Centro de Documentación da AELG
Mar de rostros. Gameleiros - [Escolma]
Villar, Miro
v1mvillarmar.html


1. "MARCOS"


Mar de rostro, mar serio, mar revolto cabelo,
mar cos brazos abertos para o coñecemento,
onde a penas existen feridas que se esquecen
na música da agulla do compás que é o tempo.
Mar revolto cabelo, mar serio, mar de rostro.


2. "PÓLVERA"

No mar medran froiteiras e as mans do mariñeiro,
mans de ferro, con fendas salgadas do traballo,
collen xurelos de ollos cegos e escamas tona
de prata, que relocen en cestos de esperanza;
mentres o home interroga xa o día de mañá.


3. "ATILA"

Tanque de gasolina na man, con esa maxia
que fai do combustible un líquido amniótico,
o mariñeiro observa como a embarcación
se converte decote nun incipiente embrión,
símbolo de futuro, sinal de vida nova.


4. "TARITO"

O mariñeiro, escravo do mar, é o gladiador
de hoxe, pelexa en circos de argazo, anfiteatros
son os acantilados e o César é Neptuno.
O seu combate é sempre desigual contra a morte
por máis que no seu peito lle medre unha man branca.


5. "NUNO"

Dos catro ríos de Hades, do inferno mitolóxico,
corre máis falsidade polas veas do Océano,
pois pode recibirte co sorriso nos labios
mentres pensa un veleno para a túa alegría,
por iso nunca, nunca lle leves agasallos.