“Rebelión no inverno” (Abismos/Edicións Xerais, Vigo, 2004) é un libro de relatos que constitúe a primeira saída en volume individual –con anterioridade publicara poemas en revistas varias– de Mario Regueira, nado en Ferrol en 1979.
Sendo a miña iniciación escrita deste autor, direi –de entrada– que sinto o bo regusto que causa atopar un narrador novo que nin é pedante nin incotinente; máis aínda, que lonxe de tentar abraiar ao lector con argumentos superferolíticos, sinxelamente pretende que este teña diante súa historias ben contadas, sintaxes ben artelladas e, last but not least, o que os vellos tratadistas chamaban vontade de estilo. Nin máis nin menos.
Así as cousas, “Rebelión no inverno”, título baseado nos derradeiros títulos do volume, pero tamén no fío común de todos os relatos, en puridade un mesto sentimento de rebeldía desde ou a través de paisaxes climático-humanos ásperos, é un libro que ten, en dúbida, altibaixos ou directamente caídas, sobre todo cando a dependencia cultural resulta excesiva, máis un número importante de acertos.
Isto último fai que a confianza en Mario Regueira deveña evidente. Para sinalar, con toda afouteza, semellante consideración terei de basearme na disposición matemática do volume, que deste xeito ten o seu aquel de puzzle ou artefacto, alén da súa temática monográfica o que confire ao libro unha sensación de madurez inexistente noutras coleccións de relatos que non pasan de ser xustamente iso.
Logo acontece que nas historias de Mario Regueira hai suspensión (tamén subidas “in crescendo” cando o argumento pide isto), humor, ironía, tensión sicolóxica; elementos todos estes que axiña incorporan ao lector ao manifestado por quen a el se dirixe. Claro, dentro desta panoplia de virtudes hai, –ás veces– unha excesiva dependencia de autores que Regueira, obviamente un bo lector, admira.
A pegada de Kafka en “Desexo”, moi nomeadamente a de Cortázar en “Historia das mans atadas”, a de Borges aquí e acolá, a de Ferrín nos dous relatos que fechan o volume subliñan que Regueira, por máis que estea na procura dun mundo propio deberá aínda de ceibar moito lastre pola borda. Con todo, o libro demostra canto pode –que é moito– este autor da nova fornada que ademais do sinalado con anterioridade dispón dun estilo dúctil e equilibrado, no que o manexo abelencioso de diferentes persoas e xéneros proban que estamos diante dun autor disposto a todo menos a aburrir aos seus lectores.
Entre dos que pode estar seguro vou figurar eu a pouco que Mario Regueira manteña o rumbo prometedor que anuncia este o seu primeiro volume.