O percurso literario de Marta Dacosta —poeta, profesora, crítica e sindicalista— comprende, até a actualidade, máis dunha década de poesía en forma de libro. De boa poesía. Poesía de intenso ritmo, expresión medida e ética solvente.
O seu primeiro libro individual, Crear o mar en Compostela (1993), viña precedido de ducias de poemas, moitos deles esparexidos en revistas ou ofrecidos en recitais públicos. Un feixiño deles viran a luz na publicación colectiva '8 e medio', de Edicións do Dragón, nunha coidada carpeta de feitura artesanal na que os poemas ían na súa versión manuscrita. Ambos os dous títulos viñeron coincidir vitalmente coa etapa compostelá da autora, quen concluíu estudos de filoloxía galego-portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela.
De aí a hoxe, a lúcida poesía de Marta Dacosta vén agasallándonos con títulos como: Pel de ameixa (1996), Setembro (1998), En atalaia aberta (2000) ou As amantes de Hamlet (2003). Algúns destes libros valéronlle o recoñecemento público con premios como o 'Miguel González Garcés' da Deputación da Coruña ou o 'Martín Códax', instituído pola adega do mesmo nome e a Editorial Galaxia.
A poesía de Marta Dacosta é unha poesía intelixente en si mesma, que non abusa da carga retórica nin tampouco da tentación do sentimentalismo. Posúe unha gran forza expresiva, dada por unha construción da linguaxe na que o ritmo é crucial. En paralelo a isto, aborda os temas (tanto os universais como os máis propios e íntimos) con absoluta implicación, entregando uns poemas que zumegan autenticidade, lonxe de imposturas ou artificios vans.
Acompañando o seu quefacer literario —esa poesía elaborada e viva—, Marta Dacosta tamén se vén implicando en proxectos literarios diversos, como o da extinta colección de poesía 'Letras de Cal' e na actualidade como parte integrante da Directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)