A Luz Pozo
Garza, amiga e gran poeta que naceu onda o Mar |
"Vemos que o tempo pasa e a amizade perdura". Luz Pozo Garza |
Pura sempre
gustou do mar. Amóu o mar. ¡Ama o mar!. A miudo escribíu poemas sobre
do mar. Agora preséntanos este libro ó mar adicado. Ó mar,
"deserto azul" que limitan praias de "area páIida".
Mar onde os barcos se arrolan en singladuras e dimensións, nas que ás
veces tamén emerxen as algas e os delfíns. |
I Nacendo estou na flor da mar. Nacendo criatura do amor que doe e crea. Resucitei nas marexadas. Subo entre escadas descuma e verdes ondas, doces sosegos. Brisas relentadas. Fronte a este infindo pulo este latexo ilimitado devorando rochas, clamando por espacios, movedío. Ollo a terra ardentíza. A matria austera soñando cunhas agras serenísimas, con inmóviles barcos e ronseles. Con celmosas mareas e maliaxes. Cambeante eternidade que me tunde, doime o misterio. Os mundos me limitan. Pero amo estas salgadas, duras ondas. Este deserto azul. A area pálida... A dor do amor. Do mar. Todo a conterme. II Amplas bocas en cántiga lonxísima catapúltante ós páramos do vento. Bules cos movimentos sideráis. Coas ubérrimas cumes centinelas. Transparecido alcúmante aleivoso. En acesas auroras te revelas absoluta grandeza renacéndote cada segundo en roitas, singladuras. Sombra de tí enigmático remontas cimeiros de auga a barbullar debezos, eternidades. Magnitudes de anxo, deus asombroso, desvividas ondas. Amplo leito. Cinsenta moradía. Ávida estrela en man da clara escuma. Rastrollo de alga, gris e nebra iñota fronteiriza da anguria. Van de nube. Primaria luz. Auga primaria. Berce primario para o plancto. O protoplasma. Ascendes gabias de branquizas brétemas a descender en borbullós de chuvias. III Gaivota gris e branca pisa o mar. Ave ceibe en remota luz voando conxugada co azul e as caracolas. Paxaro que en bandadas te proiectas avizor fermosísimo dos mares. Xogas coas cristas de escumantes ondas, corpos lixeiros. Vóos verticais. Choutas pola amorosa liberdade das soedades abertas cara os ceos. [Aves ditosas fronte e un mar grisallo de sámagos abríndose en magnolias]. Raíña dos rochedos e das praias. Pescadoira nas calas que o mar bate. Crávaste nos espellos que te cegan, onde enredan os peixes descoidados... IV Pola chaira diáfana do mar de cada día o buque abarca os ámbitos. Adianta singladuras. Adivíñanse as brétemas perto. Unha cantiga na brisa incineirada. Só un barco arrolándose pola extensión do mar nun sámago de auroras sumerxido. Un delfín corta as augas e fende o aire cada cando, choutando fronte ó barco pola piscina inxente. Ceibe circo sin carpa. Ninguén polo arredor, só auga... Auga. Só o barco e mais eu. Só o delfín e o Mar. Só a soedade, afora. V lIla de verdes cabeleiras por cenitais ceos asomándote. Os solpores emérxente das tébras, do cobre, os lilas, brancos e morados. Porta de albeiros déitaste en preguiza, co esplendor das florestas rodeándote. Cinguida á brisa. Os lóstregos. O vento. Lume da tarde constelando as ondas. Dalgún lugar dornas e velas surcan polos soños e as roitas a engadarte. Dalgún país emerxes. Sobrevives co froito das mazairas. As silvestres flores. O olor de ortigas e codesos. Silveirais callando amoras negras... Soedade ande pululan paxariños. Rocha onde dormen verdes gazamalos no crepitante sol. Na azul maleza. VI Na coberta do buque feríame a feroz melancolía. Quizáis era a nostalxia da terra tenramente azaneándome. Unha estrela na azul tinta do ceo tamén me azaneaba misteriosa. Un vislume de luces e de sombras, de corpos entre as ondas evasivos remolcaba as escumas entre o ronsel voráxin do navío. Nas próvidas soedades vín nacer unha flor como tremando, na outanoite fondísima apousada. E soñei con estrelas. Nebulosas caíndo de aló enriba como lúas sobre a curva do mar. Axoenlleime na