Este poemario nace nos tempos da marea negra na Costa da Morte, e abarca sete meses de desgarro poético ,co poeta en evolución ó mesmo tempo que a costa vai perdendo a súa cotra . Da sensación de paraíso perdido imos cara uns versos finais de esperanza e de futuro . O poeta recorda a moitos dos seus mestres e recordos da nenez , teima por recuperar o seu mundo esnaquizado , un exercio non exento da pegada do estructuralismo, a deconstrucción e o simbolismo, tan prezados polo autor. Son sete vagas, sete ondas, sete mareas que arremeten contra a realidade reivindicando a linguaxe poética como forma de expresión da lírica , distinta da prosa e doutros experimentos, e a forza da nosa fala como elemento imprescindible para hacer patria e ter ligazón coa terra, coa historia . Unha fala poética que en Sete Vagas demostra que a poesía é unha maxia que ven de oriente e que ten no galego unha lingua axeitada, forte, chea de tradición e ó mesmo tempo renovada . Son versos dun fillo da terra, da Costa da Morte, telúricos e crípticos, de velada beleza , que non deixarán indiferentes os amantes da palabra e os que pensan que na renovación da literatura europea tamén a milenaria fala dos galegos ten moito que aportar. Nun mundo en derrota, caidas as referencias cotiáns, o poeta busca nos recordos algo no que amarrar , auga pura da fonte para vivir e renovarse, e loita como unha onda máis contra os males da patria, contra a destrucción do rural polas cidades, contra a marcha dos amigos e as complicadas relacións humanas e amorosas no novo século . Son fillos estes versos dun novo tempo , e destilan a mel xeada da lúa e o verde das olladas que cruzan pola rúa, a forza do sol que morre no mar e se renova nas montañas do este, e a de ese óso da froita que garda a vida ata a primavera. Unha costa ferida, homes e mulleres que loitan, e unha cidade, A Coruña do presente e todas as que foron algo na vida do poeta , que están vencellados por ríos enterrados, estradas de buses ateigados de rapaces . A imaxe dunha nova Galicia moderna onde o urbano e o rural se confunden, onde os vellos oficios, as antergas tradicións caen ano tras ano ante a vitalidade do moderno , a destrucción paulatina da natureza e do patrimonio .Un exercicio de lirismo onde cada verso está cheo de significado e imaxes que buscan a emoción, a evocación e a procura da identidade .