Desde
que lle tocara a lotería de Nadal por un décimo que lle mandara
un fillo que tiña casado en Madrid, o señor Pepe de Pousadela
medía todo por cartos. Un supoñer, decía alguén
"Téñolle que cambiar as rodas á coche" e alá
saltaba o señor Pepe: "Pois vai preparando cinco mil
pesos". Saía outro calquera con que ís levar a muller a un
médico de pago e, antes de que dixese máis nada, ceibaba o
señor Pepe: "Tres mil pesos. ¡Se non coñecese eu como
abren a boca eses lampantíns!" E así por todo. Falase do
que falase, o señor Pepe da Pousadela tiña decote unha cifra na
boca. "¡E sempre en pesos, pola antiga!" corrixiume o
sancristán un día que me sentiu.
Moitos fuxían del porque a nova
teima de medir todo en cartos descubríalles cousas que querían
acochar. "Parece que fode que che estean dicindo sempre o
que
valen as cousas", comentou un día na taberna Ricardo, o zapateiro, cando o señor Pepe lle espetou que o prato do
casamento da súa filla andaría polos setecentos pesos.
Sobro de tempo como andaba, o
señor Pepe de Pousadela ía moito pola barbería de Moncho. Alí
parrafeaba, lembraba as súas correrías de cando servira nas
illas Chafarinas e da relación que mantivera coa filla do
capitán. "Amores platónicos", dicía el, coidando que
así os facía máis intensos. Precisamente aquí, na barbería,
cando lle sentiu a un cliente que tiña que acompañar a uns
parentes a visitar a catedral de Santiago, o señor Pepe de
Pousadela non dubidou un intre e exclamou:
¿E que pode valer? ¡Vinte
millóns de pesos!
Todos ficamos con ollos abertos.
Si, si, a catedral de
Santiago por aí valerá coma catro casas xuntas.
Ninguén o contrariou porque todos
sabiamos o xorne que gastaba o señor Pepe cando alguén poñía
en dúbida o que el dicía. Non respectaba máis que á xente da
súa paria e sobre todo ó señor Cañete, que se coñecían
moito porque mocearan no mesmo lugar e facían a pé o camiño xuntos. Precisamente aquel día estaba na barbería o señor
Cañete, cousa rara porque adoito era a filla quen o rapaba na
casa. E foi el quen se atreveu a falar.
Pase que o edificio da
catedral de Santiago valla iso que ti dis, pero ¿canto valerá o
botafumeiro?
O señor Pepe de Pousadela,
sorprendido por algo que non calculara nunca, baixou a vista e
coa desculpa de que se lle botaba a noite enriba, marchou para a
casa. Uns días despois finou. O día do enterro disque dixo a filla: "Seguramente sabía cando ía
morrer. Ultimamente o
pobre non facía máis ca botar contas".
|