Centro de Documentación da AELG
África na ollada
David Pérez González
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Grial, 173

O autor Mario Regueira foi premiado co XVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé por este traballo que sorprende polo seu imaxinario poscolonial.

A primeira sinal de identidade que resoa neste poemario é a alusión a esas terras do Sur, nunha mestura de xeografía real e imaxinaria na que poderíamos encadrar á propia Tanxerina, ou á illa de Gorée, tamén nomeada como o porto dos escravos, título que coincide co nome do interesante Blog pertencente ao mesmo autor (www.oportodosescravos.blogspot.com).

 

Espazos vivos para a loita e o amor (Se me trabas na pel debuxa letras que houbo días / para amores de man múltiple e cortinas desgarradas.), como nas Tanxerinas que constitúen o primeiro e último apartado da obra, pero tamén desertos en cuxas areas embarrancamos indefectiblemente, coma no caso do Rick’s Café, apartado central do libro (Para os perdedores e os valentes, / alí onde o corazón partisano deixou de latexar).

 

Deste xeito, confórmase unha viaxe iniciática levada a cabo con plena consciencia (Traerei macerada no te da cortesía / a miña pel de escorpión [...]) e que virará dende a paixón inicial, até a conclusión máis demoledora (As aventuras nunca comezadas rematan aquí dixeches, / e levo os teus dentes no pescozo). Unha serie de aprendizaxes vitais e sentimentais que quedarán marcadas para sempre na pel, amosando unha historia de silencios da que só darán testemuña as cicatrices. Esas mordedelas feridas rosicler que servirán de rebelión contra o desengano e a superación das barreiras impostas por unha cultura (e destruír as estatuas, / botalas abaixo), por unha xeografía, por un rango social, pola pertenza a un determinado sexo. Diferenzas que quedarán difuminadas ao final nunha fusión entre as distintas voces que poboan esta obra, tras percorreren todos os lados desta cidade, especialmente ese outro lado do que Algo de min regresará atravesando as caleixas. 

 

A intensa vivencia dese imaxinario africano dota ao libro dunha lograda perspectiva internacionalista. Un imaxinario que se fai tanxible, que case podemos visualizar a través das referencias cromáticas; as cores pintan paisaxes e figuras dotándoos dunha gran forza simbólica. Vemos así a relevancia do negro dos brazos e as panteras, o vermello da estrela e das bocas, o gris dos lobos, o branco nas esquirlas do sorriso, o rosado nas liñas da pel, o verde dos coitelos e os candeeiros, e o azul que viste ao eu poético. Unha paisaxe colorista como poden ser as pinturas marroquís de Matisse, ou como aquelas que describe o escritor e compositor que encabeza coas súas citas as dúas Tanxerinas do libro: Paul Bowles, autor de obras como o libro de viaxes africanas Cabezas verdes, mans azuis, e que aquí nos anima a levalo ao outro lado da cidade, aí onde ninguén quer ir, e onde se borran as diferenzas entre ti e eu.

 

Desta maneira, Mario Regueira tamén realiza a súa particular viaxe por África, pero a través do filtro da evocación. Trae así á nosa realidade todo un mundo de referencias dunha cultura que nos é allea, pero coa que nos atopamos máis familiarizados conforme a debullamos verso a verso, até o punto en que se reivindica unha intertextualidade entre ambas comunidades antes de que a/o poeta sexa vendida/o como escrava/o no porto de Gorée: Nós tamén navegar e abrollar / en esplendor que nunca mereceron.