4. IDEARIUM SARMENTIANO: UNHA TEORIZACIÓN CRÍTICA AO SERVIZO DA CAUSA DO PAÍS
Pódese dicir que no conxunto da obra manuscrita de Sarmiento sobrancea, alén dunha intencionalidade pedagóxica, un forte espírito crítico para coa realidade do seu tempo. A revisión e o cuestionamento do pasado desde o seu presente vital tenciona procurar un futuro mellor, isto é, o tempo pretérito e mais o futuro son as auténticas preocupacións do noso frade, o tempo pasado ao servizo dun futuro mellorado, a partir do razoamento do presente. Asemade, coidamos que o autor é consciente de estar a escribir o presente para o futuro, tal e como parece deducirse da profusión de datos persoais e históricos que podemos tirar da súa escrita. Non pretende, pois, envaecerse consigo propio e coa súa sapiencia, senón ser o testemuño dun tempo.
A crítica reflexiva, e mais case sempre construtiva, vólvese mordaz en ocasións, chegándomos a percibir un sincero afán denunciador, que, se cabe, aínda se volve máis acendido cando se trataren temas que afectan ao seu país, á Galiza da época. Neste sentido, Sarmiento vai máis aló do espírito crítico dos ilustrados coetáneos, pois a súa vinculación con Galiza, os galegos e as galegas fica ben definida ao longo de múltiples reflexións. Neste transfundo sentimental de preocupación polas cousas da súa terra é que debemos interpretar o pensamento crítico de Sarmiento, adiantándose en valoracións e propostas a aqueloutras voces que se alzarán durante o século XIX en clave de denuncia da marxinalidade con que a política centralizadora española viña sometendo a Galiza. É por iso que o profesor Ricardo Carvalho Calero o definiu como o “precursor dos precursores do XIX”.
Como vixía de pupila e ouvido atento aos aconteceres do seu redor e, especialmente, aqueles de afectación galega, malia o isolacionismo que se tiña imposto, non se lle escapan cuestións de índole política, económica, social, lingüística, etc. Sobre todas elas se pronunciará ao longo de sucesivos pregos e, ás veces, de xeito reincidente, de maneira que a súa obra se converterá nun fiel espello das miserias da inmediata realidade cotidiana.