Centro de Documentación da AELG
Entrega do VIII premio Nova 33
15 de decembro de 1995
Aleixandre, Marilar
Autores/as relacionados/as:


Amigas e amigos, boa noite
Fálovos en nome do xurado que se reuníu para xulgar a estes sospeitosos ¿Sospeitosos de que? Dunha actividade tan subversiva como escribir. Señoras e señores, débese recear de xente que, a unha idade tan temperá, no canto de conformarse con ler os dous libros básicos de toda biblioteca doméstica, a saber os dous tomos da guía telefónica de Galicia, non só len, senón que escriben, escriben novelas de máis de cen páxinas cheas de metáforas, hipérboles, perífrases, e outras figuras de similares nomes esdrúxulos.
¿Quen son os principais encartados? En primeiro lugar Felipe Riola Parada, que contaba dezaseis anos cando escribiu Á (contracción), "Á Sombra da Torre", primeiro premio de narracións en lingua galega, que o xurado definiu como unha novela complexa e ambiciosa ¡Ollo ós agravantes!, que resolve hábilmente os diferentes rexistros en que está narrada. Pero ¡É que o devandito Felipe Riola é reincidente, señoras e señores!; é que ós catorce anos xa gañara o premio con "Apocalipse Möbius". E claro, como uns malos pasos veñen doutros, cómpre dicir que deu en escribir porque xa leva moitos anos entregado ó vicio de ler, e ata forma parte do perigoso "Grupo Crítico" da Biblioteca de Narón. E... non sei se debo dicir isto diante da prensa, pero ata toca o violín. Sen comentarios.
O outro encausado é Carles Rebassa i Giménez, dezasete anos, presunto autor de "Hoja de Papel" primeiro premio de narracións en lingua castelá, que se inscribe nas correntes máis innovadoras da narrativa actual en lingua catalana, e na que o xurado valorou a súa orixinalidade ó comtemplar as variables do proceso creador. E, lamentablemente, non só non ten coartada, senón que tamén é reincidente, pois durante os dous últimos anos obtivo numerosos premios literarios, un deles nuns Xogos Florais, o qu nos leva a desconfiar de que o devandito Carles Rebassa leve a súa perversidade ata o extremo de escribir poesía.
Pero estes acusados están en compañía de numerosos cómplices, e por mencionar só os que se encontran entre nós, atendan vostedes ó nome de Pablo Vázquez Pereira que obtivo unha mención ,pola "Irmandade Fasces", un auténtico guión de cine; atendan porque é probable que gañe algún premio nos próximos anos se segue por este camiño. Atendan a Xosé Alberto Alonso Carballeira, autor de "A Fiestra do patio interior", que o xurado describiu como unha mostra de descaro narrativo. Atendan a Inmaculada López Silva, autora da inquietante "Noite", magnífica historia de amor e morte que inserta a tradición dos vampiros no contexto galego. Tamén entre os cómplices en lingua castelá, temos connosco a Natalia Macías Covarsi, autora de "Las aventuras de don Juan Tenorio", onde recrea un dos grandes mitos literarios, e Pablo Portero Serantes, autor de "El largo camino a casa", que o xurado definiu como unha historia trepidante, no marco do xénero negro.
Pero posiblemente todo isto non ocorrería, non estarían vostedes a punto de ter os libros premiados entre as mans, se non fose polo mal exemplo que outros lles veñen dando a estes mozos e mozas hai tempo. E podemos lembrar por exemplo a Carlos Vila Sesto, que despois de delinquir gañando o Premio Rúa Nova, pasou a cometer delictos de grande fuste, e acaba de publicar un libro na colección Fóra de Xogo, no circuíto comercial. Ou a gañadores como Paula Carballeira, que xa conta con varios libros publicados, ou o xornalista Darío Janeiro que, segundo se conta, foi o culpable –debido á excelente calidade da súa novela– de que Xosé Victorio Nogueira e Caixa Galicia decidisen que era necesario publicar os libros premiados.
¡En fin...! como ven é unha lamentable historia, na que todos os indicios apuntan á culpabilidade dos encausados. Por iso solicito agora de vostedes que fagan público o seu veredicto.