PRESENTACIÓN DE OBRA POÉTICA CASE COMPLETA DE Mª Carmen Kruckenberg
Vigo, 14 de xuño de 2000
Nesta tarde de pre-verán, xuntámonos aquí para celebrar outra reunión, a dos libros de poemas da nosa amiga Mª Carmen Kruckenberg, que a modo de fillos creados nun momento de paixón, de dor ou de exaltación vital andan espallados polo mundo coa súa propia vida, e a nai/autora quixo velos reunidos como membros dunha familia numerosa que se encontran na madureza da súa vida. Son vinte e dous poemarios e centos de poemas en galego e castelán os que estan reunidos neste groso libro da Obra poética case completa.
A Kruckenberg é xa parte da historia literaria galega, a poetisa máis nova da Xeración chamada «de enlace», na que os historiadores da literatura sitúan os poetas e poetisas nacidos na década dos anos vinte. Xeración que fai de elo entre a do 36 e a dos nacidos a partir de 1930, chamada por Ferrín a das «Festas Minervais». Son compañeiros de xeración da Kruckenberg: Ramón Glez. Alegre (20-68), Faustino Rey Romero (21-71), Antón Tovar (1921), Tomàs Barros (22-86), Luz Pozo (1922), Eliseo Alonso (24-95) e Manuel Curra Novás (26-92). Autores de formación republicana cos que Mª Carmen compartiu tristes e festivos momentos da longa noite de pedra, e cos que colabora nos seus proxectos culturais. Illados de Europa, do mundo da cultura e literatura modernas, fundaron revistas como Alba, Aturuxo, Posío ou Xistral, nas que foron dando a coñece-las súas composicións poéticas.
Mentres alén dos Pirineos os universitarios estudiaban a Nietzche, a Heiddeger e a Sartre aquí estabamos a repasa-la filosofía dos escolásticos e a le-los clásicos españois. Non había máis modelos que cós autóctonos permitidos polo réxime, e os poetas e poetisas galegos tiveron que engancharse no elo dos maiores. Imitaron o imaxinismo paisaxístico e utilizaron elementos neotrovadoristas de ceme galego, ó lado do intimismo pesimista de raíz metafísica aprendido na lectura dos poetas españois: Vicente Aleixandre, Xerardo Diego ou Dámaso Alonso.
Na obra dos poetas e das poetisas da xeración da Kruckenberg é fácil percibi-la súa desorientación estética e a falta de unidade creativa. Con escasas excepcións (quizais Rey Romero ou Cuña Novás) a maioría deses poetas utiliza diversidade de liñas temáticas e expresivas. Pero, fronte á preocupación formalista das xeracións anteriores, na da Kruckenberg hai unha clara preocupación pola humanización da poesía. Reacción lóxica de pensarmos nas vivencias que cada un e cada unha deles tiveron da guerra e das súas consecuencias posteriores. De maneira que, despois dos iniciáticos xogos poéticos dos primeiros tempos, os escritores fan da expresión poética unha reflexión sobre a vida do ser humano nun mundo tan absurdo, uns desde a perspectiva relixiosa e outros desde posicionamentos máis existencialistas, ata chegar a adopta-lo fondo pesimismo existencial dos poetas e poetisas da xeración seguinte (Escola da tebra). A obra da nosa poetisa participa dos mesmos modelos e utiliza a mesma variedade de temas e de estilos que os seus compafieiros de xeración, como a partir de agora podemos apreciar na Obra poética case completa.
Sobre a vida da nosa autora só farei mención de dous datos significativos -ó meu ver, claro- na súa vocación e construcción poéticas. Mª Carmen Kruckenberg nace en Vigo nunha familia urbana castelán falante de boa posición social -o que outros chaman alta burguesía-, culta e liberal. E foi educada nun ambiente de liberdade de pensamento e de acción no Colexio alemàn de Vigo. Con eses bimbios, xa na posguerra, a xove Kruckenberg participa nos eventos culturais da súa cidade, le con desmesura, coñece poetas e comeza a componer versos utilizando como vehículo expresivo o castelán, a lingua de relación familiar na que a futura escritora foi alicerzado o pensamento. O castelán é a lingua na que aprendeu leccións de poética na súa imborrable estadía na cidade de Buenos Aires. Un dos trinta e tres países polos que a Kruckerberg andou, entusiasta infatigable por coñecer as diversas formas de vida, con plena consciencia de que «os viaxes dan a experiencia vital que Rilke considera necesaria a todo poeta», como escribiu Xosé Mª Álvarez Càccamo no limiar dunha das obras da nosa autora. No poemario bilingüe Vivir, unha aventura irrepetible (1998), a autora quere darno-la súa ollada poética sobre as cidades que visitou. Partindo de Galicia, fai un longo percorrido polas máis importantes cidades de Europa, de Asia, de África e das Américas do norte e do sur. Cada cidade é un poema (pp. 443 «Hungría», 448 «Mónaco», 468 «Bangkok »...)