solitaria proa acubillada. VII Qué delicada voz esta que afonda dozura estremecida e letal gume. llla en sosego por o tempo apura meu corazón. A sonda enardecida crávase en mín. Escancia na redonda pleamar do amor a mel que nos unxía. Algo naceu e aniña na segura ligazón dos teus brazos. Urxe. Rolda un tremor. Un debezo. Unha ledicia que medra cada día e cada noite. Faise fontar e luz e durmevela. Sangues do amor convocan ás pleamares. Xa somos corpo só e soa boca. Lume de amor. De mar. Lume infinita. VIII Chove no mar. Chove no ventre infindo da auga profunda. Chove gravitando nas furnas o treboedo interminable. Comenza a pleamar. Remexe. Avanta fantasmal e rotunda gabeando deiquí e dalá coa bronca, a repetida voz que sube das covas e dos túneles. Chove no mar. Trocouse a lonxanía en panos a pingar estrepitosos. Son milleiros de brazos reloucantes coas escumeantes ondas remedrando. Un mundo chora no panel estrano. Desángranse nubeiros polo oscuro entre os fríos ponentes descendendo. IX Sentinme encadenada a unha extranxeira illa nun exótico mar. Era un xardín recendendo, na noite engaiolado. Era una flor nacendo. Era un chorriño. Auréola de esprendores tropicais sobre a babel das língoas e os adeuses. Un mundo entre tumultos de cántigas e ondas trascordándome. Foi nunha escala pola noite. En terra de quente oscuridade. Humedecida pel e ollos cegos pra adentrarse nunha estrana beleza presentida. Nunca poiden ollala. Adivineina baixo un zodiacal signo fastuoso. Cando o avión subíu era xa só unha illa calquera. Unha meirande bolboreta nas tébras apousada. X Por o fondo do mar lábil corrente e sombras suben. Baixan as burbullas por a auga lenta ata o fondío estouro. Pola entrana oscurísima desfóndanse ondas á contraluz entre duas nubes. Albíscase a negrura. Os verdes túneles das froumas e das algas. Dos corales. Canto alenta e latexa nas abisales cobas tremebundas. Loita da morte en acadar a vida. Ira do mar mordente desde a altura. Noite subindo na marea airada de forzas infinitas, igualadas. Algo perto de mín afíncase. Penétrame unha fonda e letal nostalxia ardendo. XI Cánto este mar de ausencias a arredarme daquel outro da idade que contiña cacheniños de mar. Arrolos do meu berce. Medito nos lustrales desamparos que acado. Cántos fastíos, cántos memoriais de mínimos debezos e albedríos cércanme tercos. Atalaias ergueitas cara os ventos. Cántas valeiras mans sinalándome torres, e cotidiáns desastres. Esperanzas. Desexos confundíndome. Ninguén dorme. Convócannos con chamas a escurrirnos por rotas obsesoras e paisaxes de lúas incendiadas. De pontes infinitos. De dispersadas nebras. ¿Qué mundos de belezas nos engadan? XII Segunda illa, escala dos navíos... Algo sube connosco unda a recóndita brétema. (O cáncro fondo no misterio deste Atlántico mar) O das temibles escolleiras ocultas, os escualos... A onda zuninte que se espesa e racha combatendo o vorace acantilado. Asubíanche as augas nos contornos colares escumeantes. Movementos. Vertíxes de violencias e tumultos a roldarte con voces ululantes. Choutan valvas e peixes. Podres restos que se enredan teimudos entre as algas desmedradas da sal. Flora raquítica. Non me quero evadir, illa radiante, por avalanchas da alta desmemoria, por estacións de sombra e lonxanías. Xa o páxaro mariño chía perto. Queda dozura no perfil sagrado que te asomaba limpo nas escalas sideráes de nebra e lúas grávidas. Tí, illa, permañeces flamexando. Eu vou de paso. As augas vivifícante no punto mais crucial destas soedades. Nebulosa en misterios ancorada... XIII Cruzan poldros de brétemas. Bisontes pola acendida denuez das augas. Acanéanse cervos e gacelas entre pétalos rosa, case neve sobre os líquidos cómaros roldando. Unha amarelle asoma os botóns de ouro nos recantos do patio, amarfañando fragantes brisas, frenesí de arumes