Conferencia con motivo do día da muller
Organiza: Ies San Paio de Tui
Lugar: IES San Paio de Tui
Data: 10 de marzo de 1999
AS ESCRITORAS NA LITERATURA GALEGA ACTUAL
Marta Dacosta Alonso
Cando falamos da presencia da muller como escritora na literatura galega actual o primeiro que constatamos é que existen diferencias duns xéneros a outros en canto á súa presencia. Así comprobamos que son poucas as mulleres que abordan o texto dramático (Inma Souto, Luísa Villalta ...), non son moitas as mulleres que cultivan a narrativa (Marilar Aleixandre, Carme Panero, Fina Casalderrey, Marica Campo, Mº Victoria Moreno, Ursula Heinze, Helena Villar, Margarita Ledo, Mº Xosé Queizán, Xosefa Goldar, Ma Teresa Otero, Gloria Sánchez, Teresa Frasié, Luísa Villalta, Uxía Casal, etc.) e si hai unha presencia importante da muller no mundo da poesía. En primeiro lugar debemos puntualizar que a presencia da muller en cada un dos xéneros é directamente proporcional á vitalidade de cada un destes xéneros na nosa literatura. No momento actual, ademais, as mulleres participan activamente en moitos campos da literatura, principalmente a nivel teórico, así no caso do estudio da poesía temos que destacar tamén a presencia de mulleres: Helena González, Iris Cochón, Teresa Seara. Pero isto non quere dicir que a súa presencia sexa moi abundante en todos os campos, como veremos máis adiante.
A pesar do anteriormente sinalado, e sen ter chegado a realizar un listado exhaustivo de poetas e narradoras, cuestiónome neste momento ata que punto a diferencia que apreciamos entre a presencia da muller escritora no mundo da narrativa e no da poesía non ten máis que ver cunha cuestión de proxección, ca cunha cuestión meramente numérica. Algo que parece acontecer cos propios xéneros, a teor do que sinala a crítica e do que nós mesmas podemos apreciar (a narrativa actual non goza do vigor nin da fortaleza da poesía)
A importante presencia da muller no mundo da poesía vén sendo reiteradamente sinalada pola crítica dos últimos tempos, e dun primeiro momento triunfalista en que se falaba de que había moitísimas mulleres a escribir poesía, pasouse a un tempo en que si se recoñece a súa importante presencia, pero sen esquecer que segue mantendo unha inferioridade proporcional á presencia de creadores masculinos, é dicir, seguimos sendo menos as mulleres que os homes na creación da poesía. E aínda que isto non é unha cuestión numérica, é certo que evidencia un certo grao de anormalidade, superaramos o xénero masculino en número de habitantes e por outro lado, se atendemos ao nivel cultural, posiblemente sexa superior o número de mulleres que chegan a superar os seus estudios con éxito, e, sen embargo, isto non se ve reflectido así nos diferentes ámbitos en que podería selo, especialmente no que a nós nos interesa: no ámbito da literatura. Se atendemos aos libros publicados no ano 1997, segundo os datos que se recollen no Anuario de Literatura, comprobamos que:
- Na narrativa de 44 autores, 5 son mulleres, o que representa unha porcentaxe 11,36%.
- Na poesía de 64 autores, 12 son mulleres, o que representa unha porcentaxe 18,75%.
- Na dramática de 7 autores, non hai ningunha muller.
- No ensaio de 5 autores, atopamos unha muller, o que representa unha porcentaxe dun 20%.
- Na narrativa chamada infantil de 37 autores, 13 son mulleres, o que representa unha porcentaxe 35,13%.
- Na dramática chamada infantil de 2 autores, atopamos unha muller o que representa un 50%.
- Na poesía chamada infantil de tres autores non atopamos ningunha muller
Estes datos veñen a confirmar que a muller aínda ten unha presencia tímida dentro do que é o panorama literario.
Tense sinalado, que era importante a presencia da muller no mundo da poesía non só polo número de poetas, senón tamén porque eran moitas as mulleres que escribían con calidade, creo que esta afirmación non merece moito comentario, e, evidentemente, non a comparto, practicamente é negarlle calidade literaria a todas as que nos precederon. Non é algo que suceda agora por primeira vez, de feito a nosa literatura rexorde da man dunha muller, Rosalía Castro, feito que ten sido moi valorado por autoras doutras nacionalidades minorizadas do Estado Español (Mº Merçé Marçal, A Festa da Palabra Silenciada, 14), que consideran que se trata dunha auténtica vantaxe á hora de facernos un oco no panorama literario, porén a situación que estamos a vivir na actualidade na literatura galega, xa se deu na década anterior na poesía española e na catalana.
En calquera caso, as mulleres, hoxe si reivindicamos o noso dereito a estar aquí e a dicilo coas nosas propias palabras, marcadas agora en feminino, igual cós noso textos, que agora queren falar de nós mesmas, de temas que teñen que ver con nós e de temas que precisan da nosa reivindicación. Contrasta con isto que a linguaxe siga a ser tan tremendamente sexista e a muller siga sen aparecer: Congreso de Escritores Galegos, Encontro de Poetas Novos, ou que a muller siga a ter unha presencia numericamente tan escasa nos órganos de representación e de dirección de empresas e entidades directamente relacionadas co mundo da literatura.