Obra poética case completa é o labor de máis de cincuenta anos, que comezou en Buenos Aires co breve poemario (o primeiro que publica a nosa autora), Las palabras olvidadas, datado en 1953, do que se fixo unha edición limitada. A este libriño seguíronlle as composicións populares, Cantigas do vento, un libro que saíu en Vigo tres anos despois, na colección Alba. É unha poesía de xuventude, de exaltación festiva polos elementos da paisaxe galega, co mar como protagonista, na que se atopan pegadas da vital Rosalía dos Cantares gallegos, como na glosa do cantar «Na beira do mar hai moito que ver./ As ondas brincando coa area de mel». No propio texto cítase a autora do Sar: «Hoxe pasei por Padrón,/ hoxe vin a Rosalía./ Estaba erguida no monte/ ollando pasar a vida».
E a Obra -aínda incompleta- remata co poema inédito «Testamento a Cristina», a súa amada filla, ausente da Terra, da nai e da poesía. Un poema de gran forza expresiva no que a poeta-nai, adiantándose a un día que ha de vir, ofrécelle á filla parte do que màis estima, «unha cantiga sementada na terra» e «o agarimo e a ledicia deste pobo» que -declara a Kruckerberg- «fixo de min unha onda escumosa polas areas fondas da señardade». O desexo da poeta-nai é que algún día a filla chegue a participar da realidade do pobo galego construído no traballo do mar e da terra ó que ela pertence por méritos propios.
No interior do libro hai «Poesía inevitable» na que a Kruckenberg expresa a loita pola existencia, propia ou daqueles que padecen a historia. Poesía íntima e poesía nacida da rabia contra os que causan as guerras "frías e quentes", do noxo pola destrucción do planeta ou do berro contra a fame. Pero hai tamén moita poesía de circuntancias, composicións cheas de xenerosidade coas que a poetisa sempre atenta á vida dos amigos e das amigas, quixo agasallar a alguén. Son poemas feitos para un momento especial de celebración festiva, de pesar ou de consolo. De todo hai na poesía de circunstancias de Mª Kruckenberg, porque é unha muller disponible para todos e todas aqueles que a chaman. Ela non ten dúbidas à hora de poner a palabra poética ó servicio dos demais, nunca para molestar a ninguén.
Eu descoñecía varios dos libros en castelán de Ma Carmen Kruckerberg, pero xa tina a sospeita, que agora se me confirma coa lectura da súa Obra poética case completa, que a nosa escritora acada un alto rigor idiomático e constrúe os versos máis firmes da súa poesía cando utiliza a lingua da súa infancia. Sen embargo Kruckenberg, sensible á situación da lingua do seu país, a lingua resgardada polos falantes sen presencia na historia das culturas, aprende a fala-lo dialecto dos criados e fai do galego a outra lingua de creación, e con ela introdúcese no seu propio universo poético. Universo feito coa forma breve das cantigas: cantigas ó xeito popular, cantigas ó modo antigo das de amigo e cantigas de maior complexidade formal nas que a poetisa reflexiona sobre os eternos conflictos dos humanos: o amor, a soidade, a soedade, a saudade do tempo pasado, a morte...
Cantas veces eu cantara,
Cantas se me esquecería.
Falar das cousas aquelas,
Lembrarme o que máis quería.
Fuxir polo monte arriba
Deixando o mar xunto á ría
E a ti morrendo no leito
Sin [os] meus choros, miña vida... Cantas veces eu cantara,
Cantas se me esquecería.
(A sombra ergueita, 1976)
¡Saúde e días felices para completa-la obra!
Camiño Noia