por valgadas e fragas frondosías. Praias semiluares fan broslados e puntillas branquísimas na area. Entre o mouro da noite un touro negro pasta estrelas e lémures nos ceos. XIV Labaradas de sol. A transitoria rosa do lume acéndese dourando un apousado mar. Brádalle a entrana na chaira da altamar interminable. Descende ata as raíces e os sargazos. As sucesivas luces xurden azas de soltas bolboretas estendidas por o esplendor das ondas reloucadas. Repítense no corpo, nas escamas dos delfins invisibles e dos peixes. A noite medra co solpor, tendendo un estrelado pano por as simas. Qué solo o mar sen iras. Sen estrondos. Sen barcos e sen sol e sen espellos. A tarde foi morrendo removida por sombras sen apouso. Non hai lúas. Só astros deloirados. Non hai vento. ¿Durmíuse o mar na mar do seu silencio? XV Quedas atrás cecáis burbulleando sensacións nun oscuro tremelar de fastíos. Pero eres doce lume. Un vóo case efímero. Unha aza destellante ou blanca forma. Un froito de ouro diluíndose nos mastros. No verdoso ourizonte. Nos xades alonxados. Inda te ollo imaxen que ata os fíos postreiros dunha lágrima. Un ademán de adeuses pola seiva das cristas oceánicas que caen nas espeluncas. Que descenden desde a aurora ata o mar no seu trasfondo. Frechas lentas me levan ás altas singladuras a cercarme coa túa presencia presentida perto do faro das memorias. Derrúbannos as pontes costeñas e secretas onde a cercana noite agarda ó día. XVI ¿Qué nodelos tocándome na porta deixan cálidos roces? ¿Qué postigos claman impervios, ásense da noite, pegan nas altas pálpebras sombrías e regresan insomnes desde as illas ata os anxos brigantes da tristeza? A luz do mar Caribe arómase de choiva e de melancolías laceirantes. Cai súpeto na preta tinta china que afoga a claridade. Disolve as amatistas nos fíos do infinito pechados entre sámagos no extendido horizonte. Polos vacíos cómaros do mundo cabalgando os centauros dos soños desafían a presencia do mar que se presente. Prolónganse na música da auga, nos ronseles invisibles da proa. Abrochan voces. O peirao está perto. Vibran mastros. Amansáronse as ondas. Grandes barcos adivíñanse ancrados nas bahías. XVII Magnificente lúa. Mar movéndote, linde grosa do mundo e cómaro sagrado. Deus primixenio e sartego infindo dos homes e dos barcos atrapados. Non hai anxos flamíxeros parando a espada dos trementes infortunios. ¿Que alicerces, maliaxes che encasulan na devesa violenta acobilladas?. Alguén turra nas gándaras da auga ou na pena treidora alporizándote. Terracotas de barro e das arxilas. Pozos de algas inxeles abrollando. Nervaduras coráis endurécente. Cemiterios de nácares e perlas irisadas, foron núcleos de morte para os buques sen rumbo no xelo deses cuarzos. Dos espellos. XVIII Lémur do vento. Brisa salgadía entre os dedos da brétema rizando nas escumas, nas flámulas mariñas. Os deuses da feroz melancolía róenme oscuramente. Pesan no són do Mar, na vasta chaira, á infinita soedade encadenada. Quere a tarde florir nesa aba inmensa que ven onda sobre ondas arrolándome. Sempiterna cantiga esta das augas. É o mar que na nenez, no mocerío foi burbulla dos soños desatada. Mar de amarga tristura e fantasías. Mar a engadarme en barcos e ronseles. Sola contigo a contraluz das lúas fuches rondel, fermoso canturío. Alma. Brisa do mar. Mundo absoluto. XIX Encarceradas augas de bahías orgullosas de azúis. De turbios leitos. Traen amósegas vivas e sinales: Sangues. Penumbras. Areales. Lamas... Imaxes belas. Corpos na luz distorsionados. É a memoria fugace dos mensaxes. Farallóns de maraxes melancólicas. Ei de atrapar ó sol da fermosura, á labarada. Ó xelo que me enfría o corazón xa vello para esta soidade. Estos combates. Tornar ó gozo. Asilo. Rescatalo dunha incerta mañán. Fuxir da desmemoria en que me perdo e me arreda do sol. Abril-as