(presentación de Obertura sen heroe, novembro 2006)
Yoli vén de Ourense e trae nos seus poemas o espírito fervente da auga das Burgas, o renxer de pedra contra pedra. É dunhas pedras, dunha auga que veñen das profundidades da Terra, onde hibernan os morcegos e as sereas do centro da Terra (pois no máis fondo das covas tamén hai sereas) choran bágoas de marusía ou de sangue, berran, mais nunca ás agochadas.
Afirma Yoli que é unha crisálida, mais eu o poño en dúbida. Debe ser outra cousa, se paxaro ou bolboreta, non sei. Pois as crisálidas non voan e ela, a pesar da auga salgada que leva nas ás, voa ben alto.
Saíu voando desde as covas da incerteza. Mais regresou ou regresará, porque a incerteza é o lugar onde sempre regresamos procurar a cerna dos poemas. Dificilmente pode tirar poemas, acoitelando a materia, quen habita na seguridade.
Nese vóo emprendeu a viaxe que ten máis riscos, a viaxe cara ao proprio interior do corpo salgado, do seu corpo asolagado en bágoas, un camiño que sempre deixa atrás espellos crebados en estelas ou veas mordidas. Pois as veas resístense a ser circuladas e o espello non está conforme coa imaxe que del presentamos.
Di Yoli que trae os cabelos ourizados de pesadelos, mais nela somente vemos unhas trenzas loiras que van enguedellando, prendéndoas nas súas redes, luces, ferventías e incendios que acaban ganduxados nos tecidos dos seus poemas. Quizais, trenzados entre os fulgores, hai pesadelos, mais eu diría que avergonzados, batéronse en retirada.
Porque ela non berra ás agochadas, senón na praza, na rúa, no papel, no poema, no libro.
Yoli emprende unha viaxe ao interior do burka, e nun fermoso poema empréstalle a voz a Behjat, a muller paxaro, á sombra do miradoiro cego. Emprende o vóo polas corredoiras de Ciudad Juárez, onde habita nas mulleres que alá morren cada día. É unha viaxe de compromiso e denuncia pola manipulación, as guerras, a hipocresía, as agresións ás mulleres. Mais é tamén unha viaxe polo amor. ¿E que amante podería resistirse ás súas ordes? “Lámbeme!” “Aloumiña as inguas co teu coral pecador”.
O vóo de Yoli é sobre todo unha viaxe polas palabras, polas verbas soletreadas na area, no colo dos pés; unha viaxe a través do ollo que non ve, pero imaxina na danza da cegueira. Imaxina a soidade cando está con outras, imaxina a compañía cando está soa. Adiviña sen preguntalo o prezo que os demais pagan por respirar, o alento do deserto na caluga dunha rapaza. Un vóo que vai prendendo pequenos fachos que alumean ardores aquecidos por úlceras. Unha viaxe polas úlceras, polas feridas que van deixando cicatrices incurables na pel do mundo. Pois para Yoli nada do que lle ocorre a unha rapaza, a un rapaz noutro recanto do mundo, onde Occidente bota a Oriente no seu grande bandullo, élle alleo.
Ao final, Yoli, equivócaste
A páxina non sucumbe á tinta.