di miña avoa que o día de reises é de laranxa mandarina que os reises viñan de cabalo ata a porta do rueriño e que era unha alegría grande porque as laranxas dos reises eran pequenas e doces como son as cousas que nos han de acompañar xa sempre as apertas longas e a música para os amigos verche sorrir a unha muller fermosa e saber que levas bicos nos petos os favores e os consellos e ti e david e os palitos e ves e érguesnos porque sabes que caemos algunha noite e todo iso que é tan facil porque ti sempre apareces e di miña avoa |
poema sen libro para abraham e a amizade |
cuqui é pequeno de
máis para ser un osiño de peluxe e cáelle o naris por iso non lle gusta ir á lavadora nin que mamá o colgue a secar polas orellas ademáis bótame de menos durante o centrifugado e eu a el ¿e se lle doe? as orellas ¿e se lle doen as orellas das pinzas? ou estar só tanto tempo na trandeira e eu a el sobre todo hoxe que é luns e ti estás tan lonxe así que o meto húmido debaixo das sabas e apértoo para que non chore máis que eu sexa xa grande que me gusta porque sei que me quere pequeno como só poden querer os osiños os nenos que lle perdoan ata a dor das pinzas como sei que ti e eu nos queremos |
poema sen libro para david e o amor |
pechamos a casa de papamanolo
e mamamilia e quedou a televisión prendida e mamamilia chorando no salón mirando para o moble da tele e na tele botan sempre un partido e xoga o raio e eu seino porque papamanolo o escoita na radio no piso darriba non baixo non que me doen os osos do fume do tabaco e o que lle doe é que ela non o coñece e colleulle medo pero nós dicímoslle que o quere moito que mo dixo a min e sorríme de mentira e ¿porque chora mamamilia? é que é que non sabe o que ocorre é que morreu teu pai e meu pai non morrera tal que lle daba corda ó reloxo do alto das escaleiras ¿véo mamamilia? vexo posto na puntiña dos pés para chegarlle a agulla das doce e chora outra vez mamamilia |
poema sen libro para a familia e a enfermidade |