portas e os pechados posigos. A ancha orela da antiga pasada, anque regrese logo a chuvia destes grises domingos outonizos. XX Deuses mariños arden enredados nas copas da soedade que se toca. As naves obstinadas fluctúan en neblinas, nos mariñeiros signos ancestrales. Lonxe están os peiraos dos camiños da mar, e os fumes adormentan espirales esfinxes, abatidos nunha cidade sin contornos. Alguén acende as luces. Os fareiros noitámbulos vixían bébedos por o sono. A soedade. A vida... O ollo multicor dos faros polo mar fai oscilar as zángolas infinitas das sombras. Ninguén sabe onde queda a area branca. Onde a terra da costa presentida, das praias, das palmeiras. Onde as aves graciosas acochadas. Onde o costado do mar iridiscente e o colar das escumas remordendo a soedade encalmada das mareas. XXI Lonxe do mar ardente voz me chama con clarísima voz. Voz poderosa que domina na altura. Ata a meseta chegan salpicaduras de oleaxes e invaden as cidades coas escumas. Sábenme a sal os beizos. Ou a xestas —o amarelento mar destos outeiros doéndome no sangue—. Augas amargas de dous mares distintos. Ou, cramores, ou lonxanos cramores dominándome... As brancas dornas fírenme nos ollos nun lento navegar, como gaivotas. Os mastros altos. Velas e navíos encadéanme os brazos ós peiraos. O monte. O mar... ¿Qué brisa me ergue soños de luces, praias preguizosas nos ventanais azuis, nas ensenadas, en illas de durmidos hourizontes? Flores mariñas. Peixes. Verdes algas. Fermosísima flora diminuta. Pinos rexos e antergos aciñales. A vexetal marisma do meu mundo. Teño o sangue cheíño de maraxes apresurando o ritmo dos meus pulsos. Porque son coma o mar. Son mar eu misma. Doce seiva de mar. Mar desmedida sobre da terra de Castela dura. XXII Xa calou a mareira alporizada de torrentes e ondas. Todo vai de calado nesta galaxia miña. Vagabundeo nas senlleiras dornas, gamelas e gabarras, por bahías cheas de lúas redondas. Lévanme os algodóns da inxente nebra deica dos arcoiris das soedades lóbregas. Quero subir escadas e caír nas remotas leiras dos trigos a durmir en leitos de trébos e mapoulas. Ingrávida de afáns, non son noitébrega. Son a dona do soño. Das músicas eólicas. Dóbrome nunha gris racha de sámagos. Nos zunidos das albas e as congostras. Non hai faros á vista para guiarme. Só o mar. Só as sombras. E ese peso de séculos que as espaldas me dobra. Esa lucenza, lámpada ou estrela que racha os días nas lonxanas lombas, abre as ánforas case rebordadas das mágoas que me abondan. XXIII Imaxinado mar, búscote sempre. De tanto imaxinarte surxes lenzo. Extraña nube de auga derramada por un ceo fugace. Mar sin furia. Fulxindo surxes colibrí de lume ou nimbo de anxo. Lúa excarcerada na ebriedade do azul. Sobre os orballos. Cruza unha dorna no danzante mar e unha luz vertical chove dos ceos sobre un raudo voar das andoriñas. Anceante tremor desata o aire e adorméntanse as herbas. As espigas. É un tempo de silencios, e desplómanse no gravitante soño. Nel converxen. Na fronte miña firen fuxitivos ecos. Ascuas de luz. Celestes sombras. XXIV Estás. Existes baixo ceos sosegados e verdes ribeiríos. Vértebra anseante. Corazón que ausculta o sono meu. Cada vixilia. Cada hora. Fronteiras de testa e pranto. Ou dor. Gracia que inunda de cántigas e brisas as cornixas do Tempo. Óllame. O aire vólcateme imaxe, e un tumulto de arroios obstinados enmárcate por múltiple evidencia de astros e de ondas. Fúlxenme os ollos e a túa voz resoa. Eres presencia recamada, doce, infinita e gozosa entre os susurros. Entre os pálpitos. Mar rizada medrando por transparentes márxes, por umbráis. XXV Muller, fún mar. Mar silenciada por costumes que chegan da "Caverna". Estática e caudal xa desde a cima do sangrar remansado lúa a lúa do fuxitivo Tempo. Os meus sentidos dobréganme. Só muller, só Airón. Vívido