Centro de Documentación da AELG
Viaxe atrás no tempo - [Texto íntegro]
Taibo, Nacho
v1nachotaiboviaxe.html

                                                                                                         A Xosé Manuel Enríquez e Xosé M. Eiré

     Xa hai tempo que non me preocupa comunicárllelo aos achegados. Certamente tampouco me molesta que non o crean, o que non ten a menor importancia: non invalida a realidade nin anula os resultados.
     A túzara incredulidade florece en mentes que se cren abertas, poetas que se din sensíbeis, artistas que se gaban de imaxinativos, intelectuais que se declaran na procura incesante da verdade. Supoño que a negación nace das reiteradas ficcións da física relativista ou, ben antes de Einstein, de novelas idealistas como a Time Machine de Wells e, ata hoxe mesmo, de parvas cinematografías e series televisivas. Conteñen todas unha gratuíta tecnoloxía xamais explicada e mais un receptáculo que se move á vontade a través das eras e consente calibrar o lugar preciso, día e hora de destino, para logo os viaxeiros abandonar alegres a cápsula, mesturarse e interactuaren con primitivos seres do pasado ou cos moi evolucionados do futuro.
     As cousas reais son moito menos fáciles. No seu estadio de desenvolvemento momentáneo, a viaxe no tempo é, como toda tecnoloxía, unha acción restrinxida, hoxe limitadísima e nada totalizadora, e por tal aberta a todo xénero de perfeccionamentos evolutivos que a aproximen a aquel ideal da ficción na ciencia, tan sen esforzo logrado por físicos teóricos, narradores e guionistas. Que algunha vez se alcance a perfecta interacción é pouco probábel.
     Para mellor concretar, a tecnoloxía da viaxe, na actual versión 0.4, móvese dentro dos estreitos muros do cárcere do tempo, onde a penas se conseguiron algunhas fendedelas para a fuxida momentánea e limitada desa gaiola. As restriccións son nesta altura numerosas:

1.      A viaxe só é posíbel cara atrás, motivo polo cal se barallan as denominacións VAT (viaxe atrás no tempo, que empregaremos desde agora), RVT (RetroViaxe temporal), CTC (curva temporal cerrada), TTR(L) (translación temporal retrospectiva - limitada) e HiRT (retro-translación histórica).

2.      O retorno ao tempo de partida verifícase pola mera anulación das condicións da VAT, que non soe provocarse en xeito deliberado. Tal anulación acontece sempre, sen que se poida predicir cando. Xa que logo, o hardware preciso para a translación non se transporta ao obxectivo.

3.      Unha vez no destino, as imperfectas observacións realizadas forzan a distinguir interaccións:
     3.1 Por parte do viaxeiro, a percepción de obxectos inmóbiles consiste nunha visualización correcta, moito máis nítida que sobre os seres animados; esa boa percepción momentaneamente chega a estenderse a olfacto e audición.
     3.2 A interacción con seres vivos e obxectos móbiles
          3.2.1 para o viaxeiro é limitada: a súa visualización e audición son imperfectas, os movementos lentos e acartonados, as           cores apagadas, resultando aínda máis reducida a percepción a través dos sentidos olfacto/tacto.
          3.2.2 verbo dos moradores racionais habituais no momento visitado: falta por discernir se contemplan o visitante como
               3.2.2.1 algo obxectivamente perceptíbel en xeito natural
               3.2.2.2 imaxe difusa -pantasma?-- que emite sons imperfectos, aínda que probadamente comprensíbeis
               3.2.2.3 compoñente dun soño.

4.      Contrastado está que a translación resulta moito máis doada para a persoa madura (por riba dos 40) que para un(ha) moz@. Non se describiron preferencias verbo do sexo.

5.      A VAT colectiva é aínda unha posibilidade por explorar, por falta de cooperantes voluntarios ao experimento.

6.      A VAT non pode realizarse, sen máis, a calquera terra nin calquera época. Hai localizacións espacio-temporais privilexiadas, e outras imposíbeis. A calidade na percepción d@ viaxeir@ depende, xa que logo, da proximidade ou arredamento a unha localización privilexiada.

7.      Algunhas focalizacións espacio-temporais insinúanse
               7.1 como especialmente favorábeis:
* Atlántico moi próximo director de brisas e renxer de enxarcias ortodrómicas sempre a Oeste no asubiar sibilino do pano ata o penol, de ser no dezaoito. No caso de gabear ao dezanove sumará un balbordo proceloso de negros saloucos africanos que sen solución remontan de sollados e sentinas.

