Coñecín a Vicente Piñeiro González hai moi poucos días. Visitoume na casa da miña nai, aquí en Lugo, despois de que nos puxese en contacto o noso amigo, Jesús Regueiro, o amable anfitrión que nos acolle nesta prestixiosa sala unha vez máis para nos reunir arredor da palabra.
Viña o poeta con oito libros na man, entre eles "Ceo e pedra", o que imos presentar hoxe, e invitoume a que eu participase neste acto. Díxenlle que si, mesmo antes de ler unha soa liña das que el escribira. Captei, nun primeiro momento, toda a carga de entusiasmo e bonhomía que leva consigo Vicente Piñeiro e iso abondoume para saber que o que saíse das súas mans non podía ser senón un producto contra a destrucción e contra o alleamento. Vin que escribía en galego e souben que este home amaba Galicia do único xeito posible, que é o das obras, das que o refrán di que son amores. Percibín a súa sensibilidade e a da súa cultura e pouco máis, porque ningún dos dous dispoñiamos aquel día de tempo para entrarmos en fonduras maiores.
Achegueime, pois, á súa obra sen preconceptos, coa imparcialidade da lectora que é inocente, é dicir, descoñecedora.
Lin na lapela dun dos libros que naceu en Lugo no 54, que cursou estudios de delineación e topografía, que dedicou unha parte da súa vida á docencia e que traballa como topógrafo na enxeñería civil. Mirei, non coa calma que eu quixera, porque o tempo non me permite outra cousa, os sete libros anteriores, e tirei xa algunhas conclusións:
A primeira, o grande entusiasmo e vitalidade, o espíritu de traballo, a alegría, a persistencia dun home a quen a dor e o sufrimento non son alleos. Observei que os sete libros foron publicados no curto período que vai do 97 ao 2000. Vin que no 2000 editara nada menos que tres libros, incluíndo o que hoxe nos ocupa.
O segundo que hai que sinalar en Piñeiro é a diversidade de campos que abrangue: novela, narrativa infantil, literatura didáctica e poesía.
Unha noverla histórica abondo interesante: "Os círculos sagrados", situada no tempo en que se construíu a muralla de Lugo, amósamos un traballo de documentación previo sen o que o relato non tería o rigor científico que o acompaña e, asemade, unha alta capacidade fabuladora.
"O can abandonado e outros relatos" do 97 e "Antoniño", editado no 2000, son literatura para nenos e poñen de manifesto o coñecemento que o autor ten do mundo da infancia e toda a tenrura que nela verte este home novo que xa hai anos que é avó.
O libro "Propostas de traballo", do 1999, evidencian o ensinante, o profesor que foi e leva dentro Vicente. Como tal sabe que non hai mellor xeito de aprender que o lúdico e, neste caso, acomete a difícil tarefa de axuntar matemáticas e poesía. Dúas cousas tan aparentemente distantes fanse cómprices neste libro cun único obxectivo, ensinar.
Os "Poemas de amor", publicados no
O primeiro, "Poemas de amor", son na súa maioría sonetos cun único tema, o amor, e está dedicado a Mª Luísa, a muller do poeta. É o único libro en castelán.
"Sonetos á xeometría" serve para demostrar que calquera tema pode ser obxecto do canto. E, despois de ler este libro, nomeadamente a xeometría que, á fin, ten a exactitude das rotas das estrelas. Sirva de mostra este soneto á pirámide que abofé, lle quedou redondo:
Catro raios de sol hai nun deserto,
e fanlle a un faraón de sepultura,
tumba solar de bela arquitectura,
feita con pedras e con moito acerto.
Nese gran mar de area ó descoberto,
ascende dende a base a moita altura
un coloso poliédrico, figura
que dende a terra apunta ó ceo aberto.
Un polígono en base dálle asento,
triángulos nas caras danlle forma,
vértice arriba sobe, apunta ó vento.
Faros do Nilo, sol do mediodía,
pirámide que o tempo non deforma.
Gran figura inmortal de xeometría.
Na "Guía en verso do camiño de Sanbtiago", márcanos o traxecto do Cebreiro a Compostela en coplas que teñen a frescura da poesía popular...
E, por último, "Ceo e pedra" , este poemario do que falarei algo máis polo miúdo, aínda que abondaría con ler o prólogo do autor, que é toda unha declaración de principios e de intencións, e despois mergullarse na lectura dos poemas.
Empeza dicíndonos que se trata dunha pequena antoloxía: Non é, daquela, un libro unitario como o dos poemas de amor ou o dos sonetos á xeometría. Os temas e os rexistros son diversos, aínda que o fondo de todo, como tamén o prólogo sinala, é o amor. Di Vicente: ?Poesía e amor compleméntanse porque son unha mesma cousa?.
Os vieiros do amor, ou mellor, o seu obxecto, ten nome na poesía de Piñeiro, non é un amor abstracto, ao xeito daquel Juan Ramón Jimenez que confesaba:
¡Que triste es amarlo todo/sin saber lo que se ama!
Amor a unha cidade con nome propio e antigo, Lucus Augusti, portadora de arte e historia. Amor de cidadán a unha cidade que se contempla xa como actual, xa Lugo polo tanto, e escenario privilexiado da existencia. Amor á muralla, ao Miño, a Galicia.
Dor que é amor pola perda do equilibrío ecolóxico simbolizado nun pobre patiño que vive na porquería dun estanque á beira do Hospital Xeral de Calde. Dor que é amor por unha galicia históricamente maltratada. Ao xeito de Rosalía de Castro que cantou:
"Pobre Galicia, non debes, chamarte nunca española
que España de ti se olvida".
Di Vicente nun soneto:
E que hei dicir, Galicia, gran pelouro,
que hei dicir que non saes da pobreza,
por todas partes ardes, ¡que tristeza!
Hai merda nos teus ríos que eran de ouro.
Mais aquí non é tanto un berro contra España canto contra os políticos corruptos que mataron a esperanza do pobo.
Hai, polo tanto, protesta social, entroncando coa tradición da poesía civil de Curros, de Celso Emilio ou de Manuel María, por citar só algúns dos autores máis representativos neste eido.
Amor a Deus en toda unha sección de poemas relixiosos, a maioría deles situados na catedral, centro privilexiado da relixiosodade dos lugueses e luguesas, e tamén arredor da festa do Nadal que atopa unha fermosa expresión no Belén de Begonte.
Hai outros poemas de homenaxe a don Quijote é un soneto que nos presenta a un cabaleiro da triste figura máis alegre e disfrutador dos praceres carnais, moi lonxe do que nos describe Cervantes, digamos que cos pés máis na terra. Confesa Alonso Quijano que é el mesmo e non o seu autor, que ten amores con Eldonza, a muller real que é Dulcinea na ficción e que mesmo a esta lle é infiel en Mondoñedo. Hai moita ironía e humor neste soneto que me parece un dos máis logrados do libro.
Remata o poemario con tres sonetos de amor dedicados á súa muller, Mª Luísa, nos que o poeta confesa a persistencia do seu amor e da súa paiuxón a pesar do paso do tempo.