulada Rick’s café, onde o sentimento amoroso se dilúe no alcol dos derrotados. Quizais sexa a parte máis cinematográfica do libro, mais tamén onde se realiza un verdadeiro exercicio de introspección no abismo das almas que se aman. Hai versos de fulgor irrefutábel: “O espazo fixo illas no medio do deserto. Nunca o sabe quen nunca se achegou aos bordes”. Noutras ocasións o autor vai perfilando un discurso que tende á narratividade, mais sempre nun terreo ambiguo que o afasta do prosaísmo plano e que sempre introduce algún elemento de sobresalto emocional. Aforismos como destellos de coñecemento enchen un libro fermoso, feridor, conducido con man de ferro por un poeta que promete dar mái que sorpresas.