CONFESO QUE ESTOU TOLA
|
Confeso que estou tola: Teño alucinacións multicolores nos plenilunios e ando a cortar lilas de auga para poñer, vizosas, en púcaros de lume. Porque vén ser que alobo cando a lúa é máis grande e branquiamarelea na pupila do mundo. Daquela escoito músicas de tambores e frautas e bailo cos pés nús no caborco da noite. Penduro das orellas espantos coma brincos de morcegos pregados e falo coas coruxas na lingua máis arcana. (Ignoro se me ollades, se estou engaiolada e vós, por divertirvos, ceibades cacahuetes entre as reixas que afastan o meu soño e o voso) Confeso que estou tola: teño unha barca branca que navega por rúas e por ríos de vidro e eu vou de pé na proa, cos remos cara ao ceo, derrubando as estrelas. (Non sei se as recolledes, se apañades os froitos da vendima dos astros para facerdes viño e cuspirmo nos ollos) Confeso que estou tola: Eu vivo no tellado da casa e cando chove bebo a chuvia que cae e dela me alimento. Béboa coma quen bebe tempo desconxelado, champaña á fin da festa ou un amor que pasa. Despois, cando clarea, perdo o medo e camiño sempre á beira do aleiro desafiando a altura. (Descoñezo se andades a chamar os bombeiros, porque a vertixe é vosa e a bebedez é miña) Confeso que estou tola: Quero facer fileiras coas formigas, confeso que estou tola, e que leven pancartas co teu nome, confeso que estou tola. Quero subir ás barbas do xigante, confeso que estou tola, e dicirlle na orella algún segredo, confeso que estou tola. Quero coller o touro polo alento, confeso que estou tola. e levalo a unha feira nas galaxias, confeso que estou tola. Non quero ir convosco á perruqueira, confeso que estou tola, gusto de ser a muller despenteada, confeso que estou tola. Confeso que estou tola, confeso que estou tola, Confeso que estou tola. Amén. |
Regreso en Outono
|
|