A autora lucense Marica Campo recollerá mañá en Gres, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), o premio "Arume" de poesía para nenos que outorga a Fundación Xosé Neira Vilas e que este ano chega a súa terceira edición.
O acto de entrega do galardón será presidido polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará Torres, e terá lugar mañá domingo ás 17.00 horas na sede da Fundación.
A obra vencedora do certame, Abracadabras, impúxose aos outros 24 orixinais chegados de toda Galicia pola súa "tenrura, riqueza léxica" e polo "depurado" oficio poético de Marica Campo, segundo indicou a organización nun comunicado de prensa.
Marica Campo, nada en Val do Mao, Incio (Lugo) en 1948, é autora de poesía, de relatos, de obras teatrais e mesmo dun libreto dun musical operístico. Memoria para Xoana foi a súa primeira novela, coa que gañou o premio de narrativa do Concello de Vilalba no ano 2001.