As afirmacións ás que facemos referencia (a presencia de poetas na literatura galega, gran presencia, poetas de calidade) pon en evidencia a excepcionalidade con que se ve un feito que, por outro lado, debería ser completamente normal. En calquera caso, hai que aclarar que a importancia acadada pola poesía escrita por mulleres nos últimos anos non obedece a ningún xeito de discriminación positiva, senón que é resultado dos méritos efectivamente demostrados, entre eles ter marcado o noso mundo e a nosa escrita en feminino sen renunciar á nosa evidente condición de mulleres, que nos dá unha visión diferente do mundo. Ademais, isto repercute na boa marcha do xénero, como sinala Marga Romero: se hoxe a poesía goza de boa saúde e desafía ao mundo establecido é debido á presencia das mulleres.
Outro xeito de discriminación ten sido o efectuado pola crítica que tentou aproximarse á poesía que se estaba a escribir nos últimos tempos. Nun artigo escrito sobre a poesía dos 90, Helena González establecía cinco liñas poéticas cultivadas entre os/as poetas que publican despois de 1990, entre as catro primeiras ía citando a distintos autores, todos homes, e na quinta, denominada "Poesía de muller", falaba da poesía escrita por mulleres e nela incluía a todas as mulleres, como querendo dicir que nós non falabamos doutros temas, e si o facemos, por máis que esteamos a marcar os nosos textos en feminino.
Podemos voltar ao inicio e cuestionarnos por que somos máis as poetas cás narradoras, ou por que a presencia da muller na poesía é máis evidente cá na prosa. Esta pregunta, ao igual que a cuestión de por que estamos agora máis presentes que en épocas precedentes ten a súa resposta fóra do mundo da literatura. O feminismo e as súas reivindicacións teñen conseguido un maior nivel de concienciación da muller que, deste xeito, comeza aparecer en moitos ámbitos en que antes a súa presencia era escasa. Con todo, a muller segue a ser un ser alienado que mantén unha dobre xornada laboral, e que, en determinadas épocas da súa vida, perde toda individualidade, o que fai nalgúns casos que moitas escritoras non teñan aparecido no panorama literario ata ter superado aquela idade en que os fillos e as fillas xa están criados. Esta ausencia de individualidade é a que explica, desde o meu punto de vista, a menor presencia da muller no mundo da narrativa, unha escrita que pola súa natureza precisa de periodicidade, atención e constancia.
Algo que comeza a producirse recentemente é a necesidade ou a oportunidade de tomar como referentes literarios a outras mulleres. Ata hai pouco os nosos referentes literarios eran tanto masculinos como femininos, aínda que, progresivamente, as poetas máis novas poden atopar cada vez máis referentes, sobre todo en cuestións que particularmente só temos abordado as mulleres: a reivindicación dunha linguaxe propiamente feminina, en que destacaremos a figura de M. Xosé Queizán que tenta rachar coa linguaxe literaria herdada, e así xorde o seu libro Metáfora da metáfora en que ironiza sobre moitas da metáforas que temos herdado, e neste mesmo sentido podemos ler o poema "O caduco", en que racha con todo o que herdamos e se rebela contra o estereotipado, estereotipado por unha cultura de homes (ler "O caduco"). Tamén poderemos atopar as nosas referentes nas mulleres para tratar un tema que xa se ten denominado como "recuperación das devanceiras", onde destacaremos a figura de Chus Pato, e o seu libro A ponte das poldras.
Unha figura como Chus Pato é un dos referentes para as mulleres que estamos a escribir actualmente. Esta autora ten marcada a súa obra en feminino, mesmo desde o seu título: Urania, Heloísa, Fascinio, A Ponte das Poldras, Nínive. Parte da súa importancia radica na súa postura ante a linguaxe, que se volve do xénero feminino, e tamén nos temas que trata, especialmente no que denominamos recuperación das devanceiras. Os seus textos están absolutamente marcados en feminino, os alteregos poéticos son sempre mulleres, pero aínda mais, en canto á retórica empregada renuncia á metáfora, por considerala un recurso propiamente masculino, e prefire a metonimia, máis acaída á escrita feminina. Por outro lado debemos ter en conta o carácter discursivo da poesía de Chus Pato, que segundo Sigrid Weigel (estudiosa da literatura de orixe alemana) debe ser entendida como resposta ás condicións socio culturais ás que se enfronta a muller.
Neste apartado das referencias, das lecturas de autoras que nos impulsen e nos abran os ollos ao xeito en que a muller pode tratar diferentes temas que teñen que ver coa súa condición feminina, sinalarei a importancia das traducións, para reivindicar a necesidade de incrementar as traducións para o galego, pois maioritariamente temos de recorrer ao castelán a hora de lermos a autoras doutras linguas. Afortunadamente contamos desde hai un ano coa traducción de Sandra Cisneros, realizada por Marilar Aleixandre, que me parece moi significativa para as nosas letras, polo xeito en que esta autora trata certos temas directamente relacionados coa muller. As traducións permitirannos, ademais, comprobar que este é un fenómeno de carácter universal que se está a dar en todas as literaturas do mundo.
