A idea, a vontade, o desexo de soerguemento, alzamento ou sublevación contra o socialmente instituído, por vexes contra un mesmo ou contra a sociedade, resultou operativa para a realización de grandes pezas literarias de todos os tempos e de todas as literaturas. Este é, sen dúbida, o intento que, non sen certo risco e afouteza, persegue e domina outra opera prima dun autor, Mario Regueira, practicamente descoñecido que apenas publicara algúns poemas en diversas revistas literarias e que estes días aparece publicada na colección “Abismos” de Edicións Xerais. E outra vez, com vén sendo común neses primeiros pasos literarios, é o xénero do relato curto o que acolle estoutra estrea vertebrada, nesta ocasión, a través dun conxunto de dezasete relatos, desde agora artellados como a carta de presentación do autor ferrolán mediante a que se engade a esa nómina de escritores novos polos que a colección da editora viguesa semella apostar nas súas últimas entregas.
Os relatos agroman, ficou dito, en torno a esa idea común de rebelión; mais unha rebelión que se olla desde unha perspectiva diacrónica, desemellante, mesmo heteroxénea, que xoga liberrimamente coas coordinadas do espazo e do tempo, que nos conduce adiante e atrás mercé a vontade dunha, tamén plural, e penso que por veces subversiva, voz narrativa. Porén, Regueira sabe dotar os seus relatos dun certo aire de familia que os singulariza entre outros... , talvez sexa ese camiñar arreo, aínda que non exclusivo, polos vieiros do enigmatico, do onírico ou do ambiguo; polo terreo do realismo que ás veces fai casar nunha reviravolta verosímil co da ciencia ficción e do futurismo. Semella mesmo que o autor gosta de situar aos lectores, nos relatos máis arriscados e talvez máis interesantes, nese gume da navalla que é a desorientación e que contribúe a crear unha dúbida rotunda e recorrente que decote acompaña ao lector ata que chega á derradeira liña.
Velaí como, nesa pluralidade amentada, choutamos desde o sorprendente proceso desestabilizador que pode provocar nunha relación a chegada dun novo obxecto ao mobiliario doméstico, pasando polas máis que habituais situacións límites e enigmáticas, balizadas por veces con ecos misteriosos ou situados nunha terra de ninguén, ata amosarnos como crea ou destrúe cruelmente un autor a vida dun personaxe ou se desmitifica o traballo dun poeta singular. Engádanse a estes asuntos narrativos, entre outros, o afondamento nas diferentes dimensións que poden suscitar as relacións persoais e as circunstancias en que estas se desenvolven; o desvelamento dunha Galicia ensoñada por unha rapaza no estranxeiro en inexcusábel clave simbólico-política; o anticonvencionalismo; a perda da comunicación e as funestas consecuencias que acarrea o fanatismo relixioso; a querencia indisimulada nalgunhas ocasións polo desenvolvemento narrativo nunha atmósfera despersonalizada; a mentira mediática de intención política... e obterase unha idea cabal da pluralidade dos seus referentes temáticos que se achegan, en definitiva á teimuda denuncia da opresión, colectiva ou individual; a pairar sempre como pano de fondo e forza motriz, aínda que tamén a destilaren un pouso de saudade, nostalxia de mans dadas con intensidade, a sinxeleza e cunha vocación perdurábel. Un libro, ao meu xuizo, que mesmo amosa unha aberta similitude coas mellores vías que algúns dos grandes narradores daquela Nova Narrativa Galega –pegadas de Xohán Casal, Gonzalo Mourullo, Camilo Gonsar ou Méndez Ferrín son doadas de advertir nalgún relatos–, sen por iso deixar de iniciar un camiño cun aire propio, prometedor e mesmo vocacional.