Centro de Documentación da AELG
Marcha verde polo mar
Vieiros
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Vieiros

MARCHA VERDE POLO MAR
En Malpica contra o chapapote

     Arredor dun milleiro de persoas participou onte na marcha, que durou máis dunha hora baixo un intenso sol. Festa e vitalidade a esgalla. No traxecto, de case catro quilómetros, a xente coreou diversas consignas; «Mareas negras, nunca máis» foi a máis escoitada, pero houbo outras alusivas aos presidentes da Xunta e do goberno español. Tampouco se librou das críticas o ministro de Fomento, a quen se lle reclamou que devolva a medalla que lle concedeu a Xunta de Galiza

     A marcha concluiu cun recital poético. Serafín Mourelle, recitou un poema dedicado a Manfred, o alemán de Camelle. Tamén houbo aplausos, nesta ocasión para a televisión pública coreana, que estaba presente.

     "Máis de medio ano despois do accidente do Prestige, o noso litoral continúa ferido, sobre todo na Costa da Morte". Así comezaba o manifesto elaborado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Coordenadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (Cemma), Federación Ecoloxista Galega (Feg), Sociedade Galega de Educación Ambiental (Sgea) e Sociedade Galega de Historia Natural (Sghn). Foi o poeta e membro de Adega Paco Souto quen lle puxo voz ás reivindicacións do gremio ecoloxista xa no campo da ermida, o punto máis próximo dende terra ás Illas Sisargas, aínda tocadas polo fuel do petroleiro de Bahamas.

     Cunha marcha que rozou o sendeirismo, adornada coas creativas pancartas do colectivo redes escarlata, camisetas con motivos negros e verdes e máis dunha viseira para gardarse do sol, as organizacións ambientalistas aproveitaron a celebración mundial do Medio Ambiente 2003 para pedir, dente terras de Bergantiños, a integración das Illas Sisargas e as Lobeiras no Parque Nacional das Illas Atlánticas. "Queremos unha solución inmediata e definitiva para o barco afundido, custe o que custe, a elaboración dun plan de recuperación ambiental de todos os ecosistemas danados polas mareas negras e pola recolla incorrecta do fuel e a declaración como espacios naturais de todas as zonas litorais propostas para formaren parte da Rede Natura 2000", manifestou Souto como voceiro da mobilización ecoloxista. E, como di o refrán, "de pedir, pedir abondo", as reivindicacións foron máis aló: medidas de regulación do tráfico marítimo "que reduzan o risco de novas mareas negras" e declarar ás costas galegas Zona Marítima Especialmente Sensible, así coma un réxime de responsabilidade civil ilimitada para toda a cadea involucrada no transporte de hidrocarburos, dende o armador ata o dono da carga.

     As reivindicacións ambientalistas compartiron paisaxe coas xa coñecidas peticións de dimisións que os manifestantes dedicaron, unha vez máis, ás autoridades responsables da catástrofe, tanto da Xunta de Galicia coma do Goberno central. Houbo máis reproches: os ecoloxistas non están de acordo co método de limpeza de areais e pedras. "As tarefas de recolla do fuel son ambientalmente irresponsables con destrucción de dunas, apertura indiscriminada de pistas e limpeza inadecuada de rochas...". Así de duros se mostraron os ambientalistas co plan de rexeneración do litoral.

     "¡Illas Sisargas, Parque Nacional!" foi a insignia con máis éxito desta protesta na que as pancartas dos ecoloxistas gañaron terreo ás de Nunca Máis, pese a que o colectivo apoiou a convocatoria.

     Sobre as doce do mediodía, varios buses fletados polas organizacións ecoloxistas, que viñan de Santiago, Ferrol, A Coruña, Ourense e Lugo, tomaron a explanada da lonxa vella do porto malpicán. Moitos ecoloxistas, mariñeiros poucos. O alcalde en funcións de Malpica, José Ramón Varela, e o de Laxe, Antonio Carracedo, uníronse á convocatoria. As referencias ó chapapote deixáronse oír pola rúa principal de Malpica, na costa do Ventorrillo, Seaia e, xa para rematar a marcha, nos camiños que se adentran no Cabo San Hadrián. Un percorrido de catro quilómetros que, baixo un sol que quentaba con forza e, todo hai que dicilo, un domingo pola mañá, deixou sitio á retranca ó longo da camiñata: "Está ben que non chova, pero inda que viñera unha nube, ou dúas...". Ó final do traxecto, unha sorpresa: empanada e bebidas no merendeiro da capela para tomar os catro quilómetros de volta con máis forza, por xentileza das organizacións ecoloxistas e do Concello de Malpica. Un recital dos poetas Xosé Lois Cabana, Paco de Tano, Alberte Ferreiro, Manolo Pita, Marta Dacosta e Paco Souto cerraron a ruta ecoloxista.