Centro de Documentación da AELG
Galardón Carvalho Calero
Seara, Teresa Teresa Bermúdez
Fonte: A literatura desde 1936 ata principios do século XXI: narrativa e tradución (A narrativa breve desde 1975), tomo XXXIV en Galicia. Literatura. Obra Completa, Hércules Ediciones, S.A., A Coruña

CARVALHO CALERO

   Co mesmo espírito de homenaxe, o Concello de Ferrol organiza o Certame Carvalho Calero de narrativa curta, que premiou obras heteroxéneas nas súas seis primeiras edicións. Así, a recreación particular que Xoán Ignacio Taibo fai das aventuras de Ulises, con personaxes propios da Odisea homérica inmersos nun mundo futurista e caótico en Informe bestiario (1991), álzase co premio na súa edición inaugural de 1990. Ó ano seguinte, Henrique da Costa logra o recoñecemento cunha novela breve de matiz histórico, Mar para todo o sempre (1992), ambientada na época das grandes conquista de Ultramar. Neste espacio desenvólvese o relato dun amor difícil a través dunha prosa de gran riqueza estilística que deixa constancia da chegada dos navegantes portugueses a terras americanas e da considerable repercusión deste feito.
   Retomamos os personaxes míticos que Cunqueiro recreaba en Merlín e familia, José Martinho Montero Santalha acada o galardón na súa terceira convocatoria. Así, en Oxalá voltassem tempos idos! (1994), transcríbense as lembranzas que Felipe de Amancia, paxe do señor Merlín, relata a un anónimo confidente. Desta forma coñecémo-los visitantes do pazo de Eiradóniga, o final das figuras de Xenebra e Merlín e a destrucción deste mundo de fantasía por efecto do tempo e da vellez. En 1994, Henrique da Costa volve gaña-lo premio cos relatos de Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias (1994), onde retrata con profundiade psicolóxica varios personaxes mentres extrae do real os universais que transcenden a aparencia para trata-los problemas xenéricos do ser humano. Así, a falta de liberdade, a incomunicación, o silencio, a tolemia ou a soidade mestúranse nesta historias con trazos surrealistas, barroquismo expresivo e dosificación maxistral de intriga, efectos que xa anticipaba na súa obra anterior.
   Pola súa parte, Manuel Lourenzo González —galardoado na edición de 1995— crea en As paisaxes compartidas (1996) un mundo propio a través de coordenadas espacio-temporais ficticias que outorgan ás historias unha dimensión máxica e mítica relevante, onde os personaxes de conto se mesturan con detalles históricos e viven aventuras de todo tipo. Finalmente, a obra premiada no ano 1996, Terra queimada ( 1997), de Xesús Manuel Marcos, xira en torno ó determinismo que imprime unha paisaxe agreste e inhumana sobre o destino cruel dos seus habitantes.