Como estamos a dicir, na poesía galega actual escrita por mulleres hai que destacar a vontade de deixar patente a nosa condición feminina, xa feminizando a linguaxe, como antes dixemos, e como reivindicaba no III Congreso de Escritores Galegos Chus Pato, ou reivindicando ás nosas devanceiras, entre as que vai a aparecer a figura da nai: así en Marilar Aleixandre, en Ana Romaní ou en min mesma, en tres poemarios que coinciden en darse a coñecer a un mesmo tempo, publícanse a finais do 98 e no caso de Marilar é nesa data cando recibe o premio Esquio. Esta confluencia na temática que se fai tan patente nos meses máis inmediatos vén ser unha consecuencia lóxica da nosa afirmación feminina, e da nosa necesidade de construírmonos como mulleres. A figura da nai, a nosa antecesora máis inmediata, aparece como transmisora da necesidade de rebeldía, pero tamén como perpetuadora dunha realidade que está a negarnos, e, neste sentido, a autora reacciona contra a figura da nai, négase a ser como ela. Son pois dúas posturas: a de reacción fronte a alienación, tamén representada na figura da nai, e a de reclamar a axuda dese ser que nos deu a vida e, con ela, a rabia e o desexo de afirmación.
Pero eu destacaría tamén o xeito de abordar a temática erótica, que agora parece moito máis evidente e rechamante, e que aparece totalmente marcada en feminino, como podemos ver na poesía de Yolanda Castaño. Pero tamén podemos falar do tratamento en feminino de temas universais, como o amor, agora entre mulleres, ou a crítica social, centrada na reivindicación da muller traballadora, como é o caso do poema "Nunha soidade de guía telefónica ...". E dicir, e vou botar man das palabras de M. Merçé Marçal que me parecen moito máis esclarecedoras: "a aparición de novos temas ou novos tratamentos de temas tradicionais da poesía, como por exemplo no caso do amor, creo que é na poesía das mulleres, moito máis que na dos nosos compañeiros masculinos, onde estas novas realidades, cos seus novos conflictos moitas veces home¬-muller, aparecen con máis evidencia. Por outro lado, temas tradicionalmente femininos, pero moi pouco presentes na poesía como pode ser o embarazo, o parto, o rol materno, a non maternidade, o aborto, a menstruación, etc. atopan o seu lugar e son revisados e vistos desde novas perspectivas ... Aparece o que poderiamos chamar un orgullo de muller, por dicilo así, e o adxectivo feminino, aínda que continúa sendo problemático, empeza a perder as súa connotacións pexorativas ao aplicarse á literatura." A Festa da Palabra Silenciada, n° 14, 70 7 1.
Entre os novos temas atopamos a cotidianeidade doméstica e entre os que reciben un novo tratamento atopamos o tema do mundo da infancia. Curiosamente a cotidianeidade doméstica é un tema que atopamos nun autor como é Fran Alonso. Así, por este camiño, chegamos a que a presencia da muller ten anovado significativamente o panorama da literatura galega, e isto incide tamén na producción dos homes.
E fundamentalmente, e cito de novo a M. Merçé Marçal "a parte de temas ... esta poesía acostuma a vehicular o intento de dicir unha identidade de muller que se quere suxeito ... Unha identidade complexa e problemática e en proceso de construcción, na medida en que foi abandonado o vínculo co arquetipo tradicional; pero que tamén, ao mesmo tempo, non está fascinada nin identificada cos modelos masculinos, teoricamente neutros que se lle ofrecen." A Festa da Palabra Silenciada, n° 14, 71.
Non quero pasar por alto outra cuestión, que é, sobre todo na actualidade, unha das máis escabrosas, e é como se nos considera polo feito de ser mulleres. Ao falar disto debemos lembrar as consideracións que mereceu entre moitos homes a figura de Rosalía, que, como sabemos, foi totalmente minusvalorada, chegando a afirmarse nalgúns casos que os seus textos foran escritos polo seu home. Pero esta minusvaloración do traballo realizado polas mulleres é algo que segue a estar presente ao longo dos tempos, e do que aínda non nos libramos na actualidade.
Considero que na literatura galega carecemos aínda dun estudio rigoroso sobre a poesía escrita por mulleres, un traballo que realice unha estructuración cronolóxica axeitada mediante a análise dos seus textos e tendo en conta os seus posicionamentos concretos ante o feito literario. Paréceme necesario seguir a afondar na feminización dos textos poéticos e seguir a posibilitar e incentivar a participación das mulleres, que aínda seguen a estar moi retraídas, pero isto non é labor da literatura, aínda que ela poida contribuír, é un labor social que está na man de todas nós levar adiante: simplemente como mulleres que participamos e tamén como nais educando as nosas fillas e fillos na igualdade.