anceo. Soamente muller ande a ansiedade vestía de arcoiris e luceiros. De túneles de noite. Iconos doces. Lascivas lúas. Sede encarcerada. Pebeteiros en claves plenilunios... Só o rescaldo son. Muller transida de mar, cinzas sereas e orballadas. Alicerce ás nostalxias que amamanto. Un amarelo mar con luz de enigma. Ou, a mar desvivida nas lembranzas. Desfollo os nonmeolvides. As corolas daquelas margaritas en conxuro que ó pé de tí meus dedos desfollaban. O "si" e o "non" sumerxen a tenrura nun surtidor de fábulas e olvidos. XXVI Eres un mar doméstico. (O deste lar que habito, onde agardo e pervivo un azar arredío). Onde paso os meus días con transparencias de auga. Lonxe quedan os mares que xuntan ou separan. Os que eu amara sempre. Os que levo nas tempas. Por onde navegara nos movedizos barcos. Xa só hai días lentos de chuvias con tristezas, e un sol tan cotidián como este mar da casa. Un sol que quenta os tabas da alma case oscuros onde lustros de anos cínguenme melancólicos. Ámote, mar das quedas ondas, rotos espellos. Non sei és luz ou tébra de humáns alegorías... Vivo no teu lentísimo vibrar eternamente. Na escuma xa tan fría do meu vello universo, no que me abismo dócil a inescrutables sinos. Fantasmas de oleaxes. Vivos espectros. Naves que me tan singladura de absolutas bahías. XXVII Perto de mín o mar rolda. Manselo, onda tras onda bate nos beiraes. Un mar axoenllado. Un mar enchendo as pucharcas con cunchas. Caracolas. O mar aprende nomes e roteiros, beiras suaves. Luceiros lembradíos. Susurrar de palabras. Marabillas, e a sal que levan brisas relentadas. Navíos pasan lonxe. Reducidos a puntos como dornas ou gaivotas. Polo violeta, polo azul, espéllase unha mapoula. O sol nun pólder morre. E nós imos sin norte onde atoparnos. ¿En qué ponente a nosa nave rota? ¿Ónde aquelas bitácoras inquedas, o amor que a nasa vida constelara? E tí, mesmo mar de onte ¿Ónde a chuviña, a cantiga en concerto chorreando na chaira inmensa, as susurrantes voces? Todo vive nos tobos da memoria, no monólogo amargo. Xa pasaron os celmes anos. Todo é meu. As ondas e os silencios. A cinsa presentida. XXVIII Único. Só. Unánime. Fermoso... Xa morren os solpores nos morados amarantos do mar e morre a tarde. Vou morrendo tamén nesta auga fría de sosegos e sombras pesadoras e grises contra as luces do invernío. Na noite deste meu mundo contida de borrascas amargas, abróllome na dor que o medo abrolla. (Na eternidade todo se eterniza...) ¿Quedaráste Mar único encetando outro universo vivo na rotunda aba do oscuro plancton dos oríxes? Cando todo se acabe, o fume. A brisa. A loita. A paz, na derradeira onda. ¿Pronde me levarás, xunto a que polo atarásme, en que leda singladura? ¿Perdurarás na presentida morte, noutra lúa, outra matria nebulosa abríndote cecáis en dar de vida? ¿Rebelaránse as líquidas cavernas? ¿Onde o berce de peixes e de escualos? ¿Onde forxar as roldas das galernas, as escuadras dos buques naufragados? XXIX Se digo Mar adóndasme baías, portos, navíos, lúcidas cidades, xiríns para o sorriso conmovido. Adóndasme sereas delicadas, lóstregos, brasas, plenilunios, lúas. Unha opulenta luz que che fulgura. Un algo que deslumbra. Algo que vive. Se digo Mar nácesme desde dentro beleza deleitosa de solpores, de mediodías altos e de auroras. Digo mensaxes torboentos. oornas. Bitácoras. Letal. Leste. Naufraxios... Se digo Mar ata o silencio zoa. XXX Durísimo clamor de escuma e rocha. Berro de amor. De amante consumado. Eres perfecto mar fronte da nada. Mar repetido en cláusula intranquíla, quérote en dar de entrana. En óso puro, en alma que ó infinito nos estira. Quixera ser un canle sin anguria nesta pouta de séculos. A rocha redimida contigo. O ceibe berro. Quixera ser no fin desta agonía a cinsa tenra sobre tí volcada. Eternamente mar. Soño cumprido. |