* Sendo marea exceso
practicaba Sol os solagos
a se erguer sobardante a abadía
Micael Santo da Bretaña á Normandía
acababa outono e caía a tarde moi cedo
na fouce resoaban cantos noitébregos
tanto nillo témpore como antonte
frades castiros almas a vagar
quen foi Corn converteuse
da eucarestía da vida
novamente en illa.

* A ventosa Pescaría da Coruña ao abeiro da súa Acrópole cando o XVI comezaba a agonizar.
* Micenas rica en ouro, Tirinto da heráclida muralla e Argos de ocas negras naos o -XII, perfumadas en oliveiras, viñas e sangue de heroes.
* Arconovaldo Bonacorsi (alias conte Rossi), revolt' os negros cabelos tintos ridículos brazos en sangue morte nos ollos, Maxorca, 1936.
* Gris París da ocupación, homes de negro con ardentes Normandías azuis en vermellas praias de nomes amerindios, onde o mar batía salgado en sabor a sangue.
* Luminosa Pontevedra pétrea co aromático Salnés, tempos submisos e turbulentos do XV.
               7.2 Accesibilidade intermedia:
* Baixo os arrabaldos de Roma galarías sen conto de luz amortecida ecoaban indeclinábeis cántigas dos mortos e dos vivos.
* Constantinópolis decadente de hedreiras podres antes de 1453, bizantina a discusión, elegante o talante, ruín miseria a presaxiar o desastre.
* Ferrol adianta a Guerra Civil por sangue, mentira, traizón e pólvora emparedada por homes sen palabra católicos sen honor militar sen patria.
* Inchadas do vento popel correspondían voadoras as velas xustas para tres mastros holandeses e mais bauprés. Mais non había tales mastros nin enxarcia firme nin debaixo sólido casco a se abanear no rumbo mal definido polo ronsel fosforescente, a virar para sempre o cabo de Fornos, espectros gavieiros os corpos tan cursis eles, tan mortos.
* As Mariñas no século IX, de figueiras cheo, limitan por mar co Islam.
* Cruel traxecto gris na cidade murada chea de vociferantes, ano 040, da torre Antonia á porta de Herodes.
               7.3 Baixa focalización:
* Sacrificio carne e óso na real pirámide de Cortázar máxico
               7.4 Acceso imposíbel:
* O interior da Iberia antes do -II.
* Cidade ou castelo dita Camaalot en brétemas de Gales, arrecendo leñoso entre o quinto e o seis: excesiva é a indeterminación.

8.      Non foi posíbel traer cousa outra que lembranzas. Ningún obxecto propio do lugar e época visitados puido extraerse de retorno. Ata o momento tampouco non tivo a menor efectividade calquera pretensión de translación retroactiva portando sistemas gravadores e fotográficos. Nunca deron chegado ao destino, nin tampouco se perderon: simplemente non puideron transferirse. Diso séguese, en principio, a imposibilidade de modificar o pasado con incidencia no presente.

9.      O viaxeiro (inquisitivo)           Sabes quen son?
          A rapaza (ocultando a face, a evitar mirar para os ollos do viaxeiro)           Un pecado
          O viaxeiro:                          Pecado... contra que?
          A rapaza:                                                   Contra un deus. Cal, non o sei.
          O viaxeiro:                          Por que cres tal?
          A rapaza:                                                   Non es do mundo noso
          O viaxeiro:                          Ser non son. Mais, contra os deuses...
          A rapaza (descubrindo a face, a ollar para o viaxeiro por primeira vez, de fite a fite)
                                                                      Odiseos, ti, ben sei. Posidonos.

                    10. Pensaba que sería en Orléans e coñecería a pucela santa que sentía voces
                         a resoarlle, e  pensaba que as voces serían eu. No canto diso amañeceume
                         o día traidor e ruín no castelo de Lantañón e topei unha vez máis co aparvado
                         señor don Paio e o espelido do seu efeminado fillo Sueiro, rubio de pel e tan
                         gordecho. Eles non me recoñecían. Esqueceran a miña viaxe anterior ou
                         preferían aparentalo, que me ignoraban. Eu, de poder, repudiaríaos. Acabaría
                         todo de contado, á volta: estaría en condicións de declarar perante os físicos
                         que o castelo era en Lantañón, Soutomaiores de alí, non de Lantaño, onde
                         eles dicían. E seguiría sen valer de nada.

                                                                                                        
                Novembro 2001